DO LOCAL AO UNIVERSAL ISAAC DÍAZ PARDO: UNHA IDEA ORIXINAL DO DESEÑO NA ERA DA GLOBALIZACIÓN

Xosé Díaz Arias de Castro

Un xenio anda solto: pintor, deseñador, ceramista, escritor, ilustrador, editor, animador cultural, empresario de éxito… Isaac Díaz Pardo (1920-2012) realizou, a grandes trazos, arquitectura de vangarda, deseñou e patentou máquinas avanzadas para a fabricación de porcelana e estableceu novos sistemas de produción e administración nas súas empresas. Foi a personalidade máis galardoada de Galicia: doutor honoris causa polas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e medalla de ouro da Xunta de Galicia, recibiu todas cantas distincións se outorgaron en Galicia, sendo un dos personaxes máis queridos e populares da súa comunidade. 
Cadeira antropomórfica, deseño de Díaz Pardo en 1976. 
Feita en madeira de castiñeiro e aceiro pintado de negro, 
formaba parte do mobiliario das galerías Sargadelos. 
Fotografía cedida por Xosé Díaz

Todo comezou en xuño de 1936 cando o fillo pequeno do deseñador, pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño realizou na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, como propaganda para o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, unha intervención que percorría a totalidade do espazo existente entre os catro rexios edificios (Catedral, Hospital dos Reis Católicos, Palacio de Raxoi e Colexio de Fonseca): foi nese preciso momento cando o novísimo Díaz deuse de conta da extraordinaria capacidade simbólica que tiña a súa actuación (arte, deseño?), unha obra precursora do que hoxe entendemos por instalación, e decidiu unir o seu destino á actividade artística. 

A partir de aí comezou unha carreira chea de creatividade e determinación que culminou cunha das súas máis importantes realizacións: a recuperación da antiga cerámica de Sargadelos, unha empresa que ocupou a última etapa da súa vida e que resultou ser a culminación de toda unha serie de ideas que foi desenvolvendo e ampliando ao longo da súa vida. Porque Sargadelos supuña algo máis que volver a pór en funcionamento unha das máis prestixiosas industrias galegas do século XVIII: era ademais unha verdadeira declaración de principios, ao concibir unha industria que reivindicaba as formas propias de Galicia.

Despois de licenciarse en Belas Artes en Madrid, e como colofón a unha curta pero exitosa carreira artística -con exposicións en Madrid, Barcelona, Londres, Buenos Aires…-, Díaz volta a Galicia, colga paleta e pinceis e en 1949 funda Cerámicas do Castro, unha industria de porcelana nas proximidades de A Coruña. A súa idea era socializar a creatividade, ou o que era o mesmo: necesitaba que o seu talento artístico chegara ao conxunto da sociedade. De aí a súa aposta polo deseño. Pero os anos 40 e 50 eran duros, e ante a imposibilidade de conseguir a tecnoloxía axeitada, inventa e patenta a maquinaria e os fornos para sacar adiante a empresa. Pouco tempo despois, en 1955, o prestixio das súas porcelanas chega a Buenos Aires, por aqueles anos unha das capitais máis influíntes de América Latina, e acepta unha invitación de varios artistas e intelectuais -entre os que cabe destacar a Luís Seoane, un importante pintor, editor e escritor galego-arxentino- para levantar unha fábrica de porcelana a imaxe e semellanza de Cerámicas do Castro. A experiencia americana reafírmao na súa idea dun deseño culto e respectuoso coa cultura que o crea, á vez que o talento, erudición e modernidade dos exiliados republicanos que o envolven, o enriquecen e lle dan alento para os proxectos que con eles vai concibindo para o seu regreso a Galicia.
Adán e Eva, óleo sobre lenzo de Isaac Díaz Pardo, pintado en 1966 durante a súa estadía en Arxentina. 
Cedido por Xosé Díaz

É así como nace unha das súas máis importantes achegas ao mundo do deseño e a cultura: a creación do Laboratorio de Formas de Galicia, unha sociedade instrumental de base teórica que exercía de auténtico think tank e que fará realidade unha serie de proxectos relacionados coa arte, o deseño, a industria, a divulgación cultural, a recuperación de institucións históricas e o mundo editorial. O Laboratorio nace en 1963, man a man con Seoane, e a súa filosofía resúmese na importancia de coñecer o pasado con capacidade analítica e crítica para poder establecer as bases do futuro. Este principio teórico establecía a idea esencial do Laboratorio: as formas estúdanse dende o punto de vista dunha linguaxe, e como tal linguaxe, posúen un antecedente, nacen nun lugar determinado, teñen orixe. En definitiva a achega do Laboratorio ao deseño contemporáneo non é outra que a de proxectar formas con referencias sólidas que potencien as súas calidades simbólicas. Ou dito doutro xeito: os deseños han ter, ademais dun carácter funcional, un carácter comunicativo, de maneira que funcione en dous niveis: o material e o emocional. Só así, desta forma, o deseño poderá afrontar o reto da globalización, para que se diferencie e se distinga transmitindo uns valores propios, enraizados na cultura da que nace. A frase de Seoane, “queremos enriquecer ao mundo coa nosa diferenza”, resume con precisión a filosofía do Laboratorio de Formas.

Díaz Pardo decorando un dos seus primeiros deseños na factoría coruñesa, en 1952.
Fotografía cedida por Xosé Díaz

Non dubidaba Díaz de que a causa da globalización o deseño sería sometido a unha profunda revisión, onde o concepto “lugar” tería que acaparar o interese dos proxectos, que hoxe céntrase unicamente na innovación e a orixinalidade… e, como non, na revisión de estilos pasados como única saída á cansiña innovación que actualmente nos impón o establishment do deseño. Umberto Eco, coa lucidez e a liberdade que o caracterizaba, ironizou sobre algunha das derivas do deseño contemporáneo ao escribir aquilo de que “cando Philippe Stark quixo cambiar a forma do espremedor creou un ob-xecto de gran beleza, pero que deixa caer as pebidas no vaso, mentres que o espremedor clásico as retén xunto coa polpa”. Sostiña Díaz que a globalización provoca a uniformización do deseño, de maneira que aparecen formas moi parecidas en todo o planeta, co conseguinte empobrecemento das súas capacidades simbólicas e comunicativas. Tal como sentenciou o arquitecto Víctor López Cotelo: “é o efecto Coca-Cola: sempre é a mesma e de fácil identificación”.

A década dos 60 será unha época chea de proxectos e realidades. A cabalo entre Arxentina e España, Díaz vai debullando ideas e facéndoas realidade. En 1963 funda Ediciós do Castro. Dedicada a divulgar temas culturais e históricos, foi durante décadas a editorial máis prolífica de Galicia e a que, coa súa colección Documentos para la historia contemporánea de Galicia, con máis de 250 títulos, sacou á luz a historia oculta do país, rescatando do esquecemento sucesos e personaxes fundamentais para entender o presente. Ademais, a editorial, que posuía coleccións de ficción, ensaio, arte, deseño, etc., divulgaba todas cantas iniciativas se ían materializando, xa fosen de tipo cultural ou empresarial.

En 1970 funda o Museo Carlos Maside, que a día de hoxe segue a ser o único museo de arte contemporánea de Galicia. A súa idea era clara: recuperar a arte da vangarda galega que a guerra civil desbaratou, enviando ao exilio á maior parte dos artistas, algúns deles asasinados na represión posterior ao golpe de estado e moitos silenciados durante longos anos, artistas cuxa memoria rescatou o museo para xeracións futuras. No edificio do museo, obra do arquitecto Andrés Fernández-Albalat, Díaz realizou o deseño de todo o interior: escadas, pasamáns, iluminación, auditorio… o que converte este espazo arquitectónico nunha auténtica xoia do interiorismo público do século XX galego. É neste mesmo ano cando se inaugura o complexo industrial da nova etapa de Sargadelos, nun rincón da Mariña de Lugo onde o ilustrado Antonio Raymundo Ibáñez levantou en 1796 unha siderurxia cos primeiros altos fornos que se construíron en España e, en 1806, a mítica manufactura de cerámica Reales Fábricas de Sargadelos, cuxas pezas repousan hoxe en museos e coleccións particulares. A filosofía de deseño que Díaz pon en práctica en Sargadelos non se baseou en remedar as decimonónicas pezas de Sargadelos; el tivo a orixinal idea de concibir unha porcelana con formas novas, con espírito contemporáneo, pero con referencias culturais propias para que aportaran aos seus deseños a carga simbólica que convertían as porcelanas de Sargadelos en elementos identificadores de Galicia. Deseños que propoñen un sistema de valores específico pero con vocación universal. Tal como o definiu o arquitecto e profesor da Domus Academy, Giulio Ceppi, que propoñía “facer produtos dos lugares e lugares dos produtos”. Ou como o expresou o sociólogo italiano Franceso Morace cando sentenciou “pensa localmente e propón globalmente”, como única maneira de personalizar e singularizar os deseños no mundo actual. 

Interior do Museo Carlos Maside, en Sada (A Coruña), coa escaleira, varandas e lámpada
central deseñadas por Díaz en 1987.
Fotografía cedida por Xosé Díaz
Paralelamente ao seu labor como ceramista, editor e animador cultural, Díaz desenvolveu un método de produción dos seus propios deseños de mobiliario: mesas, cadeiras, expositores, andeis, etc., destinados principalmente aos espazos das súas empresas e institucións culturais, como o xa citado Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información, o Seminario de Estudios Cerámicos, o Laboratorio de Industria e Comunicación ou as Galerías Sargadelos que se abriron en Galicia, Madrid, Barcelona, Sevilla, Milán ou Oporto, espazos comerciais nos que ademais de vender os produtos cerámicos do Grupo Sargadelos, vendíanse libros galegos e portugueses e posuían unha sala de exposicións onde se realizaban toda clase de actos culturais, sempre coa filosofía de divulgar a cultura galega, unha experiencia, en certa medida, parecida ao que representa hoxe Ikea onde, ademais de vender mobles, “véndese” un recoñecido estilo de vida nórdico. Actualmente (ata o 5 de novembro) pódese ver unha selección das pezas de Díaz na exposición sobre deseño de mobiliario (Da árbore á cadeira) na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. 

Nas súas obras, escritos e actos defendeu sempre un deseño con ética, sustentable e identitario; un deseño socialmente responsable para satisfacer necesidades reais, fronte a un deseño “comercial” só interesado en aumentar beneficios. Un deseño, en fin, que enriqueza ao ser humano e o integre nun sistema de valores humanísticos e con vocación de servizo. Sen dúbida, estamos ante un visionario que se adiantou á súa época, á que unicamente pretendeu enriquecer. 


NOTA: este artigo, na súa edición en castelán, foi publi-cado previamente en T: The New York Times Style Maga-zine, nº 6, 09/2017. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *