A OUTRA CARA DE MEIRÁS

Carlos Babío
Urkidi  /  
Manuel Pérez Lorenzo

Ao longo de catro décadas, o
pazo de Meirás acollerá os veraneos de Franco co seu séquito. Porén, máis alá
dos seus muros, unha outra realidade agochaba toda a crueza e o dramatismo do momento:
a realidade cotiá das familias que perderan aos seus vítimas de asasinato, dos
fuxidos e agochados, das persoas encadeadas ou sometidas a vixilancia.

E é que Meirás, xa antes do
proceso de espolio que acompañou á entrega do Pazo ao ditador, non era un lugar
calquera. Fora unha parroquia de grande actividade sindical nos anos da II
República. Logo do falecemento de Emila Pardo Bazán en 1921, os seus herdeiros comezarán
a liquidar o patrimonio da súa nai. Aquelas Torres que foran lugar de referencia
cultural pasarán a vivir un período de ostracismo e as terras de labranza que
moito tempo antes foran arrendadas a labregos de Meirás serán postas á venta.
Unha destas operacións suscitará un conflito agrario de grande envergadura no
ano 1933. O novo propietario de dúas parcelas duplicará as rendas aos labregos,
privándoos do seu medio de vida e provocando o levantamento de boa parte da
parroquia. O conflito estenderase a outras familias tamén expulsadas das súas
terras, acadando relevancia na prensa estatal. A veciñanza, organizada no
Sindicato de Profesiones Varias de Meirás, adscrito á CNT, comezará así unha
loita solidaria na que as mulleres xogarán un papel fundamental e que se
prolongará ata o golpe militar de xullo de 1936.
Unha vez controlado o
territorio de Sada polos sublevados, os labregos de Meirás comezarán a ser perseguidos.
O 12 de agosto aparecerán nun monte da parroquia de Veigue os corpos sen vida
de Antonio Carballeira Muñiz e Manuel Prego Chas, dirixentes ambos do sindicato.
Canda eles, xacía tamén asasinado Xohán Antón Suarez Picallo, figura clave do
Partido Galeguista e secretario xeral da Fronte Popular en Sada que xogara
tamén un papel relevante no conflito. Os tres foran previamente torturados[1].
Outras persoas implicadas tamén
padecerán represión. Un dos sindicalistas máis activos no proceso, Juan Seijo
Espino, atemorizado ante as posibles represalias, remataba coa súa vida en
outubro cortando o pescozo cunha navalla de barbear. Jose Mosquera, secretario
do sindicato decidirá soterrarse nunha escavación practicada por el mesmo baixo
o pilón da súa casa, a menos de 650 metros do Pazo de Meirás. Emilio Corral,
membro do sindicato agrario canda á súa muller Carmen Sabio, tamén construirá
un acocho baixo as escaleiras, onde ficará ata 1943, a escasos 800 metros da
alcoba na que durmía o ditador.
Con Carmen Sabio, alcumada
“Pasionaria”, practicarán todo tipo de vexacións. Detida por falanxistas en
1937, será conducida aos calabozos municipais de Sada. As novas  autoridades decidirán en agosto celebrar a toma
de Santander cunha humillación pública para Carmen, que será conducida ao palco
da música e obrigada, a punta de pistola, a berrar “Viva el Generalisimo
Franco” en tres ocasións. En 1994 reconstruiría para unha revista local con
medo e dor aquel episodio terrorífico. “Miña madriña, pensei que non me saía da
gorxa”, contaba (A Nosa Eira,
07/1994). Sería tamén sancionada en varias ocasións con cifras que excedían
notablemente as súas  posibilidades
económicas. Todas elas “por ser comunista y desafecta al glorioso Movimiento
Nacional” (La Voz de Galicia,
16/05/1937).
No exilio non só se denunciaban
as prácticas coercitivas coas que se financiou a entrega do Pazo. Púñase o
acento tamén no aparello represivo creado en torno ás visitas estivais do
ditador. A veciñanza era obrigada a acudir ao recibimento do ditador e alcaldía
de Sada emitía bandos obrigando á poboación a engalanar as casas con pintura e
bandeiras baixo a ameaza de sancións. Cada vez que Franco decidía vir a Meirás,
as cadeas ateigábanse de presos. Nos meses previos, realizábanse detencións preventivas
que eran denunciadas así desde o exilio en 1943: “Aquellos contados presos que
logran salir en libertad, vuelven a ser caprichosamente detenidos en cualquier
momento. Cuando Franco viene a su finca de Meirás en La Coruña, se practican
detenciones en masa” (Nuestra Bandera,
31/07/1943). A poboación era sometida a un réxime de estrita vixilancia.
Os fastos, as proclamas e as
bandeirolas só deixaban ver un Meirás: o que se transformara en capital estival
do Estado. Mais aqueles fulgores agochaban unha realidade de dor padecida en
silenzo por moitas familias que compartiran o soño dun mundo libre e
socialmente xusto.

Artigo publicado orixinalmente en Sermos Galiza en agosto de 2017 con motivo da celebración do Día da Galiza Martir dese ano.


[1] Pérez Lorenzo, M: “A represión franquista en Sada”, Cadernos de Estudos Locais, A. C. Irmáns Suárez Picallo, Sada, 2010.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *