Claudio Rodríguez Fer
Eu quixen coñecer e de feito coñecín en máis dunha viaxe a Alta Saboia na que moraron os exiliados españois -e referentes na ética e na estética- Manuel Azaña, María Zambrano e José Ángel Valente, sobre todo pola miña relación persoal e investigadora con este último. En efecto, animado pola súa proximidade a Xenebra, onde comezou a traballar e a vivir en 1958, o poeta galego José Ángel Valente fixo excursións pola Alta Saboia francesa dende moito antes de establecerse no municipio saboiardo de Collonges-sousSalève en 1975. Unha das máis temperás, realizada aos poucos meses de chegar e guiado polo seu amigo anarquista Alejandro Sancho Riera, foi a que o levou ao cemiterio montañés de Morette, próximo ao Plateau des Glières. Tal visita tivo unha importante consecuencia poética, pois inspirou a composición “Cementerio de Morette-Glières, 1944”, importante poema histórico que xa puiden contextualizar, en colaboración con Tera Blanco de Saracho, no libro biográfico Valente vital (Ginebra, Saboya, París).
O poeta, ensaísta e tradutor José Ángel Valente (https://www.flickr.com/ photos/76540627@N03/7628906570/)
Deste xeito, Valente visitou o cemiterio de Morette, situado na estrada existente entre Annecy e Thônes, onde foran enterrados combatentes da resistencia contra a ocupación nazi abatidos durante a Segunda Guerra Mundial. E nel encontrou a lápida en memoria de diversos resistentes españois, falecidos durante os durísimos enfrontamentos co exército alemán de 1944, cuxos nomes e procedencias anotou con contida emoción, tal como recolle o poema que lles dedicou, co tempo á súa vez protagonista dun emotivo acto que me había levar a min a Annecy moitos anos despois.
En efecto, o 27 de maio de 2014, aniversario da creación do Comité National de la Résistance por Jean Moulin, instalouse ante o monumento “Aux Espagnols morts pour la Liberté dans les rangs de l’Armée Française et dans la Résistance”, que se encontra na Avenue de Genève de Annecy, unha placa coa versión ao francés do citado poema de Valente, realizada polo seu tradutor habitual a esta lingua, Jacques Ancet, e acompañada por documentación histórica e fotográfica. No pedestal do monumento, debido ao escultor anarquista zamorano Baltasar Lobo, exiliado en Francia tras a Guerra Civil Española, pode lerse unha frase do Quijote de Cervantes segundo a cal pola liberdade “se puede y se debe arriesgar la vida”.
A instalación foi promovida e presentada pola activa Amicale de la Résistance Espagnole en Haute-Savoie, presidida por Miguel Vera Platero, un dos catro fillos alí presentes do histórico comandante Miguel Vera Navas, quen durante a Segunda Guerra Mundial coordinou as forzas resistentes na zona e participou na liberación da cidade. Foi Miguel Vera Platero quen, en nome da Amicale, me convidou a participar na inauguración da placa en Annecy pola miña condición de amigo e estudoso do poeta e de director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela.
Tras o promotor do acto, Miguel Vera Platero, interviñemos o citado Jacques Ancet e eu mesmo, lendo o poema de Valente en francés e en español, respectivamente. A continuación falou o Xeneral Jean-René Bachelet, presidente da Association des Glières pour la mémoire de la Résistance, quen eloxiou a exemplar fraternidade dos que deron a vida en terra allea por construír xuntos a verdadeira Europa, sen distinción de razas, nacionalidades, linguas ou credos, baseándose tan só nos principios da igualdade e da liberdade contra a intolerancia xenocida do III Reich alemán e dos seus aliados.
A cerimonia estivo presidida por Anne Coste de Champeron, representando á Prefectura de Alta Saboia, acompañada por Jean-Luc Rigaut, alcalde de Annecy, e por Antoine de Menthon, vicepresidente do Consello Xeral de Alta Saboia, entre outras autoridades civís e militares. Realizouse tamén unha múltiple ofrenda floral das institucións e asociacións alí presentes, cuxos representantes depositaron as flores na compaña de escolares, que acudiron cos seus profesores.
Eu viaxei dende Suíza coa escritora e así mesmo memorialista Carmen Blanco, a quen acompañara a Xenebra con motivo dunha conferencia por ela alí pronunciada. Mais tamén asistiron amigos e admiradores galegos de Valente chegados dende Xenebra para a ocasión, como os inmigrantes Suso Baamonde, Pepe Ramil e Pepe Constenla, xunto cun bo número de españois de diversas procedencias xeográficas, todos eles descendentes da emigración ou do exilio.
Durante o acto, unha banda de música realzou solemnemente a non sempre contida emoción do público interpretando as pezas “Chant des Partisans”, himno da Resistencia; “Les Allobroges”, himno de Saboia, e “La Marseillaise”, himno de Francia, pero tamén canto de resistencia contra a ocupación alemá no momento en que tiveron lugar os combates conmemorados.
“¿Quién podría decir que murieron en vano?”, escribiu Valente en relación con tal “historia nuestra que no conocimos”. Grazas á poesía de Valente e a iniciativas como esta da Amicale da Resistencia Española en Annecy non se esquecerá tan impresionante lección de historia solidaria en Francia e comezará tamén a coñecerse máis en España. Participar en tal acto foi para min unha honra inesquecible e unha vivencia ética equiparable á beleza estética da moi bela Alta Saboia.
Tal beleza contrasta vivamente cos tráxicos acontecementos acaecidos no Plateau des Glières, a verde e ondulada meseta onde se libraron tan cruentos combates e onde, paradoxalmente, pode agora gozarse dun delicioso e relaxante locus amoenus. Mais itinerarios próximos, como o perfectamente indicado do Sentier des Espagnols, en memoria da resistente sección Ebro, formada por exiliados republicanos, lembran en paneis o alí sucedido nos anos corenta.
Ademais, no medio da meseta hai un sólido monumento á Resistencia esculpido por Émile Gilioli e inaugurado polo escritor -e por dúas veces ministro- André Malraux. Dentro da sobria construción está inscrito o lema daqueles resistentes: VIVRE LIBRE OU MOURIR. Esta mesma divisa preside tamén o memorial do cemiterio de Morette, onde xacen os nove antifascistas españois mencionados no poema de Valente. E á beira desta necrópole nacional dedicada á Resistencia da Alta Saboia poden visitarse en dous edificios o Musée départemental de la Résistance, en homenaxe aos combatentes alí abatidos, e o Mémorial départemental de la Déportation, en homenaxe aos cidadáns da zona deportados polos nazis.
Tanto no cemiterio de Morette como no Plateau de Glières existen centros de divulgación, nos que puiden ver duplicada a exposición “En quête de liberté: de l’Espagne à la Haute-Savoie”, dedicada á intervención republicana española na comarca e exhibida durante boa parte do ano 2017. Mais a presenza de dito exilio republicano maniféstase en forma tricolor en ambos lugares, pois no cemiterio de Morette os sepulcros dos españois están marcados cun distintivo coas cores da bandeira republicana e no Plateau des Glières vin unha instalación educativa composta por milladoiros formados con pedras pintadas de vermello, amarelo e morado. Estes milladoiros, que rodean bandeiras coa inscrición en español da histórica consigna “Más vale morir de pie que vivir de rodillas”, foron pintados por decenas de escolares da comarca para honrar así os libertadores estranxeiros que deron a vida contra a barbarie nazi. Toda unha lección de ética e de estética que aínda non se aprendeu na propia España.
Así mesmo, na próxima vila de Thorens-Glières hai un monumento co lema VIVRE LIBRE OU MOURIR en homenaxe aos heroes e mártires locais que loitaron contra a escravitude e a servidume durante a ocupación nazi, que conta cunha sección en recoñecemento de catro dos resistentes españois abatidos en 1944 e que puiden ver honrada con flores máis de sete lustros despois.
Aloxado na veciña vila montañeira de Thônes, primeira vila de Francia liberada dos nazis polas súas propias forzas en medio das prealpinas montañas Aravis, os meus máis sentidos amores e clamores parecían prolongarse en acolledores vales verdes e altos montes varudos repousando de tan emocionantes encontros e visitas. Nin sequera o turismo de montaña, que non esquece ofertar unha Salle des Amoureux baixo os soportais do centro da vila, e a reputada gastronomía, en boa medida representada polo queixo reblochon, distraen do dobre e intenso compromiso que se pode aspirar e respirar en tan paradisíaca comarca.
No Passeur de Livres de Thônes, armario ao aire libre aberto día e noite aos viandantes que desexen ler ou intercambiar algo, atopei libros dunha significativa parella de autores cun pouco de alterego dos visitantes vitais: Marguerite Yourcenar e Boris Vian. A verdade é que o azar obxectivo e a suxestión subxectiva deste tipo de proposta pública, moi frecuente nas vilas de Francia, na que sempre adoito curiosear, non me decepcionou nunca, e moito menos en Thônes, de cuxo contorno natural fala Rousseau nas súas Confessions.
Máis próximo a Xenebra encóntrase Collonges-sous-Salève, en cuxa retirada e residencial Route du Champré se instalou Valente nos anos setenta. Mais o poeta non foi o primeiro antifascista español alí afincado, xa que moito antes, en 1939, se refuxiou nesta vila o derradeiro presidente da II República Española, Manuel Azaña. En efecto, na vella casa coñecida como La Prasle, alugada polo seu polifacético cuñado Cipriano Rivas Cherif, residiu un tempo Azaña, tal como lembra unha placa situada na céntrica Place de Savoie, onde se indica que foi acollido polo etnólogo Marcel Griaule e a súa esposa Jeanne. Alí dimitiría Azaña como presidente da II República Española o 17 de febreiro de 1939 e alí escribiría os artigos que compuxeron o seu tan significativo libro Causas de la guerra de España.
O propio Valente lembrou por escrito este episodio, así como outros tamén acontecidos en tan pequena veciñanza, da que por certo procedían os antepasados paternos do músico Ravel. Porque, efectivamente, en Collonges-sous-Salève morou de neno o escritor Rousseau, por ela pasou o poeta Lamartine e nela casaron en secreto o compositor Giuseppe Verdi e a cantante Giuseppina Strepponi, feitos dos que hai testemuños no rueiro e nos muros da vila, cuxa igrexa exhibe medallóns coas efixies dos románticos Lamartine e Verdi.
Impresiona lembrar que entre estas presenzas alongadas no tempo entre Francia e Suíza, así como preto de Italia, morou a trintena de persoas que acompañou a Azaña cando chegou a Collonges-sous-Salève fuxindo do fascismo. E tamén que dende aquí o galego Valente mostrara aínda a súa natureza exílica en 1975, escribindo ao escritor cubano José Lezama Lima pouco antes da morte do Xeneral Franco: “Me encuentro bien en esta tierra ambigua, entre dos patrias, ninguna de las cuales es la mía (suponiendo que a uno le vaya quedando alguna)”.
Dende Annecy, a principal cidade da Alta Saboia, emprazada entre as montañas prealpinas e o gran lago que leva o seu nome, pode verse o impresionante Mont-Blanc, que deu nome ao seu aeroporto. A asombrosa beleza lacustre entre montañas de Annecy, reforzada por un histórico, monumental e pintoresco casco vello, propiciou a súa explotación turística e cinematográfica, pois en medio dela filmaron Lelouch e Godard.
Ademais, o lago de Annecy protagonizou unha das miñas películas preferidas: Le genou de Claire, de Éric Rohmer, que foi quen me descubriu a súa beleza durante a miña mocidade. Mais como teño escrito nun versículo alí concibido precisamente en compañía da ensaísta e memorialista María Lopo, o lago e os montes da Alta Saboia remitirán sempre con xustiza poética ao tráxico tempo en que toda esta comarca se viu “convertida en meseta do corazón de Europa”.