ASOCIACIONISMO CULTURAL E RECREATIVO EN SADA NO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX (I)

Manuel Pérez Lorenzo
Nese
primeiro terzo do século XX no que o Estado español transitou por réximes
políticos diversos (a monarquía parlamentaria, a ditadura de Primo de Rivera e
a II República), e que concluíu de forma abrupta coa sublevación militar de
1936, a sociedade tamén experimentou profundas transformacións. Algúns deses
cambios están inexorablemente ligados a novas prácticas de acción colectiva que
afectan a terreos diversos. A xente agrúpase e organízase. Conforma partidos
políticos consonte ás novas correntes ideolóxicas. Únese en Sindicatos e sociedades
agrarias para defender comunmente os seus intereses. Constitúe asociacións
culturais e recreativas para reforzar os vínculos comunitarios realizando
actividades orientadas á formación ou simplemente á diversión. 


ORIXE E
FINALIDADES DO ASOCIACIONISMO CULTURAL E RECREATIVO EN SADA 

O asociacionismo
cultural e recreativo nace tanto no medio urbano como nas vilas ou mesmo no
rural co obxectivo de cubrir diferentes necesidades: as dunha poboación
analfabeta (no ano 1900, so 32,12% dos habitantes de Galicia sabían ler e
escribir
1) e carente de
servizos que achegasen a cultura ás capas populares. Un grupo de veciños máis
ou menos amplo, sempre en torno a un núcleo de persoas “letradas”, e un local
máis ou menos modesto bastaban para pór en marcha ciclos de charlas sobre temas
de interese xeral (hixiene e saúde, ciencia, arte, agronomía…), unha pequena
biblioteca –poderosa ferramenta alfabetizadora nunha sociedade sen bibliotecas públicas–,
unha coral ou unha agrupación teatral. En paralelo, estas entidades asumen
tamén outra función: a de dotar á veciñanza dunha oferta de ocio propio e
complementario do ofertado pola empresa privada. Programábanse bailes, concertos,
funcións teatrais ou excursións, elementos de diversión que, nalgúns casos,
eran característicos da burguesía e, polo tanto, non estarían ao alcance de
amplos sectores sociais se non fose pola vía do asociacionismo. 

Así, na
bisbarra coruñesa xorde unha verdadeira constelación de entidades heteroxéneas,
moitas delas independentes, outras ideoloxicamente definidas e ligadas a
organizacións políticas e sindicais –nomeadamente ao anarquismo. Sada non
ficará á marxe deste proceso. Nas catro primeiras décadas do século XX
rexistraranse máis de 40 asociacións de índole cultural e/ou recreativo, o que
non implica que non esteamos a falar dun fenómeno anterior no tempo. De feito, arrinca
cando menos na última década do XIX. 

Daqueles anos hai en Sada dúas entidades
rexistradas: La Unión, constituída en xullo de 1894 con 32 socios e destinada á
“instrucción y recreo”
2, e unha Tertulia de Amigos, creada o último día
do mesmo ano con 30 compoñentes e orientada ao “recreo”. Non existen máis datos
ao respecto. Nin nomes de directivos, nin emprazamento dos seus locais, nin
actividade algunha coñecida. Mesmo, dadas as similitudes, puidérase deducir que
se trata da mesma entidade reconvertida por algún motivo, extremo este que non
pode ser contrastado. Do mesmo xeito, case nada se sabe doutras dúas
asociacións nacidas xa nos primeiros anos do século XX: Reunión de Artesanos (nome
importado da veciña cidade da Coruña) e Tertulia de Sada, con datas de
constitución, respectivamente, de 7 de marzo de 1904 e 5 de xullo de 1905, e
ambas con finalidade recreativa. 


A ECLOSIÓN DO ASOCIACIONISMO NOS ANOS 10 

Será
entre decembro de 1913 e agosto de 1915 cando se produza unha sorprendente
eclosión societaria no municipio. Neste breve lapso temporal constitúense ata
16 entidades esparexidas por todas as parroquias. Todas elas coinciden nas súas
finalidades e comparten boa parte do contido dos seus estatutos. A primeira en constituírse
aparece na capital municipal baixo a denominación de Casino de Sada,
probablemente dando continuidade ás experiencias anteriores. Ligada á elite
política e económica local, nacía logo dun banquete celebrado por iniciativa do
médico Antonio Posse Nicolich no salón da rúa do Porto (actual José Monzo): 

El objeto de
dicho banquete, al cual acudieron las personalidades más salientes de este
pueblo, fue constituir una asociación cultural que explique conferencias
semanalmente encaminadas a difundir la cultura popular. Así, efectivamente,
quedó constituida la directiva bajo la presidencia de nuestro ilustrado alcalde
y de los no menos ilustrados señores D. Antonio Posse y D. Antonio Rodríguez
Medina, médico y ayudante de Marina respectivamente. Quedó acordado que las
conferencias las inicie el señor Posse, las cuales darán comienzo próximamente en
el salón casino del Pedregal. Se abriga la confianza de que los conferenciantes
habrán de saber imprimir en el pueblo una nueva era de ética social.

Antonio Posse Nicolich (na imaxe superior) e Ángel López Vidal (co seu amigo Lugrís Freire), dirixentes de sociedades recreativas. Fotografías cedidas por Memoria de Sada e Fina Varela

Logo deste
primeiro encontro, a comisión designada organizaría unha asemblea para o día 22
de decembro na que a nova entidade ficaría constituída oficialmente. Na
reunión, na que participaban 54 veciños, resultaba electa unha directiva
presidida polo xuíz Gabriel Bringas Patiño, acompañado polo secretario Daniel
Alonso Couceiro. Ambos asinan a acta, na que se fai constar a natureza da
asociación: 

una sociedad de recreo alejada de todo color político, a donde puedan
concurrir las personas que se distingan por su sociabilidad y corrección y en
donde se pueda a la vez recibir con el debido decoro a los forasteros,
acreedores a la distinción con que se debe tratar a las personas cultas que a
diario visitan esta villa y especialmente en la temporada de verano.

O Casino de Sada
tería, a diferenza doutras entidades, unha vida relativamente longa. Cando menos
ata o ano 1923, cando seguía funcionando baixo a presidencia do médico Enrique
Cimadevila con Saturnino Couceiro como secretario. 

A partir de 1914, baixo
nomes máis poéticos ou máis prosaicos, comezan a xurdir asociacións da mesma
índole en todas as parroquias. En Osedo constitúense ata catro entidades:
Recreo de Seijeda, La Concordia de Osedo, Progreso de Castelo e Cervantes (tamén
en Castelo), presididas por Juan Paradela, Manuel Raposo Fierro, Joaquín Casal
e Marcelino Ramón Pérez respectivamente. En Carnoedo nacen, en paralelo, dúas
asociacións: La Esperanza, en Taibó, e La Camelia, en Chan da Aldea, dirixidas por
Antonio Sánchez Sánchez e José Fernández Sánchez, confluíndo ambas no ano
1915 na constitución dunha nova entidade que aglutinaba a toda a parroquia
baixo a denominación de Sociedad de Recreo Marineda de Carnoedo (de evidente
reminiscencia pardobazaniana), na que, de novo, era Antonio Sánchez quen asumía
a presidencia. Na capital municipal, o Casino de Sada convivirá con outra
entidade: La Tertulia de Amigos, creada en 1915 baixo a presidencia de José
Pérez Pazos e con sé no Salón Moderno, daquela da súa propiedade; e na propia
parroquia de Sada, pero no barrio de Samoedo, crearanse, tamén en 1915, dúas asociacións
con simbólicos apelativos: La Aurora e Talía (evocando á musa grega do teatro),
sendo os seus respectivos presidentes Antonio Vázquez Rodríguez e Benito
Paradela Blanco. 

As restantes parroquias contarán, nesta primeira fase, cunha
única entidade: en Meirás Cultura y Recreo, en Soñeiro Fraternidad, en Mosteirón
La Estrella, en Mondego La Aurora e en Veigue La Unión, con José Fernández, Manuel
Canle Arévalo, José Candamio, Gonzalo Pita da Veiga e o propio Antonio Sánchez Sánchez
á fronte. 

Todas as sociedades respondían a un mesmo patrón. Se semellante era a
súa definición (sociedad de recreo, asociación recreativa…), tamén o eran as
finalidades que perseguían. A entidade denominada Recreo de Seijeda, por exemplo,
establecía nos seus estatutos:
su objeto será sólo proporcionar a sus socios las
mejores distracciones dentro del buen trato social, celebrando bailes de
invitación, funciones de teatro, reuniones, conferencias y demás diversiones
análogas, difundiendo entre los mimos el más alto grado de distracción y
cultivo procurando la lectura de obras científicas, literarias y revistas
ilustradas.

Pola
súa banda, La Esperanza de Carnoedo, afondaba algo máis no seu programa de
actividades: 

Su exclusivo objeto es el de procurar la distracción de los socios y de
sus familias, aunar la fraternidad entre los mismos, propagar con el buen
ejemplo el progreso de la civilización y cultura en la localidad, fomentando la
moralidad que rigurosamente demostrará en todos sus actos. […] La Junta
directiva […] procurará que se celebren veladas literarias, musicales,
adecuadas a las circunstancias de la localidad y por tanto, modestas y sin
pretensiones, armonizando con la parte recreativa la instructiva y edificante.
Procurará, así bien, reuniones de confianza, distraídas y económicas.
Igualmente procurará que en los días clásicos, haya bailes formales, si el
estado económico de la Sociedad lo permite. Prohibidos en absoluto los juegos
de invite y azar y todos aquellos en que medie dinero entre los jugadores,
serán admitidos los de propio pasatiempo que la Junta verá de establecer con el
fin exclusivo de distracción.

Noutros casos, a finalidade era exclusivamente recreativa,
revestíndose, ademais, dun marcado carácter elitista. A sociedade La Concordia
de Osedo estaba formada en exclusiva por “las familias de cierto número de
propietarios” co único obxecto de celebrar bailes nun local pechado “decorosamente
instalado y arreglado” para salvagardar a moralidade da xuventude: 

Una vez
convencidos por la práctica que en las espansiones [sic.] que se celebran al
aire libre no se recoje [sic.] nada más que actos de inmoralidad que traen
consigo, como es consiguiente, la perturbación en la moralidad, base
fundamental de la vida social.

Todas estas sociedades desenvolvían o seu quefacer
nun espazo definido: ben un local propio, ben algunha vivenda, ben, na maior
parte dos casos, algún dos múltiples salóns de baile que salpicaban as
parroquias do municipio. O salón de Ramón Fariña en Seixeda, o de Fernando
Zapata, en Castelo, o de Andrea Sánchez Barreiro, en Cimás, os de José Regueira
e Josefa Balado, en Samoedo, o de Juan López Díaz en Chan da Aldea (Carnoedo)
ou o Salón Moderno en Sada acollerán os bailes e actos dos diferentes
colectivos. 


1917-1923: ETAPA DE CONTINUIDADE 

En 1917 iníciase unha segunda
ondada no que a constitución de sociedades se refire. Ás anteriores que podían
seguir funcionando
8, engádense outras novas, así na capital municipal
como nas parroquias. No mes de agosto constituíase na vila, nun salón da
avenida de Agustín García (actual Sada y sus Contornos), a Sociedad Recreativiva
Sada, nunha asemblea na que se acordaba por unanimidade “que los socios
procuren por su parte o por medio de sus amistades, el mayor número de obras y revistas
ilustradas para la Sociedad y que la Junta Directiva organice algunos festivales
en los que los socios abonarán por si y sus familias una cantidad módica para
cubrir los gastos que se originen, destinando el sobrante si lo hubiere a algún
fin benéfico para la localidad”
9. A nova entidade, presidida por Manuel Aguiar
Casal, encamiñaba o seu quefacer cara un dos obxectivos prioritarios do asociacionismo
cultural: o combate do analfabetismo a través da creación dunha biblioteca. 

No
ano seguinte constitúense en Tumbadoiro (Meirás) a sociedade La Peña e en Carta
(Mondego), no salón de José Regueira, a sociedade Arte y Cultura, con José
Gayoso Barral e Joaquín Ponte nas respectivas presidencias. Este último incidía
na labor asumida pola Sociedad Recreativa Sada, anunciando que “en la primera
reunión que celebre la Junta Directiva tratará de los medios para llevar a cabo
la creación de una pequeña biblioteca donde los socios puedan ilustrarse de algunas
obras de interés para todos que cree se podrán conseguir”
10. Xa no ano
1920, nace en Soñeiro Agricultores del Pais que, ata 1923, terá que modificar
ata en tres ocasións a composición da súa directiva ao emigraren os seus
integrantes a América. En Chan da Aldea aparece tamén, en 1922, unha nova
sociedade, La Oliva de Carnoedo, que semella dar continuidade ás entidades dos
anos 10, pois delas procedían parte dos seus socios. No mesmo ano constitúese
en Castelo, no salón de Carmen Castro, La Prosperidad, e en Sada, no Salón
Moderno, o Club Sada, destinado a ofrecer bailes e acoller partidas de cartas, exercendo
a presidencia o varias veces alcalde Ángel López Vidal. 

Caso aparte é o da
creación, no ano 1918, dunha delegación na localidade da Sociedad de Instrucción
Sada y sus Contornos de New York, entidade creada cinco anos antes coa
intención de construír escolas no municipio, como de feito farían. Esta
delegación, constituída a efectos legais como entidade independente, manteríase
en pleno funcionamento ata a súa disolución logo da sublevación militar de
1936, ocupando a presidencia nas diferentes etapas Toribio Pollán Nieto,
Antonio Fernández Pita, Juan Dopico, Manuel Dopico Otero, Gumersindo Fernández
Pena, Saturnino Couceiro López, José García Ramos e Eduardo Díaz García. En
todo caso, a súa obra, intensa e produtiva, é xa materia de ulteriores
apartados neste percorrido pola historia do noso asociacionismo cultural
11

_________________________________
1. De Gabriel, N.: “El proceso de alfabetización en Galicia:
un intento de explicación y comprensión”, Historia de la
educación: Revista interuniversitaria
, nº 32, 2013, pp. 289-313. 
2. Arquivo do Reino de Galicia (ARG), Fondo do Goberno
Civil (FGC), L-5022. 
3. Betanzos
Liberal
, 07/12/1913. 
4. ARG, FGC,
G-1812. 
5. ARG, FGC, G-1812. Idéntico ou con moi leves variacións
era o texto que definía nos estatutos o obxecto das sociedades El Casino de
Sada (que semella servir como molde para as constituídas a posteiori, La Aurora
de Mondego, Progreso de Castelo, Cultura y Recreo de Meirás, Cervantes de Castelo,
La Unión de Veigue, Talía de Samoedo, Marineda de Carnoedo ou La Aurora de
Samoedo. 
6. ARG, FGC, G-1812. 
7.
Ibid. 
8. É complexo determinar ata que momento se mantén activa
unha sociedade, dada a escasa pegada documental das súas actividades e dado que
adoitaban prescindir de deixar constancia ante as autoridades competentes das
sucesivas renovacións das directivas, tal e como esixía a lexislación. Recreo de
Seijeda e El Casino de Sada, por exemplo, existiron cando menos ata o ano 1920
e 1922 respectivamente (ARG, FGC, G-1812). 
9. ARG, FGC,
G-1812. 
10. Ibid. 
11. Sobre a
sociedade Sada y sus Contornos de New York e a súa delegación en Sada, vid.
Gayoso Barreiro, M.: Sada y sus Contornos. 80 aniversario da escola.
1928-2008
, Deputación Provincial da Coruña, 2008.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *