Gústame ver sorrisos nas facianas das xentes
cando está o inverno enriba, starkiano, de xeo,
que desgasta o optimismo dos corazón valentes
e desgasta o sorriso nas facianas das xentes.
Gústame ver sorrisos nos rostros apurados,
e o amor fero que xorde sen áncoras nin medo.
Que hai un frío que une, que hai tránsitos fadados,
que hai fogar sen paredes, que hai ceos estrelados.
Vexo en vós, meus amigos, xeneroso galano,
trono, alento alado, puro desexo, latexo
que comparte a beleza do mar libre, salgado,
cal amor verdadeiro de feridas inzado.
Con sangue e con camiños e con ás e caxatos,
que vexo compartidos por vós, e conquistado
o máis ancho e profundo dos quereres humanos
que se parte e reparte e é imposible abarcalo.
Vexo que a xente cega pisa os mares de amor.
Vexo que afunde neles e que sinte temor.
Vexo que acaso agardan unha man que os sosteña,
vexo que non ven nada, e que escoitan moedas
coma os mastros dos barcos a abalar coa ventada,
que non saben deterse e sentir a abafada
da calor que non fire, do lume que non manca
e que brilla, e que guía como a noite estrelada.
Enchida dese amor, vexo, sumo, e acado
a conciencia do frío e unha perpetua festa
de entroido, unha fonte, unha mesta foresta,
e o sendeiro tan costa arriba, tan pelexado,
paso a paso, man con man, de dúbidas sucado,
río maino e revolto, na canle rebordado,
que fai virar estómagos e que fai perder testas.
É un perigo de morte? Talvez escura besta?
Non temades, amigos, pois ese mar de amor
da vida e é corrente que nos arrastra a nós.
Esa alegría eléctrica de vos amar sen tregua
desafíanos, e fai medrar en nós a primavera.
O amor ten o poder de transformar o mundo.
De berrar liberdade, de decidir o rumbo
da muda realidade, da cega situación
que nos aboca a tristes e a ser nenos rosmóns.
Chega a vosa muxica a electrizarme a pel
e nos beizos percibo a dozura da mel.
Abondaba ese proer afastado, o sabor
nos beizos apreixado, un tremor.
Adeus ao frío, esqueleto dourado desfeito polo sol,
sentín en min, na doce primavera, pingas de amor.
Grazas a vós distinguín a vertixe, distinguín o
Grazas a vós vin nacer o sorriso coma un mar
Gústame ver sorrisos das xentes nas facianas.
Gústame descubrir o sorrir da túa ollada.
Gústame ver sorriso no rostro teu, amado,
porque, ao mirar sorrindo, son sorriso alumado.