LIBERDADE DE EXPRESIÓN: UN CONCEPTO A DEBATE?

Emilio Pita Cubeiro
Rafael Correa asinando a Lei de Comunicación, en xuño de 2013. Fotografía de M. Á. Romero/Presidencia de la República de Ecuador, en https://www.flickr.com/photos/presidenciaecuador/9102349857/in/photostream/

En
todo sistema democrático a liberdade de expresión ten que ser un imperativo. O
dereito a defender distintos puntos de vista sen temor a ser perseguido ou
reprimido é un dos piares básicos sobre o que se debería erixir calquera
sociedade política. Con todo, a liberdade, particularmente cando nos referimos
ós medios de comunicación, pode ser entendida dende distintas ópticas,
suscitándose así o diálogo. Ó longo da historia pensadores pertencentes a
diversas tradicións políticas e filosóficas reflexionaron sobre esta noción,
especialmente aqueles que tras a caída do Antigo Réxime vían imprescindible
crear ferramentas que apuntalaran ós novos estados democráticos e republicanos
nacidos a ambos lados do Atlántico, impulsados polas ideas da Ilustración. Mais
hoxe en día, nun mundo globalizado e cada vez máis cosmopolita, conceptos coma o
que imos abordar foron fagocitados polo pensamento hexemónico. 


A nosa sociedade
está condicionada polo modelo produtivo imperante, un modelo para o que a
palabra liberdade só ten un significado: a ausencia de interferencia por parte
de axentes externos dentro da esfera privada do individuo. Esta é a concepción
propia da tradición liberal, recibindo tamén o nome de liberdade negativa.
Sería Isaiah Berlin o que acuñaría os termos de liberdade negativa e positiva
na súa obra
Two
concepts of liberty
1, presentada durante unha conferencia en
1958. Que se entende entón por liberdade positiva? En palabras de Berlin a
concepción positiva
estaría ligada ó
ideal de autodominación; isto é: depender dun mesmo e non estar subxugado ós actos
nin intereses de outros individuos e poder así tomar as miñas propias decisións
guiado pola propia razón. A liberdade positiva consistirá en que cada individuo
poida ser dono de si mesmo, o que se traduce na demanda de máis participación
política. Posteriormente Philip Pettit, un dos máximos expoñentes do republicanismo
na actualidade, presentaría unha nova definición entendendo a liberdade como
non-dominación: 

[…] la dominación, según la entiendo yo aquí, queda ejemplificada por
la relación entre el amo y el siervo. Tal relación significa, en el límite, que
la parte dominante puede interfereir de manera arbitraria en las elecciones de
la parte dominada: puede interferir, en particular, a partir de un interés o
una opinión no necesariamente compartidos por la persona afectada.

A proposta de
Pettit non identifica a liberdade coa falta de intervención, senón coa ausencia
de interferencia
arbitraria.
En favor do ben común poderíase admitir unha acción que afectase ós intereses
dun determinado individuo, se estes van en contra do interese xeral. 

Pero, que ten que ver isto coa liberdade de expresión?
Existen diferentes posicionamentos dependendo da tradición política dende a que
nazan as definicións, algo que tamén inflúe cando falamos da liberdade á hora
de expresamos e, sobre todo, cando nos referimos á prensa. Na actualidade a
postura predominante é a que defende unha concepción negativa, o que axuda a perpetuar
un sistema caracterizado polo individualismo, a competitividade e o culto á
acumulación. O trato da información obedece ó mesmo patrón. Unha prensa libre é
indispensable na defensa dun estado democrático pero, como vimos, hai que
explicitar moi ben o que se entende por
libre. 

Nos últimos meses puidemos ler en diversas noticias
que a prensa do estado español estaba á cola de Europa en canto a fiabilidade. Aínda
que deixemos de lado estas afirmacións non se pode negar que hai un sentimento
de desconfianza xeral con respecto ós medios. A principal crítica apela á falta
de rigor, o que nos leva a poñer o centro de atención no conflito de intereses.
A existencia de distintas liñas editoriais non ten que ser visto como unha ameaza
por ninguén: nin polos cidadáns, nin polas institucións, nin polas empresas. A
diversidade dentro do espazo xornalístico é saudable e necesaria en toda
democracia pluralista. O problema chega cando as inquedanzas polas que pula
unha determinada liña editorial chocan co ben común. Por ben común non hai que entender
nada utópico nin reaccionario, basta con identificalo cos dereitos que fan
posible o exercicio pleno da cidadanía: igualdade, liberdade e, tamén,
propiedade. Deste xeito, as críticas recibidas debido á omisión ou
terxiversación de datos non deberían coller por sorpresa ós grupos mediáticos. 

No
estado español -como en case todo o mundo- unha boa porcentaxe dos medios máis influentes
pertencen a grandes grupos empresariais, polo que non é de estrañar que estes opten
por apoiar as súas ambicións a través do manexo da información. Dende a súa
perspectiva, toda ameaza, sanción ou advertencia por parte da esfera pública
será vista como un ataque á liberdade, independentemente de que se estean a
difundir noticias que prexudiquen a algún dos principios antes mencionados.
Isto abre un debate sobre a propiedade dos medios de comunicación; debate que
non é novo pero que durante décadas deuse por clausurado (cun clarísimo
vencedor) e que ten de fondo a tensión entre as diferentes concepcións acerca da
liberdade. Dende os grandes medios adóitase entender que os límites da
información deben ser os menos posibles. Isto, en principio, non tería que
supoñer un problema, pero cando esta máxima é utilizada para dinamitar
gobernos, colectivos ou particulares polo mero feito de poñer a vontade xeral
por riba de calquera pretensión privada, incluíndo as dos grandes magnates
xornalísticos, o conflito vólvese inevitable. 

A información é unha arma moi
poderosa que obedecerá a aquel que teña a forza suficiente para empregala no
seu beneficio, do que deriva unha cuestión capital: que capacidade ten a
cidadanía do común á hora de tratar coa información? Se admitimos que a
liberdade de expresión non pode atentar contra os dereitos fundamentais
deberemos ir un paso máis aló e considerar ós cidadáns como algo máis que consumidores.
Hai que ter moi claro que as metas dos accionistas de PRISA ou Mediaset non son
as mesmas que as da maioría da poboación. Aínda que moitas das noticias que nos
ofrecen sexan de utilidade para gran parte dos cidadáns o enfrontamento chegará
dun momento a outro (e xa sabemos de antemán quen ten as de gañar). A
problemática sobre os medios tradúcese pois, nun debate sobre propiedade dos
mesmos. Cales son, entón, as alterna- tivas que poden equilibrar a balanza
entre a prensa privada e a cidadanía? No primeiro que podemos pensar é nos
medios públicos, pero hai que facer un importante matiz. A presenza de
televisións ou radios de propiedade pública non asegura unha defensa da vontade
xeral nin moito menos unha información rigorosa. Non hai máis que atender ás
críticas a canles como Telemadrid, TV3 ou mesmo RTVE, todas sinaladas polo seu
partidismo. É ben certo que a obxectividade total na práctica xornalística é
moi difícil de acadar pero cando falamos de medios públicos é necesario
introducir mecanismos que voguen a favor da imparcialidade e de recoller distintas
sensibilidades. 

Un exemplo disto atopámolo no 20133 cando o
parlamento ecuatoriano aprobou unha nova lei de comunicación para garantir unha
maior obxectividade á hora de informar, así como un equilibrio entre os medios
de titularidade privada, pública e comunitaria. Esta lei tamén prohibe que os
medios ecuatorianos poidan pertencer a empresas estranxeiras. Con isto impídese
que axentes alleos ó país interfiran en asuntos que só competen ó pobo ecuatoriano,
salvagardando así a soberanía nacional, algo quen non acontece no estado español
(a maior parte do accionariado dos grupos PRISA e Mediaset é estranxeiro). O goberno
de Rafael Correa foi duramente criticado por esta iniciativa, acusado de violar
a liberdade de prensa como un dos máis importantes principios democráticos. Sen
dúbida hai que ter moito valor para realizar unha aposta como esta, a cal leva
ó enfrontamento cos grandes poderes e cunha parte considerable da poboación.
Este caso ilustra unha das vitorias do sistema económico actual: que boa parte
da xente identifique as súas inquedanzas e liberdades coas dos poderosos. A
prensa axuda a crear identidades polo que é imprescindible que as aspiracións
das maiorías se plasmen nos xornais xa que de non ser así a alienación
continuará a ser norma. 

Ó analizar detidamente a alternativa ecuatoriana vemos
que non exclúe a ningunha das partes: non se impide a existencia de medios
privados nin se condicionan as liñas editoriais, unicamente se introducen
ferramentas que aseguran unha maior obxectividade e, ó mesmo tempo, abren un
espazo ós medios públicos e comunitarios onde poder defender os intereses das
clases populares. Este exemplo fai evidente o que levamos dicindo ó longo do
artigo: o diálogo sobre a prensa non é máis que unha extensión do diálogo acerca
da liberdade. Unha lei que impide ós intereses particulares elevarse, a través
do manexo da información, sobre a vontade dun país é unha lei que nace dunha
concepción da liberdade como non-dominación, freando calquera ambición privada
ou partidista que pretenda subxugar á cidadanía. 

Cando falamos da formulación
defendida por Philip Pettit dixemos que a dominación equivale á ausencia de
interferencias arbitrarias no espazo privado pero, se hai particulares que van
en contra do interese xeral, a intervención estará máis que xustificada. No caso
ecuatoriano isto último foi levado á práctica institucional. 

A ambigüidade non
ten cabida neste debate, hai que tomar parte e mollarse. Nos últimos tempos
asistimos a un desprestixio do xornalismo, o cal funciona como un brazo máis de
aqueles que pretenden impoñer o seus obxectivos, aínda que iso supoña pasar por
riba dos dereitos máis esenciais. Os magnates álzanse como abandeirados da
liberdade de expresión polo que a resposta debe ser nos mesmos termos. Toca disputarlles
a palabra liberdade e recuperar o significado que identifica ós cidadáns libres
con aqueles que non están sometidos nin dominados por terceiros. Toca, en
definitiva, reivindicar a liberdade de expresión como un dereito básico sen o
cal a democracia non podería funcionar. As distintas voces sempre deben ter
cabida tendo como único límite o respecto polos principios que permiten a todo
individuo exercer plenamente a súa cidadanía. 

_____________________________________
1.
I.
Berlin, Dos conceptos de libertad y otros escritos, Madrid,
Alianza Editorial, 2001. 
2. P. Pettit, Republicanismo.
Una teoría sobre la libertad y el gobierno
, Barcelona, Paidós, 1999, p.40. 
3. P.Serrano, Ecuador aprueba la Ley Orgánica de Comunicación
o la que presentarán como “ley mordaza”. El
diario.es. http://www.eldiario.es/ zonacritica/Ecuador-Ley-Organica-Comunicacionpresentaran_
6_148095194.html

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *