“A LUZ PARA A CADUCA IBERIA, VIRÁ DOS FILLOS DE BREOGÁN”: RAMÓN SUÁREZ PICALLO E EDUARDO PONDAL

Luis Antonio Giadás Álvarez, patrono da Fundación Eduardo Pondal
Para
Ramón Suárez Picallo –o mesmo que para o seu íntimo amigo Antón Vilar Ponte, fundador
da primeira Irmandade da Fala, na Coruña–, Eduardo María González Pondal Abente,
o Bardo de Bergantiños, é o profeta da nova era, o San Xoán Bautista que
transmite, dende o seu emblemático río Anllóns (o seu Xordán nativo), a “voluntade
homérica / e propósitos férreos (…) axudando aqueles, do futuro sedento”, é
dicir, aquela xeración das Irmandades, netos espirituais do vate, xa que os
seus fillos e sobriños – no sentido metafórico – foran os fieis compoñentes da “Cova
Céltica”. Como as propias Irmandades homenaxeaban no primeiro cabodano do
pasamento do Cisne do Anllóns, o 10 de marzo de 1918, coas verbas pondalianas: “Xa
chegaran os días / que os bardos anunciaran”. 


Este papel de augur do
renacemento da cultura galega referéndase nas “Cántigas proféticas” (
A Nosa Terra, 25 de xullo de 1944) coas estrofas: “Boandanza,
saúde: / Raza de Breogán, / teus gloriosos destinos, / certo hei de agoirar” ; “Ouh,
canta luz eu vexo, / que na futura edá, / da túa fronte sae, / xente de
Breogán!”. 

“Os tempos son chegados” é o mantra que repetirá A Nosa Terra naqueles anos de entreguerras. Por exemplo, nun
artigo datado o 25 de xullo de 1920 e asinado por Víctor Casas, outro amigo
íntimo de Suárez Picallo. Ou no número de maio de 1945 da mesma revista,
encabezado polo propio perfil do Bardo que debuxara Cortés Bugía para
La Voz de Galicia e unha estrela sobre un dolmen, orlada toda esta ilustración
con piñeiros: “Como poeta é a máis outa e pura expresión da Nosa Raza. Nos seus
versos rumorosos de pinales e de mar, soa o corno de Breogán, con acentos de
loita e de liberdade. Ao pé do sagro dolmen, alumeado pola estrela, o nobre
bardo Gundar, erguendo o seu corpo lanzal e con profética voz, crama: ¡Os tempos
son chegados!”. 

O tótem da Raza Galega, o pino, que Pondal elevara á categoría
de Himno, será importado de Galicia para plantar no Pazo do Centro Pontevedrés
de Bos Aires (5 de decembro de 1955) e así constatarao Antón Rodiño, no
discurso previo a aquel acto: “O pino ten para nós, os galegos, sabor e cor de
estampa. Non concebimos a nosa paisaxe sen un pino que a adorne. Aínda que o carballo
– símbolo da dureza – é a nosa árbore autóctona, o pino, que é brando pero
firme, afincou na Nosa Terra en tal profusión que invadeu a mesma cambiando a
súa fisonomía”. 

A Suárez Picallo, a creación mitolóxica de Pondal sérvelle de
referente moral. Así, cando visitara, por vez primeira, as sociedades rexionais
na Arxentina, quedara moi decepcionado polo caciquismo e desleigamento que alí
observou: “Constituyen la negación más absoluta de la recia estirpe de los
hijos de Breogán, cantada en versos llenos de virilidad por los excelsos Curros
y Pondal”. Neste mesmo artigo “Impresiones” (
El Despertar Gallego,
Año IV, nº 46, 15 febreiro 1925) eloxia a Federación de Sociedades Gallegas
Agrarias y Culturales, formadas por traballadores concienciados, con esta conclusión
final: “Salí del local contentísimo, con ganas de gritar el verso de Pondal: “Cántalle
o que xa cantara, / o nobre bardo Gundar: / A lus virá para a caduca Iberia /
dos fillos de Breogán” (Estes versos figurarán nas devanditas “Cántigas
proféticas”, de
A Nosa Terra, do 25 de xullo de 1944). 

Coincidindo co primeiro
centenario do natalicio de Pondal, a Real Academia Galega elabora unha segunda
edición de “Queixume dos Pinos”, engadindo corenta
poemas inéditos, cun estudo biográfico do vate, escrito por Manuel Martínez Murguía
en 1886, e, como epílogo, o traballo que encol do bardo compuxera Manuel Lugrís
Freire –naquel ano de 1935 era o presidente daquela institución– no seu ingreso
á Academia. No mesmo número de
A Nosa Terra (6
de xullo de 1935), Suárez Picallo establece un fío condutor entre o Apóstolo
Santiago –“A vella Compostela e as súas pedras románicas, testemuñas antergas
dun pasado esplendoroso”– e Eduardo Pondal –“A esperanza de cantos levamos na
testa o ensoño dun Rexurdimento da Patria Galega”. Comeza este artigo “Sant-Iago,
símbolo inmorredoiro da Raza Galega” cunha rotunda sentenza: “Un pobo sen
fondas tradicións, cívicas ou relixiosas, entendendo a nosa relixión como unha
faculdade superior do home que lle permite ver a deus a través dunha obra de
arte, dunha paisaxe ou dunha criatura que sofre, esto é: na dor, no amor e na
beleza, será sempre un pobo que careza de personalidade propia e definida”. Nesta
reflexión comunga Suárez Picallo co panteísmo instintivo do poeta bergantiñán: “Os
camiños, os matos montesíos, /(…) os cómaros, os pinos, os regueiros /(…) Todo
me dá suidades e triganzas, / todo me trae punxentes memoranzas”. Remata Ramón
coa coñecida divisa pondaliana: “Que a Patria Galega siga sendo o que xa fora
noutra hora (isto é, na Era Compostelana ou do arcebispo Xelmírez, auténtica
idade de ouro para o sempre anceiado reino de Galicia), un guieiro de
civilización e un remanso espiritual, que convirta en realidade as verbas do
poeta: “A luz para a caduca Iberia, virá dos fillos de Breogán”. 

Esta é outra
analoxía entre Suárez Picallo e Pondal. Tamén para o Bardo existía un elo
espiritual e identitario da esencia da galeguidade entre os celtas e o
Apóstolo: “A sofrida Cincenta, / filla dos celtas boa, / a dos esveltos pinos /
que sonorosos soan, / que garda de Boanerges (Santiago) / a milagrosa tomba,/
que afuxentou de España / a dura xente moura”. Non en van, Eduardo pídelle ao
Apóstolo nos seus versos: “Quero xacer na terra, / quero xacer contigo, / como
xacer costuman / dous vagos peregrinos”. 

Así como Otero Pedrayo puxera como
saúdo esperanzador outro verso de Don Eduardo (“Boandanza, saúde”), no seu
discurso de despedida académica no Paraninfo da Universidade compostelán, o 5
de marzo de 1958, o slogan de Suárez Picallo fixo fortuna, como podemos comprobar
no discurso de Blanco Amor en nome da colectividade galega, no acto de
inhumación de Castelao: “Cargou (Alfonso Daniel) cada liña e cada trazo con tal
potencia expresiva, que deu por resultado o nacemento da nosa xerazón e da que
hoxe loita en Galiza e fora dela, para que se cumpra o testamento pondaliano: A
luz virá para a caduca Iberia, dos fillos de Breogán” (Xa a devandita homenaxe
das Irmandades da Fala no primeiro cabodano de Pondal, o 10 do marzal de 1918,
finalizaba con idéntico verso). 

Nun esbozo biográfico titulado “Suárez Picallo”,
A Nosa Terra (xaneiro 1946) descúbrenos a bagaxe cultural
daquel pastor e mariñeiro sadense que se instruíu a si mesmo: “Politicamente, fíxose
na leitura dos Precursores (Curros Rosalía e… Pondal) e ao contacto das grandes
figuras do galleguismo”. O propio Ramón recoñece esta débeda, no discurso do
aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de xuño de 1936, Teatro
Arxentina, Bos Aires, o 28 de xuño de 1954: “Os Precursores, alumpados de
poesía e de emoción (aplausos do numeroso público), abríronlle o camiño a aqueles
nosos autonomistas, empapándoos de espiritualidade, de arte e de beleza, ao
conxuro da nosa lingua, fío de ouro, e de marabilla para dicir tódolos nosos
pensamentos (aplausos)”. 

Observemos a expresión “Nosa lingua, fío de ouro”,
evocando a suposta derradeira frase que pronunciara Pondal, no leito de agonía
da coruñesa pensión “A Luguesa”, o 8 de marzo de 1917:
“Déstesme unha lingua de ferro,
devólvovos unha lingua de ouro”. 

Referendaba esta mensaxe A Nosa Terra: “Pero é, certamente, en Pondal
onde o sentemento da Patria érguese rexo e baril, logo de espertar o seu
encanto, de auténtica e poética siñificación bárdica nas nosas raíces máis
fondas” (Emilio Pita, decembro 1949) ; “O senlleiro Pondal afonda nas esenzas céltigas,
na procura do noso cerne” (abril 1958) ; “Na lingua galega dixeron as súas
mensaxes precursores e aurorales Rosalía, Curros e Pondal” (maio 1959). 

A épica pondaliana respirábase na “quinta
provincia galega”, a mediados daquel S. XX, como rezaban os anuncios da época: “Camisería
de mesura fina Brigo, Bos Aires” (
A Nosa Terra, novembro
1946). “O seu traxe, o seu sombreiro, a súa camisa, a súa roupa interior,
mérqueo en Celta” (Íd., decembro 1946). “Celta, única casa enteiramente galega”
(Íd., xuño 1946). 

Coherente con esta identificación racial do celtismo coa
patria galega, Suárez Picallo foi un dos fundadores da revista “Céltiga”
(1924), cuxo programa ideolóxico xa aparece no seu primeiro número, o 30 de
setembro de 1924, con pegada pondaliana: “Cumplirá esta revista una función patriótica,
la más grande tal vez: afianzar, estrechar los vínculos afectivos de los
descendientes de Breogán con el solar de la raza, asegurar indubidablemente el
interés y la cooperación de los mismos para todos los problemas de la región, sean
éstos de la naturaleza que fueren”. 

Se Pondal arengaba a rebelarse da condición
de ilotas que merecían os galegos ós ollos de Castela (“Mirade, bos galegos, /
aquela sinvergonza / que ben di “Segadores / gallegos” con gran mofa; / e cando
vós sudades / o quilo gota a gota, / mirade, estase rindo, / aquela Babilonia”),
Suárez Picallo apelaba á participación non plebiscito do 28 de xuño de 1936,
para o Estatuto de Autonomía de Galicia, relembrando o “espírito inmorredoiro
da Nosa Raza, esmagado e aldraxado por catro séculos de opresión centralista e
castelanizante”. 

Ademais, Ramón tiña interiorizada a meta da federación entre
Galicia e Portugal que reiteradamente alentara Eduardo, por exemplo, no futuro
Himno “Os Pinos” (“Á nobre Lusitania / os brazos tende amigos, / que os eidos ven,
antigos, / con un punxente afán; / e cumpre as vaguedades / dos teus soantes
pinos / duns máxicos destinos, / ¡oh grei de Breogán!”) ou na visión que
contempla Temunde, a fada dos ventos, no castro de Beres (Cabana de
Bergantiños): “Dous pobos irmáns, / dous pobos estou vendo; / un leva na frente
/ do bo Luso o sello, / e outro o destello / dos celtas e suevos”. Meta
compartillada por Antón Vilar Ponte no seu artigo “Portugal e Galiza” (
A Nosa Terra, 25 de setembro de 1920). Coherente
con este ideal, Suárez Picallo e Castelao aféanlle nunha carta (publicada en
A Nosa Terra en xuño de 1945) ao ditador Oliveira
Salazar a súa connivencia co réxime franquista: “Todo nos facía supor que
Portugal arelaba unha estructuración federativa do Estado español e nós
soñábamos –¿Para que negalo?– con que algún día se consagrase definitivamente a
irmandade galaicoportuguesa” 

Outro cuño pondaliano desvélase en evocacións semellantes
ás da afamada “Campana d´Anllóns” que detectamos en varios intres da vida de
Ramón Suárez Picallo. Así, no devandito discurso de aniversario do plebiscito
do Estatuto de Autonomía (28 de xuño de 1954), confesa aspirar a “unha
democracia rural, onde cada home traballe enriba da súa terra, á que ama como á
súa muller. E, nas postas do sol, ao escoitar a campana da aldea, vaia para a
casa tranquilo e cordial, para ir un pouco despois a ver como vai nacendo o
gran, sachando o millo, enriba dunha terra súa e sabendo que ten asegurada máis
ou menos a súa subsistencia decorosa”. Tamén cando, no artigo “No cuarto da miña
nai” (aparecido en “A Nosa Terra”, en marzal de 1965), lembra a súa casa natal
de Veloi e vai describindo os obxectos da mesma, o ritmo das palabras van
caendo, coma o martelo na bigornia, como o badalo golpea o oco da campá: “E ti,
reloxo, que segues marcando o decurso de vidas ben queridas, ausencias
deloridas, non acabables esperas. ¡Como añorei o tic tac do teu péndulo e o
tanxer sonoroso das túas campanadas!”. 

Por último, sinalemos outro parangón
entre Pondal e Suárez Picallo. O primeiro deixou claro no seu poema “A
derradeira vountade” que quería ser inhumado en Ponteceso ou na Coruña ; o
segundo –“conscente da súa desesperanzada individualidade”– comentáralle a
Isaac Díaz Pardo: “Eu quixera ir morrer a Veloy e que me enterraran no
Fiunchedo”. O 14 de outubro do 2008, corenta e catro anos despois do seu
pasamento, Ramón puido ver cumprido o seu desexo e hogano repousa no cemiterio
sadense, a carón da ría pintada por Lloréns e da “veiga ridente” enxalzada por
Lugrís Freire.

Imaxes do artigo: dous retratos de Pondal Vida Gallega, 05/1912 (ant.) Vida Gallega, 03/1909

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará