ASOCIACIONISMO CULTURAL E RECREATIVO EN SADA NO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX (II)

Manuel Pérez Lorenzo
A agrupación folclórica A Troula, retratada con motivo da súa presentación pública en abril de 1928.
Fotografías de Francisco Varela Posse (Eco de Galicia, La Habana, 20/08/1928)


NOVAS EXPERIENCIAS BAIXO O CORSÉ DA DITADURA DE PRIMO DE RIVERA 
No ano 1923, logo dun golpe de estado, accede ao poder o xeneral Miguel Primo de Rivera, dando paso á ditadura que ocupará o resto da década. Nesta etapa desaparecen as organizacións sindicais e políticas –a excepción da Unión Patriótica, partido único do réxime–, pero sobreviven as mutuas agrarias e as asociacións deportivas, recreativas e culturais que carezan de orientación ideolóxica explícita. Algunhas delas, precisamente, servirán como máscara para o desenvolvemento de iniciativas políticas perseguidas pola ditadura. 

Descoñecemos cantas das entidades constituídas nos anos previos mantiveron a súa actividade após 1923. De feito, tan so é constatable a supervivencia da sociedade Sada y sus Contornos, que, malia ter centrado os seus esforzos na construción das escolas homónimas –sufragadas coas achegas de emigrantes sadenses nos EEUU e de veciños e veciñas da localidade– e na realización de funcións asistenciais, tamén contaría cun cadro de declamación e unha coral, celebrando actos festivos. 
Ata o ano 1926, as iniciativas de carácter cultural na vila escasearán, ao tempo que se incrementa de forma exponencial a oferta de ocio. Son, os anos 20, tempo de proliferación de salóns de baile, cinemas e cafés. A Terraza, importada peza a peza da Coruña, e o Salón Moderno, “centro brillantísimo de todos los placeres mundanos”, en palabras da revista local Mariñana, abarrotan de mocidade as súas estancias. Sada consolídase como referente para o lecer na bisbarra coruñesa, nomeadamente nos meses estivais: 
Sada, la villa veraniega, tiene cada día mayor número de forasteros […]. Es un pueblo contagiado del bullicio de los populosos en su gracia, en la animación de sus calles, de sus salones de baile, cinemas y otros espectáculos públicos. Citemos el “Pabellón Moragra”, el “Gran Cine” y “El Moderno”, así como los concerts bailes “La Terraza” y el novísimo “Salón Royalty”, concurridos ambos, los restaurantes “Terraza”, el elegante “Moderno” y “Español”. 
Tamén cobra protagonismo a práctica dun deporte que chegara uns anos antes: o fútbol. Para amparar a creación dun club propio, constituiríase, en xullo de 1924, unha entidade de carácter recreativo, a primeira da ditadura, que teñamos constancia. Trátase do Sporting Sada, matriz do Sporting Sada F. C. que, naqueles anos, rivalizaba co outro equipo da vila, o Vendaval. A nova asociación había artellar, ademais, unha rondalla e un cadro de declamación, agrupando no momento de se constituír a apreciable cifra de 80 socios. Ocupaba a presidencia Manuel Pérez Sanjurjo, auxiliado, entre outros, por Manuel L. Freire-Calvelo, practicante e xornalista omnipresente nas iniciativas societarias locais daqueles anos. 
O PÓSITO MARÍTIMO TERRESTRE E O SEU LABOR CULTURAL E EDUCATIVO 
Escasean, xa que logo, as asociacións que, no marco da ditadura, se definen pola súa natureza exclusivamente cultural ou recreativa. O proxecto que si se pon en marcha nestes anos, e que ha adquirir un papel central na sociedade sadense, sobrevivindo ata os nosos días, é o Pósito Marítimo Terrestre del Trozo de Sada (actual Confraría de Pescadores). Unha entidade mutua destinada a mellorar as condicións de traballo do sector pesqueiro, mais que asumirá tamén outras funcións de carácter educativo e cultural. Os propios estatutos xa fixaban a creación dunha Sección Cultural, establecendo as súas funcións: 

Esta sección ejercerá una constante acción moral y educadora sobre los asociados, por medio de establecimientos para la enseñanza de primaria y superior, de conferencias, pro-yecciones, sesiones cinematográficas, etc. 

Tendrá a súa cargo la biblioteca, las clases de conocimientos generales y profesionales que se organicen para los asociados y sus hijos, los cursos prácticos de remiendo y confección de redes de pesca y cabullería, y demás que se establezcan para sus mujeres e hijos, y la di-rección y administración de los servicios de café, restaurant, diversiones, etc. que por la Sociedad se implanten.
A devandita sección contaría cunha directiva de seu, presidida polo párroco Juan Villanueva Rodríguez, co estudante de maxisterio Nicandro Golán Pereiro na secretaría. Por outra banda, neses anos de ditadura alternaranse na presidencia do Pósito os armadores José Fernández López e José Guerra Amor, actuando como secretarios sucesivamente o propio Nicandro Golán e Manuel Monzo Ríos. Baixo a súa dirección, o Pósito despregará un amplo programa de actuacións, entre as que estará a celebración de actividades lúdicas. No ano 1927 organizarán varias sesións cinematográficas e veladas musicais, cando menos unha en xaneiro e outra en agosto a cargo da coral eumesa “Cántigas e Amoríos”; mais, se en algo puxeron unha gran dose de entusiasmo, foi no deseño e na posta en marcha dun amplo programa educativo, xa anunciado nos estatutos. Nese mesmo ano botarán a andar tres escolas: unha de primeiro ensino, outra de orientación marítima e unha terceira para adultos, que impartirá aulas nocturnas. O seu local de ensino estará emprazado, neses primeiros anos, no edificio do Salón Moderno, na rúa Linares Rivas. Para regular o seu funcionamento, redactábanse uns estatutos nos que se fixaban as finalidades que guiaran aos mariñeiros de Sada a sumar esforzos para iniciar unha empresa coma esta: 
Para vencer el individualismo, es decir, ese egoísmo agotador de toda energía social, ya que solo inspira el bien propio sin considera-ción al bien ajeno […], se requiere una co-operación social abnegada y sentida por […] completar una educación cultural primaria y superior de nuestros hijos, quienes, formando ya otra generación, agradecerán nuestros sacrificios y han de procurar, mejor que noso-tros, el progreso colectivo 
A acción educativa entendíase como algo que ía máis alá da transmisión de coñecementos e aptitudes. Cumpría formar aos cidadáns dun futuro de progreso que só se podía acadar por medio da acción colectiva e da solidariedade. Para trasladar á realidade esa arela, era preciso contar co profesorado axeitado. Deste xeito, o Pósito contrataba a Enrique Isorna Couselo como mestre, a Nicandro Golán como auxiliar e, algo máis tarde, a Agustín González Viejo como profesor de orientación marítima. As escolas das que se facían cargo, así a primaria como a profesional, manterán a súa actividade ata o inicio da Guerra Civil, se ben serán transformadas en escolas nacionais no primeiro bienio da II República, o que eximía ao Pósito dos gastos que o seu mantemento ocasionaba. 
UNHA EXPERIENCIA INNOVADORA: O PÓSITO INFANTIL ESCOLAR 
Outra iniciativa promovida polo Pósito, análoga ás desenvolvidas noutros portos de mar, consistiría na creación dun Pósito Infantil Escolar. Tan curiosa iniciativa botaba a andar no ano 1928 conformada polo propio alumnado da escola, coa intención de formar á veciñanza xa desde a infancia nas prácticas societarias, xerando futuros xestores da entidade adulta. Nestes termos establecían os estatutos a súa finalidade: 
El Pósito infantil de Sada es una Asociación formada por los niños que asisten a la escuela del Pósito de Sada, o hijos de los socios que tienen como principal misión difundir en las mismas el amor a la institución, capacitándoles para que puedan dirigirla en el día de mañana mediante el conocimiento práctico y teórico de su mecanismo y estructura. 

[…] Entre los fines a que inmediatamente han de dedicarse los asociados para cumplir en lo futuro tales deberes se contarán: la cooperación, el mutualismo y las prácticas de economía social.
Ao igual que o Pósito de “adultos”, o Pósito Infantil dotábase de diferentes seccións, sen que faltara a Sección Cultural y Artística. Creábase coa intención de promover “un cuadro artístico encargado de preparar funciones teatrales, en donde se representen obras sencillas del teatro clásico español y sainetes, diálogos y monólogos escogidos entre los autores del teatro contemporáneo”, así como un orfeón que interpretase pezas galegas e do resto do Estado. Por outra parte, unha “Junta tutelar”, formada por tres adultos, era a encargada de “organizar conferencias, lectura de obras selectas y recitaciones de las poesías más notables”, e o Pósito Infantil pretendía tamén celebrar actos 
para conmemorar el aniversario de hechos célebres realizados por los hombres de ciencia, literatos, poetas, descubridores, navegantes, etc., así como la fiesta de la Raza, fiesta del libro, homenaje a la Vejez del marino y otros que se consideren como medios adecuados de propagar la cultura entre los asociados 
O 12 de xaneiro ficaba constituída a nova entidade, cunha directiva composta, segundo reflicte a acta fundacional, do seguinte xeito: 
Se procede a la elección de la Junta de Gobierno de dicho Pósito, que después de verificado el escrutinio dio los siguientes resultados: 
Presidente, Ramón Blanco Ramos de trece años de edad, Vice-Presidente Andrés López Suárez, Secretario Perfecto López Ogando de trece años, Tesorero Francisco Verdía Bouza de doce años, Contador Justo Gayol Fraga de once años, y vocales Eduardo Brandariz Canle de once años, Manuel Seijo Fariña de diez años y Juan Santos Souto de once años, todos alumnos de la Escuela de este Pósito. 
A IRRUPCIÓN DO FOLCLORE GALEGO: MAREIRAS E A TROULA 
Os anos 20 representan a irrupción de formas de ocio importadas de ámbitos urbanos, con elementos característicos que adquiriran dimensión internacional, como os novos bailes e estilos musicais. Mais, en paralelo, os mesmos anos 20 representan o inicio da recuperación do folclore musical galego. Proliferan entón as corais ou as agrupacións tradicionais instrumentais e de danza. Sada non é allea a ningún destes fenómenos, e nisto terá moito que ver a aparición, tamén nesta década, dun movemento político e cultural que reivindicaba o carácter diferencial de Galicia, con lingua de seu, e o dereito ao autogoberno. O nacionalismo, emanado das Irmandades da Fala, chega a Sada da man de persoas como Manuel Lugrís Freire, natural da vila afincado na Coruña, que era unha das figuras máis relevantes da Irmandade herculina, ou o seu curmán, o xa citado Freire-Calvelo. Ligada a ambos estivera a tentativa, xa no ano 1922, de constituír na localidade unha Mocedade da Fala, que non chegará a se materializar. Mais si se realizarán sucesivos actos nos que participarán agrupacións musicais estreitamente vinculadas ás Irmandades veciñas de Betanzos ou da Coruña. 
A ditadura dificultará o desenvolvemento de iniciativas de índole política encadradas no ámbito ideolóxico do nacionalismo galego. Isto motivará a posta en marcha de entidades culturais cunha actividade que tamén, de forma máis ou menos velada, incluían o proselitismo político. É o caso da xuntanza Mareiras (nome tirado, precisamente, do título dun drama de Lugrís), creada en abril de 1926 e liderada por Freire-Calvelo, a quen acompañaban un grupo de mozos entre os que se incluía un moi novo Xohán Antón Suárez Picallo. O irmán deste último, Ramón, nun artigo publicado en Buenos Aires, daba conta da nova organización e describía o interior do seu local, emprazado nunhas ruínas, nas inmediacións do castelo de Corbeiroa: 
Unha lus de carburo alumeaba un salonciño donde había unha mesa con libros, xornaes e revistas galegas […] e na parede, como nun altar a bandeira galega, ca fouce, co remo atravesado e coa estrela. Debaixo esta lenda: “Mareiras”. Xuntaza Nacionalista dos rapaces mariñeiros de Sada. 
Seguía o artigo comentando a actividade deste grupo de mozos, que “saen á rúa os días de festa coa gaita, as tradicionaes conchas de vieira,  e o pandeiro, cantan unha boa coleición de cantigas mariñeiras, algunhas axeitadas as aspiracións galeguistas” e, xa en horario nocturno, “lén, estudan, din poesías e pensar crear un cadro que represente teatro galego, especialmente o de Lugrís Freire, que ten como esceario a vila de Sada, seu pobo natal”. O certo é que a prensa vai dar noticia dalgunhas das excursións de Mareiras pola comarca, saídas nas que ían acompañados “de un gaitero, tamborilero y bombo” coa intención de que “la ‘farra’ sea más completa y la nota galleguista del más subido tono”. 
Descoñécese ata que ano se mantivo Mareiras en activo. En todo caso, a partir do ano 1926 deixa de haber referencias. Do que si hai constancia é da creación, xa en abril de 1928, dunha nova entidade de similares características: a agrupación folclórica A Troula, moi activa neses últimos anos 20 e que perduraría, se ben baixo outra denominación e ao amparo dunha sociedade cultural, nos anos da II República8. No seu libro Cousas, contos, lembranzas da terra, do mar e da nosa xente (Lugo, 1977), o sadense Emilio Santos Martínez, integrante da Troula cando mozo, lembraba a súa experiencia no seo da entidade: 
¿Quén non se lembra daqueles «Rapaces da Troula»? Con súa presenza arroupados de labregos enxebres, coas súas cerolas, polainas, chaleque e pantalón de pana, camisa branca e monteira oferecíamos o noso pequeno arte, e cos cartos que xuntábamos aló íbamos onde faguese falla, calados, caladiños sin que ninguén se adecatase, ansí eran os «Rapaces da Troula». 

As nenas que tamén eran da «Troula» arroupábanse co seu traxe de labregas, tan agarimosas e feiticeiras, todos xuntos, por onde pasaban, levaban ledicia, o mesmo no pobo que en romaxes lexanas. Aló onde chegaban os «Rapaces da Troula» estaba a nosa Galiza queridiña.
[…] A Santa Marta de Babío foron os «Rapaces da Troula» […]. Alí vivía un home alexado no seu eido pra atopar un refuxio pro seu acougo, iste home chamábase don Casiano Rosendo Rey (que na Groria se atope) o que un día fora o mestre de todos aqueles que iban na «Troula». Cando veu chegar o coro monte arriba con bágoas nos seus ollos chamou o fogueteiro e díxolle: «Vai traguer doce bombas de palenque e céibaas o ceo, porque isos que aí veñen, son os meus nenos e son merecentes dun bon saúdo, porque adimais portan con iles toda ledicia da nosa terra meiga. 

E un a un foi dándolles unha aperta e namentras as bombas estoupaban Pepiño Freire o direutor enchía o fol da gaita, facía roncar o roncón e co punteiro na boca daba a sinal de escomenzar unha boa peza.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *