É TEMPO DE CONVERSAS

Antonio Sandoval Rey
Primavera.
A natureza conversa. Nunha bisbarra como a nosa, que é Reserva da Biosfera,
faino cun vigor especial. Ou cando menos iso nos semella a quen nos esforzamos por
escoitar. 

Escoitar así é intentar descifrar, científica e animicamente, todas
esas linguaxes: o que se din as árbores, as flores, os insectos, os anfibios,
as aves… Algúns espertan dun longo soño invernal: “Bo día!”. E logo: “Hai máis
alguén aí?”. Hai paxaros que chegan de moi lonxe: “Ola de novo! Cantos cambios!”;
ou quizais: “Pero secase que todo segue igual!”. 


Segundo avanza a estación,
miles de especies animais e vexetais vanse sumando, aos poucos, ao que remata
por ser o espectáculo audiovisual máis extraordinario que ninguén poida imaxinar.
Un espectáculo cuxo director, e boa parte do seu equipo, seguen sendo un
misterio para nós. E que se desenvolve en tantas pistas, plataformas e
ambientes que abrangue todas as paisaxes. Dende os recantos máis diminutos, como
unha fenda nunha pedra, ata os máis amplos. O ceo incluído. E dende as zonas
máis salvaxes ata as máis inconfundiblemente urbanas. 

En Sada temos moita sorte
nese sentido. Pensemos, por exemplo, no breve paseo que conduce dende a nosa
Praia Nova ata as Brañas. En moi pouca distancia podemos atravesar varios
contornos ben diferentes. Por sintetizar: o litoral, o urbano, o bosque ea zona
húmida. Noutros lugares as pistas do espectáculo están moi afastadas, o que
obriga a camiñar moito para comprobar a aglaiante heteroxeneidade do que se
exhibe nestas datas. 

Paseemos. Escoitemos. E miremos, tamén. E, ben,
imaxinemos. Porque hai moitos tipos de conversas quen no seremos quen sequera
de advertir. Son aquelas que se desenrolan en canles que non son as nosas. As que
manteñen, por exemplo, moitos insectos e plantas que dispoñen de sistemas
termorreceptores, quimiorreceptores, mecanorreceptores, fotorreceptores… 

Hoxe
prestarei atención só ao que escoite. De xeito tradicional. Deixarei a linguaxe
“non verbal” (chamémola así) de tantas criaturas para outro día. A miña
intención é atender só aos sons. O mesmísimo Henry David Thoreau dedicou un
capítulo do seu inmortal
Walden
a contar cuanto escoitaba arredor da súa cabana e durante
o seu vagabundear polo bosque. 

Vai ser un pequeno reto. Os humanos somos seres
moi visuais cando paseamos. Sobre todo cando o noso entorno é urbano. Daquela,
como unha reacción ante o exceso de estímulos sonoros de todo tipo, é coma se
baixásemos o volume dos nosos receptores. Non imos e vimos cos dedos índices
metidos nos oídos (ou só ás veces; ao pasar a carón dun martelo pneumático, por
exemplo), mais si deixamos de prestar atención aos ruídos que nos chegan do
redor, a miúdo atropelándose nunha cacofonía que nada ten que ver coas
harmonías naturais. Outra reacción é falar máis alto. De atopármonos con algún coñecido
nunha corredoira, o noso ton de voz é máis baixo que en calquera rúa pola que non
deixan de pasar vehículos a motor. O mesmo lles sucede a moitos paxaros. Foi
estudado e comprobado: os que viven en parques urbanos cantan a un volume moito
máis alto que os seus parentes do rural. Quen máis vociferan son aqueles que
tiveron a ocorrencia de instalarse en metade dunha desas glorietas polas que
non deixan de fluír coches, camións ou motos guiados, ademais, por virtuosos do
abuso da bucina. 

Comezo na praia. Presto atención a como as ondas borboriñan
coa beira. É un sutil rumor de fondo sobre o que se impoñen os chíos das gaivotas
e o grallar dos lavancos. As primeiras son tanto patiamarelas, coas patas desa
cor e máis grandes, como choronas. Moitas destas últimas teñen a cabeza de cor
chocolate, como corresponde a estas datas nesta especie. En galego, debido ao
seu reclamo, chamámolas “choronas”. En castelán son “reidoras”. Tan diferente
interpretación dun mesmo reclamo da para unha tese sobre antropoloxía da
audición. Os parrulos machos que seguen facendo as beiras son dos últimos que
se empeñan nesta tarefa. Os da súa especie comezan en pleno inverno o seu
galanteo. Pasa voando, máis alá de onde se rizan as ondas, un carrán cristado.
Axiña partirá cara os Países Baixos, Reino Unido, ou Suecia. Desprende un chío
áspero, coma se fora pensando qué día será mellor para partir. 

Atraveso a área
axardinada do paseo marítimo. Unha lavandeira branca repite dende a herba unha
sílaba suave. Un par de pegas chascan dende o ceo, segundo voan cara unhas
antenas. Oio un xílgaro. Canta dende a póla dunha das árbores. Achégome a
fitalo. Obsérvame un intre coa súa faciana encarnada, sen deixar de facer
música. Cada vez hai máis xílgaros nas zonas urbanas. 

Os rabirrubios, como os
pardais ou as rulas turcas, levan xa moito tempo acostumados á nosa veciñanza.
Un rabirrubio esgórxase dende o esquina dunha azotea. É negro tizón, cunha
mancha branca nas ás e a cola vermella. Sen ser nin moito menos un desbalde de
complicación melódica, resulta moito máis ameno que o insistente e monótono
trino dun par de pardais, cada un deles nun peitoril na rúa da Ponte. En
chegando xa á Rúa de Miño escoito á primeira rula turca: “Bu- Buuuuu-Bú”. Polo
seu ton apoucado, máis que requirir unha parella parecen pedila por favor. 


Xa a
carón do bosque que rodea as Brañas, o que soa é todo un concerto. Pecho os
ollos e xogo, como ante unha orquestra, a identificar os diferentes
instrumentos. As papuxas das amoras e os paporrubios cantan dende a espesura máis
baixa. Soan a regatos asubiadores, a campaíñas líquidas. Un pouco máis arriba
alborotan merlos e tordos. Estes últimos incorporan todo tipo de notas ás súas
estrofas, e non paran de improvisar. É a súa, así, unha interpretación do máis
heteroxénea e entretida. O mesmo que a dos estorniños negros que cantan tanto
dende algunhas copas como dende as antenas dos edificios máis próximos. Algúns
deles explotan en exceso o recurso do asubío longo e estridente. Aínda así,
mesturados co resto non queda mal. Os verderolos producen un timbre breve e
estridente, coma se desesperaran ao outro lado dunha porta que ninguén abre. As
carrizas principian unha e outra vez esa melodía tan súa, hasta convertela en
retrouso. 

Dende a zona húmida chegan asemade os cantos das ras, en forma de
axitada cantarea gregoriana. De cando en vez pasa con présa a carón de min un
abellón gordiño e peludo. Son moitas as flores que polinizar! É coma se o seu zunido
subliñara algúns dos fragmentos deste acorde sen fin. Todo é consonante e
eufónico. 

Todo é á vez obertura, allegro, rondó, minueto… Só a aparición de
ovos e polos, dentro de non moito, suspenderá en parte este recital. Cara a fin
da estación, coa chegada do verán, soarán moitas menos voces. Malia todo, a
música non cesará. 

Que saibamos, este é o planeta máis melodioso que existe. E
nosoutros os humanos, a máis musical das especies. Como non íamos selo,
arrodeados dende a nosa infancia evolutiva por tamaña polifonía natural? Hoxe
afírmase que a nosa propia música orixinouse emulando os sons do resto de
criaturas. Aínda que só fose por iso, nunca deberíamos deixar de escoitalas. Porque,
como escribiu Thoreau, así é como lembramos que somos cidadáns da terra. 

Un
xirín, cidadán do aire, traza un círculo sobre as árbores ao tempo que comparte
un tinguileo. E eu marcho asubiando asubiando.
Imaxes por orde de aparición: 
– Carriza
– Rabirrubio
– Carrán cristado
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *