SAN SALVADOR DE BERGONDO

Rubén, abade de Bergondo

O abade Rosendo ergueuse nervioso para o rezo das vixilias naquela madrugada do 23 de xullo do ano do señor de 1126. O canto nocturno da salmodia parecía eterno. A mente fuxía das antífonas aos preparativos e a calor do verán non axudaba ao sosego. Nunhas horas chegaría co seu séquito Dona Maior Guntroda Rodríguez, esposa de Don Pedro Froilaz de Traba, conde de Galicia. Eran xunto co bispo Xelmirez os persoeiros máis importantes e poderosos de Galicia. O abade Rosendo non esquecía que foran os titores do infante Afonso, fillo de Ramón de Borgoña e da raíña Urraca, que na primavera dese mesmo ano de 1126 foi coroado rei de León co nome de Afonso VII. Foi a segunda coroación, primeiro foi rei de Galicia, con sete anos de idade, na catedral de Santiago. 



De vésperas chegaran xa outros signatarios que ían exercer de testemuñas do importante acontecemento: a doazón da Igrexa de San Vicenzo de Moruxo e a súa freguesía e propiedades ao Mosteiro bieito de San Salvador de Bergondo, nas Mariñas. Entre eles estaban Nuño, abade de Cines, e Pelagius, cóengo da igrexa de Santiago. 

O documento rezaba: “Sub Christe nomine: Ego comitissa Guntroda Roderici, cognomento Maior… facio cartam donationis de ecclesia integra de Sancto Vincentio de Marrugio cum omni sua felegrigia… Beato Salvatori de Bargunto…”. Aquela noite no rezo de Completas, o abade Rosendo co pergamiño nas mans, emocionouse ao recitar as verbas do ancián Simeón no rezo do Nunc Dimittis: “agora Señor, podes deixar ao teu servo marchar en paz…” 

Escribo estas liñas desde o Mosteiro de Bergondo cando non queda moito para que se cumpran os 900 anos da sinatura do documento. Fágoo non coma historiador -que non é tal meu oficio- senón coma sucesor do abade Rosendo e único monxe deste cenobio, soñando tamén coa súa recuperación e prosperidade. En poucas liñas contareivos algún dos avatares polos que pasou este recinto de monxes bieitos e un dos recintos artísticos máis salientable aínda que non moi coñecido das Mariñas. 

As glorias e poderíos que soñaba Dom Rosendo mudaron máis ben sombras e desastres para o Mosteiro. O Documento sinalado é o máis antigo que conservamos, pois un suposto lume arrasou as dependencias monacais e o templo no século XIV. Aparecen entón os Andrade coma recuperadores e construtores con novas liñas arquitectónicas. 

A política de unificación dos reis católicos (S.XV) reducirá a San Salvador a humilde priorado dependente de San Martiño Pinario, como o resto todo dos mosteiros bieitos de Galicia, sometidos ao señorío do mosteiro de San Benito del Real de Valladolid. Sen ben a reforma buscaba recuperar os mosteiros da ruína e abandono, restaurar a vida relixiosa e liberalos do continuo acoso dos señores feudais, dalgún xeito fixo que perderan parte da súa identidade e máis coa prohibición de que houbera abades e priores de orixe galega. 

A invasión francesa a comezos do s. XIX vai deixar pegada no Mosteiro de San Salvador, convertido posiblemente en cuartel provisional, cos monxes fuxidos e agachados nas casas dos veciños. Os franceses arrasan con todo e non deixan nin unha mostra de orfebrería relixiosa desaparecendo cálices, copóns, cruces… e toda a cera que tiña valor de moeda. 

Non pasan moitos anos ata que a desamortización de Mendizábal provoca a ruína total e a desaparición da vida monástica en San Salvador de Bergondo. Recuperadas as posesións, a Igrexa monástica pasa a depender da Diócese de Santiago e convértese en parroquia. Nos restos do Mosteiro habilítase casa reitoral que debido as lamentábeis condicións é abandonada no século XX. 

Faltaba a natureza por contribuír a tal esmorecemento, e así no ano 1957 un raio cae sobre o Mosteiro de Bergondo derrubando parte da fachada da Igrexa e arruinando a reitoral. Unha familia de xoieiros acomete a recuperación recibindo en troques o uso a perpetuidade da capela de Sta. Catalina anexa ao templo, coma panteón familiar. 

Veñen os anos de recuperación, e así no 1973 a igrexa é declarada Monumento Histórico Artístico e comeza a restauración da igrexa que culminará a finais dos noventa cunha intervención de urxencia para asentar o convento e evitar a ruína total. 

Hoxe en día, podemos contemplar a Igrexa ben conservada, e a recuperación parcial do Mosteiro onde se desenvolven actividades parroquiais, culturais e sociais. A crise financeira dos últimos anos paralizou a restauración total do edificio, pendente tamén dun proxecto que lle dea utilidade aos veciños e á comarca. 

Merecería das mans dalgún especialista a explicación artística e arquitectónica da Igrexa da San Salvador, que con todo se pode visitar sen problema contactando coa parroquia.
Nas imaxes, Diferentes vistas do mosteiro de Bergondo.

Fotografías de A. Martínez
en http://1000-lugares-en-galicia.blogspot.com.es
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *