ARMENTAL ‐ ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE CARNOEDO

Asociación de Veciños de Carnoedo Armental
Ao
longo de 1979, e enmarcado polo contexto xeral de profundos cambios sociais en que
se vivía, un grupo de veciños de Carnoedo promoven a creación dunha Xunta
Xestora co obxectivo ulterior de xerar unha Asociación de Veciños. 

É así que,
dende a convicción da necesidade de participación e compromiso de asociarse
para influenciar e modificar a realidade, o 30 de decembro de 1979 constitúese
a partir desa Xunta Xestora, a Asociación de veciños de Carnoedo, Armental.
Segundo consta no correspondente Libro de Actas, os compoñentes de Armental en
virtude da súa legalización polas autoridades competentes na materia, con data
20 de novembro de 1979, proceden á discusión e aprobación dos estatutos
constitutivos, así como á elección da súa primeira Xunta Directiva. Pouco despois
e a efectos operacionais, esta primeira Xunta Directiva de trece membros
divídese en cinco Comisións (Municipal, Administrativa, Cultural, Económica e
de Urbanismo) e dous grupos de difusión e captación de novos socios. 


O punto de
partida foi a idea de xerar mellores condicións formais, educativas e
recreativas para os nenos, a actividade escolar e o quefacer fora do horario de
clases. Por iso, o primeiro emprendemento importante foi a adaptación do ámbito
da Escola ás novas necesidades. Nace así a idea da construción do Pavillón,
contando coa dotación económica proveniente de plans de acción comunitaria da
deputación da Coruña e a achega da man de obra voluntaria de membros e
achegados á Asociación de Veciños. Comezou así a andaina deste, por entón, megaproxecto. 

A Asociación de veciños de Carnoedo, desde os seus inicios, encádrase dentro
dos postulados do asociacionismo como un movemento de índole social que propón
a participación activa nos asuntos de interese comunitario, organizando e
planificando accións, previamente analizadas. É así que xa desde a sua 1ª. Asemblea
(30 de decembro de 1979) establécese como principio activo o carácter apartidista
da Asociación, insistindo e remarcando a conveniencia de que sexan evitados
todo tipo de enfrontamentos entre veciños ou grupos de veciños, reservándose como
principio activo o carácter de mediador e atenuador das circunstancias conflitivas.
Neste sentido propugna a participación activa e democrática sen distincións discriminatorias
na vida social da Parroquia, fomentando e procurando transmitir a súa pluralidade,
organización, mediación nos conflitos, traballo voluntario, altruísmo,
responsabilidade e respecto polas institucións, á vez que firmeza e tesón nas súas
reivindicacións. 

Desde a súa fundación pretende defender dereitos como veciños
e reivindicar o cumprimento das normas ou ordenanzas establecidas, controlando
o funcionamento dos servizos públicos e promocionando actividades culturais, cívicas
e de desenvolvemento persoal e colectivo, sempre axustadas aos fins da
Asociación de Veciños. 

Simultaneamente comezou a desenvolverse o proxecto da
creación dunha Biblioteca en Carnoedo (cando aínda non había biblioteca en Sada).
Os primeiros libros proviñan de doazóns de veciños e Institucións. Nunha
primeira época chegaría a Biblioteca Ambulante da Deputación da Coruña
(bibliobús), solicitada organicamente por decisión da Asemblea Xeral do 7-2- 81.
Hoxe a biblioteca segue co mesmo criterio, especialmente potenciado a partir da
achega veciñal e en especial dun deles que doou todos os seus libros e achegou
xenerosamente o seu traballo voluntario; (a nosa sala de lectura ou biblioteca
leva o seu nome, en recoñecemento ao seu labor). 

No sentido da acción
participativa e comunitaria partiron diferentes iniciativas, que se viron
expresadas na procura para os veciños de mellor calidade de vida no sentido
ampliado. Así na lectura das primeiras actas atópanse proxectos de mellora dos
accesos a Carnoedo, de camiños veciñais: Os Pereiros”, “Os Corrales”, “Da
Escola”, “Do Souto”, “Do Campo de Futbol”, “Do Galo”, “Da Pereira”, “Do Xeixo”,
“Da Fonte”), cobertura dos lavadoiros (“Río de Rios” y “Río da Pedreira”),
xestión de servizos telefónicos para a Parroquia, electrificación en Souto
(1982), marquesiñas en Souto, Taibó e Carnoedo, sinalización dos puntos de
paradas do autobús “Eliseo Pita”, obtención da cesión dun local social para uso
da Asociación de Veciños (formalizada en setembro de 1980), xestión da
periódica presenza dun practicante no local e de medios para a súa tarefa de
asistencia aos veciños, etc.. 

A partir da dispoñibilidade dun espazo de uso
propio, comeza un ciclo de charlas, coloquios e conferencias sobre diversos
temas de interese xeral (nutrición infantil, enfermidades infantís,
planificación familiar, medio ambiente, habilidades ocupacionais, formación en
filosofía, funcionamento das institucións democráticas -Congreso e Senado-,
etc.). Paralelamente vaise xestando o proxecto da pista polideportiva (inaugurada
no verán de 1984) e vanse xerando as condicións para a construción dun ámbito
cuberto que deu lugar á posibilidade da organización de actividades como
ximnasia de mantemento, manualidades, cociña, reunións de diferentes
colectivos,tamén excursións por Galicia, España e Portugal, etc. En suma, un
ámbito de pertenza e recoñecemento, para os veciños de Carnoedo e aberto á
participación doutros veciños que compartan os supostos fundacionais de
ARMENTAL. 


Así mesmo desde os inicios patrocínase como recoñecemento aos nosos
maiores, a chamada “Festa dos vellos”, (na primeira houbo sardiñas, pan de
mestura, viño do pais, baile tradicional, xogos para os nenos, etc.), que
continúa co mesmo espírito fundacional e xa nos estamos preparando para a
XXXVII versión, no ano en curso. 

Desde aqueles primeiros pasos, a longa marcha
continúa. Seguimos organicamente funcionando, e traballando polo
Asociacionismo, a acción comunitaria, o traballo voluntario, a participación e
a xestión dos intereses comúns ante as diferentes administracións e áreas que
nos incumben. 

Hoxe, como onte, a Asociación de Veciños de ARMENTAL de Carnoedo
somos todos os socios (13 en 1979, 166 en 1981 e máis de 600 na actualidade),
que continuamos considerando que se pode accionar ao amparo dos supostos orixinarios,
na mellora das nosas condicións de vida. 

O actual órgano de goberno, ademais da
Asemblea Xeral, é a Xunta Directiva, que procura continuar coa tarefa daqueles
pioneirosfundadores de 1979, no sentido da procura de maiores cotas de benestar
a través da conxunción da xestión das achegas das distintas administracións vinculantes
e a acción comunitaria.


Nas fotografías: Logotipo da entidade e imaxes da

inauguración das pistas dun curso escolar; dúas vistas das
instalacións. Aspecto exterior do edificio e interior da biblioteca.
Fotografías cedidas por M. Naveiro
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *