O QUE LIMOS

Tomás Rivera
Esperando o leiteiro 
Xosé Neira
Vilas 
Galaxia, 2012. 

Escrita entre 2010 e
2011 e publicada por Galaxia -coa pintura de 1950 “Campesiño” de Luis Seoane
como capano 2012, “Esperando o leiteiro” é unha novela serodia na carreira de
Xosé Neira Vilas. Porén, mantén con vida e coa forza afeita os temas que
marcaron toda a súa longa carreira literaria. 

Cunha extensión de 108 páxinas, é
un único texto sen divisións nin capítulos, un longo monólogo interior narrado
en segunda persoa, na que o autor debulla os pensamentos e as emocións do
protagonista dirixíndose a el, relatando os seus feitos vitais e as súas experiencias,
entrando na súa psique e na súa alma e transmitindo os seus sentimentos, as
súas lembranzas e as súas ideas de xeito omnisciente. É un xeito de monólogo
interior distinto ao habitual -en primeira persoa-, mais transmite tamén un
meirande grao de control do protagonista por parte do autor, pois semella
dirixir o monólogo, fronte ao estilo común, onde o pensamento do personaxe flúe
libre, e o narrador está ausente da súa labor diexética. Nesta obra de Neira
Vilas ambas fican integradas. 

“Esperando ao leiteiro” narra, en síntese, a vida
dun mozo anónimo, natural dunha pequena aldea innomeada da Galiza central: da
comarca do Deza, terra natal do autor, ou cecais do Val do Ulla. Con soamente
dezanove anos emigra á Arxentina, deixando atrás familia, moza e amigos,
seguindo o exemplo de moitos dos seus veciños (
Este vaise i aquél vaise, e todos, todos se
van…
). Pero a despedida é longa de
máis e o mozo perde o coche de liña que o ha levar a Compostela, onde collerá o
tren a Vigo e embarcará no barco a Buenos Aires. Só lle queda agardar polo
camión do leiteiro que o leve, tempo no que lembrará a súa vida dende neno,
unha escusa de Neira Vilas para facer un retrato da Galiza rural dos anos
cincuenta, da súa idiosincrasia e da intrahistoria do seu pobo. 

O monólogo
interior do mozo repasa os anos da nenez, as figuras paterna e materna, avoa e
padriño, os irmáns que van nacendo e que son tanto xoguete como responsabilidade.
A imposición dunha lingua allea a través da escola e da Igrexa, e a represión
da fala propia polas
forzas
vivas
da aldea. As penurias e a fame, a
vaca escuálida e o porco raquítico, o leite e os outros produtos da casa
tirados da boca para malvendelos na feira ou para o tributo do señor cura. E o pouco
que queda, máis minguado aínda pola extorsión lexitimada de fielatos e recibos
do consumo. A dureza das labores agrícolas e a ausencia de alternativas. Os tres
anos de servizo ao rei, lonxe da casa, malia que non haxa rei. A miseria, tanto
material como moral, dunha era de frío e medo. 

E, ao lonxe, a Arxentina e a
esperanza dun mundo mellor, fornecida polos contos dos indianos e polas cartas
dos que alí quedaron. Cantos de serea que soan aos tangos do señor Rosendo, o
retornado rico que fala castelán e ten un reloxo con cadea de prata, e que han
deixar viúvas de vivos como a Aurora, a namorada do mozo protagonista, personificación
dunha Galiza amada e de seu, abandonada por terras alleas. 

Pero “Esperando ao
leiteiro” é tamén un retrato de saudades, de tradicións fermosas, dun mundo
perdido e roubado polo “progreso”. De romarías, de feiras e de camiños, de
ríos, leiras, agras e adros. De trasnadas e ocorrencias de pícaro, de bailes e
seráns con gaiteiro cando había con que pagalo. De amores consumados ás
agochadas, nos palleiros ou entre o centeo. Dunha relixión que se practicaba
sen comprendela e mesturada cunhas crenzas populares condenadas polos
ilustrados:
o tangaraño, o enganido, o mal de ollo, cantos males hai e cantos remedios
teñen, dos que Neira Vilas da cumprida conta e que han coñecer os amadores da
antropoloxía e da nosa etnografía. 

As bolboretas cazadas coa pucha, os grilos
na gaiola, as lazadas fronte os tobos dos coellos, as carrilanas, os xoguetes
feitos con latiñas vellas, os foguetes nas feiras, os zapatos novos para o día
do Patrón, o medo a bailar coas rapazas, a escola, levar a vaca ao touro,
segar, enfeixar… cara a fin da súa espera, as lembranzas convértense en
remuíño no interior do protagonista, e Neira Vilas converte as mágoas en ledicias,
arrastrando ao lector a un sentimento de doce tristura e de fermosa saudade,
por un mundo vivido ou non, porque iso vai con cada un, pero que tras ler “Esperando
o leiteiro” é xa de todos nós. Unha Galiza fermosamente triste, como os tangos que
se escoitan ao longo do libro e que, como dixo Mario Benedetti nalgures, son
unha música triste que escoita a xente cando está feliz para poñerse triste
outra vez. 

Como dixemos, Neira Vilas fornece así un tema central da súa obra, e
o anónimo protagonista desta obra tardega emparenta co noso amado Balbino de “Memorias
dun neno labrego”, volvendo sobre unha realidade na que aínda tería tempo de
afondar despois con “Aquel neno”. Abraia como, con apenas 108 páxinas, pode
unha novela deixar tanto espazo para a reflexión, para a dixestión dunha
lectura ateigada de significacións e de imaxes evocadoras, cargada ademais dun
notábel valor sociolóxico. 

“Esperando o leiteiro” é, en resumo, exemplo de que
a alta literatura pode ser popular, nacida no cerne dun pobo e escrita para o
pobo, e que a voz de Neira Vilas, que levaba dentro un país enteiro, tiña tanta
forza no solpor como no abrente da súa escrita.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará