A ENERXÍA EÓLICA EN GALICIA: PASADO, PRESENTE E FUTURO

Pedro Varela Vázquez
Profesor Doutor. Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. USC 1
1.
INTRODUCIÓN 

A enerxía eólica constitúe unha das principais fontes enerxéticas
renovables a nivel mundial, en termos de penetración no mercado e desenvolvemento
tecnolóxico.O seu fomento xustifícase polos seus efectos positivos
medioambientais, na diversificación do subministro enerxético, así como
económicos. Galicia non representou unha excepción no auxe desta enerxía
renovable, posto que permitiu unha diversificación industrial e enerxética,
representando un vector relevante de desenvolvemento económico. 


O obxectivo
deste artigo consiste en describir os principais trazos na evolución do sector eólico
galego, e identificar as tendencias recentes e os desafíos que presentan este
sector estratéxico para a economía galega. Desta forma, esta análise facilita
dilucidar as barreiras que impediron o seu desenvolvemento integral, e as estratexias
necesarias para mitigalas e aproveitar as oportunidades existentes a nivel
autonómico, nacional e internacional. 

Este artigo estrutúrase en dúas
epígrafes, empezando con esta introdución. A epígrafe dúas aborda o estudo das
principais características e evolución do sector eólico galego, dende a súa
xénese ata o estancamento sectorial existente dende 2008. Finalmente, a
epígrafe tres céntrase nas tendencias máis recentes e retos que se enfronta
dito sector nun marco cada vez máis competitivo a nivel internacional. 


2.
PRINCIPAIS CARACTERÍSTICAS E EVOLUCIÓN DO SECTOR EÓLICO GALEGO 

Un amplo abano
de iniciativas empresariais intentaron explotar o recurso eólico galego dende
mediados da década dos anos oitenta do século XX. Diversas empresas eléctricas
como Unión Fenosa ou Endesa emprenderon proxectos de I+D vinculados coa enerxía
eólica en Galicia dende esas datas. Neste sentido, cómpre salientar as
iniciativas desenvolvidas por Endesa e o Instituto para a Diversificación e o
Aforro Enerxético (IDAE) en Estaca de Bares, onde instalaron aeroxeradores de
35 kW en 1985. Asemade, Unión Fenosa instalou un aeroxerador experimental de
1,2 MW en Cabo Vilán no ano 1990 (Menéndez, 2001). Porén, non é ata mediados da
década seguinte cando o sector eólico galego despega definitivamente. Deste modo,
na Figura 1 pódese apreciar o forte crecemento da potencia instalada eólica
dende 1998 ata 2008.Neste período, o auxe da enerxía eólica sustentouse nunha
normativa autonómica
2 que fomentaba o incremento da potencia instalada
fronte outros obxectivos de carácter socioeconómico ou ambiental (Montero et
al., 2010; Iglesias, del Río e Dopico, 2011). Non obstante, a obriga de
presentar plans industriais polos promotores eólicos, nos que se estipulaba unha
porcentaxe do investimento que se debería realizar con empresas galegas,
abriron novas posibilidades de negocio para moitas compañías do sector
industrial e de servizos. A pesar disto, comprobouse un incumprimento
xeneralizado deste compromiso (Simón et al., 2010). 

Ao abeiro da expansión do
mercado galego, xurdiron unha serie de fabricantes co obxectivo de subministrar
compoñentes de aeroxeradores. Moitos deles proviñan do sector naval, dada a
proximidade cognitiva entre a tecnoloxía e os coñecementos aplicados no sector
eólico e os empregados previamente na construción naval (Varela e Sánchez,
2014; Varela-Vázquez e Sánchez-Carreira, 2016). Así, o sector eólico constituíu
un instrumento para a diversificación industrial, promovendo a absorción de man
de obra dende sectores tradicionais en declive cara outros novos sectores con
mellores perspectivas, así como a creación de novas pautas de desenvolvemento
industrial para o futuro. Nesta fase de auxe sectorial, o sector eólico chegou
a supoñer o 1,16% do PIB e o 0,55% do emprego galego (máis de 5.600 empregos)
en 2005 (Varela-Vázquez e Sánchez-Carreira, 2015). Gran parte do emprego creado
é industrial, concentrado nas ramas de fabricación de maquinaria e equipamento,
así como de material eléctrico. Non obstante, cómpre subliñar que esta
contribución económica do sector eólico galego depende, en gran medida, da
instalación de novos parques eólicos (Ib.). 

Esta tendencia sectorial favorable
quebrouse a partir do ano 2008, debido a un conxunto de factores endóxenos ao
propio sector, e outros de natureza esóxena. Este conxunto de factores negativos
desincentivaron a instalación de nova potencia, causando unha considerable
desaceleración a nivel sectorial. En primeiro lugar, é necesario sinalar a
elevada inestabilidade dende 2008 ata a actualidade, derivada dos concursos eólicos
autonómicos. Neste sentido, no ano 2008 implementouse un concurso eólico de
carácter non discrecional no que se facía un especial fincapé na protección de
áreas naturais e na participación pública nos parques eólicos. Porén, co cambio
de goberno, este concurso eólico foi suspendido, amparándose en que a Asesoría Xurídica
Xeral da Xunta de Galicia alegou indicios de ilegalidade. A suspensión deste
concurso eólico e a posterior convocatoria dun novo concurso cunhas novas
directrices no ano 2010 causou unha elevada inestabilidade, que sumada ao
adverso contexto económico xeral, provocou un estancamento sectorial que dura
más dun lustro. A inseguridade xurídica veuse agudizada cando os axentes
beneficiarios do concurso de 2008 apelaron á vía xudicial para reclamar
responsabilidade patrimonial á Xunta de Galicia pola supresión do procedemento
de autorización de parques eólicos. 

Como segundo factor que incidiu no
estancamento sectorial, cómpre mencionar o establecemento do Canon Eólico por
parte da Xunta de Galicia mediante a Lei 8/2009. Este tributo grava o número de
aeroxeradores, e ten como finalidade compensar ás comunidades locais polos
efectos negativos medioambientais destas instalacións. Non obstante, este
tributo, sumado ao imposto estatal do 7% á xeración de electricidade, desincentiva
os novos proxectos eólicos, así como lastra a rendibilidade dos proxectos en
funcionamento. En último lugar, pero por elo non menos importante, os cambios
normativos dende 2011 no réxime retributivo das enerxías renovables
(competencia do goberno central) causaron unha rebaixa substancial na rendibilidade
dos parques eólicos. Debido ao crecente déficit tarifario, o goberno central
suprimiu o réxime de primas (imperante dende finais dos 90), substituíndoo por
outro baseado na rendibilidade do bono español a dez anos. Neste último réxime
retributivo, os incentivos para os parques eólicos teñen unha vixencia de 3 ou
6 anos, polo que non fomenta a estabilidade financeira de proxectos cunha vida
útil superior aos 20 anos. 

Por todo elo, a contribución económica do sector
eólico á sociedade galega reduciuse substancialmente dende 2008. A estas dinámicas
negativas sectoriais, únese a crise económica, que impón relevantes restricións
crediticias a un sector intensivo en capital. Deste modo, dende 2013 non se
instalaron ningún MW en Galicia, acadando os 3.328 MW a finais do ano 2015. 


Figura 1. Evolución da potencia instalada no sector eólico galego (1998-2015) Fonte: elaboración propia a partir de Pintor et al.(2006) e AEE (varios anos).


3.
TENDENCIAS E DESAFÍOS NO SECTOR EÓLICO GALEGO 

A pesar da visión pesimista
imperante actualmente no sector eólico galego, cómpre salientar novas
oportunidades para este sector estratéxico e vector de crecemento económico. Xa
nas primeiras fases de estancamento sectorial, algunhas empresas comezaron a
exportar compoñentes a mercados emerxentes como o brasileiro, co obxectivo de
compensar a menor demanda nos mercados locais. En todo caso, as iniciativas
empresariais non quedaron unicamente circunscritas á busca de mercados exteriores.
Desta forma, diversas empresas do sector eólico galego intentan introducirse en
novos nichos de mercado como poden ser a minieólica ou a enerxía eólica mariña
(Varela- Vázquez e Sánchez-Carreira, 2016). Neste sentido, a empresa lucense
Norvento deseñou, fabricou e comercializou un aeroxerador para ser empregado,
entre outras finalidades, por explotacións agropecuarias. No eido da enerxía
eólica mariña, emerxe un horizonte prometedor polo auxe desta fonte enerxética
renovable no norte de Europa. Deste modo, Navantia Fene e o seu socio Windar
están logrando diversos contratos internacionais (Iberdrola, Statoil e Siemens)
para fornecer de diferentes tipos de estruturas de soporte de aeroxeradores
mariños (jackets e estruturas flotantes) a parques eólicos en Reino Unido,
Alemaña e Dinamarca. Estas iniciativas están supoñendo unha diversificación industrial,dende
o sector naval ou do petróleo/gas offshore, cara este sector con gran dinamismo.
Para aproveitar estas oportunidades, os fabricantes de compoñentes estanse
empezando a asociar co obxectivo de conseguir sinerxias. Un exemplo é o
Galician Offshore Energy Group (GOE), que agrupa aos principais fabricantes,
concentrados fundamentalmente en Ferrol e Vigo. 

Outra oportunidade relevante
para o sector eólico galego consiste na repotenciación de parques eólicos, é
dicir, na substitución de aeroxeradores vellos por outros con máis potencia unitaria
e máis eficientes. Neste sentido, nos últimos anos empezáronse a tramitar as autorización
para a repotenciación de parques eólicos, fundamentalmente daqueles que superan
os 20-25 anos. A repotenciación pode supor unha oportunidade moi relevante,
debido a elevada potencia instalada acumulada. Porén, cómpre un sistema de
incentivos e de estabilidade financeira e normativa que fomente a
repotenciación. 

Estas tendencias prometedoras poden quedar tan só en
oportunidades se non se complementan con políticas activas de promoción
sectorial. Deste modo, a inestabilidade lexislativa e financiera, así como as
trabas ao autoconsumo, poden dificultar a repotenciación e o xurdimento dun
mercado para a minieólica. Asemade, a exportación de compoñentes, sexa para eólica
terrestre ou mariña, ten unha limitación relevante. A nivel mundial, a
fabricación de compoñentes (sobre todo os máis pesados como torres, pas ou
jackets) tenden a establecerse preto do principais mercados debido aos elevados
custos de transporte. Asemade, a fabricación de moitos destes compoñentes non
reviste unha elevada complexidade tecnolóxica, polo que poden xurdir potenciais
competidores preto dos grandes mercados. Desta forma, se estas iniciativas
empresariais non se complementan con políticas de fomento do mercado galego (eólica
terrestre e mariña), a situación actual non se poderá manter por moito tempo. 


4.
CONCLUSIÓNS 

A enerxía eólica supuxo e pode supoñer un vector de desenvolvemento
económico relevante en Galicia, así como un instrumento para diversificar a
matriz enerxética e de protección medioambiental. A análise da evolución
sectorial amosa o seu papel na diversificación industrial, na creación de
emprego e no dinamismo económico xeral.Asemade, a experiencia industrial acadada
corrobora as capacidades existentes en Galicia, tanto no sector eólico
tradicional como nos novos nichos de mercado. Neste sentido, ser capaces de
desenvolver as capacidades industriais e tecnolóxicas do tecido produtivo galego
constitúe un dos mellores camiños para socializar os beneficios desta enerxía
renovable. 

O estudo da evolución do sector eólico galego tamén amosa algunhas
leccións necesarias para ter en conta na reemerxencia e consolidación deste
sector. Así, pódese comprobar o im pacto negativo da inestabilidade normativa
vinculada cos concursos eólicos e co réxime retributivo. O sector eólico é
intensivo en capital, polo que é preciso contar cunha estabilidade financeira a
longo prazo que permita prever as necesidades financeiras e os retornos.
Ademais, a análise do sector eólico galego permite identificar o papel central
desempeñado polos mercados locais ou rexionais, posto que permiten a experimentación
e a aprendizaxe produtiva ás empresas radicadas neses territorios. Cómpre ser
conscientes destes determinantes, posto que as oportunidades non son
permanentes. 


REFERENCIAS 

AEE (2015). Eólica’15. Madrid:
Asociación Empresarial Eólica. 

Iglesias, G., del Río, P. e Dopico, J. (2011). Policy analysis of authorisation procedures for wind energy
deployment in Spain.
Energy Policy, 39 (7),
4067-4076. 

Menéndez, E. (2001). Energías renovables, sustentabilidad y
creación de empleo. Una economía impulsada por el sol
(2º ed.).
Madrid: Catarata. 

Montero, M., Simón, X., Giménez, E. e Castro, F. (2010). Los
planes eólicos empresariales en Galicia. Un análisis de su desarrollo. Revista
Galega de Economía,
19(1), 1132-2799. 

Pintor, J.M., Lera, F., García,
J. e Faulín, J. (2006). Energía eólica y empleo: El caso de Navarra como paradigma.
Tribuna de Economía, 829, 253- 271. 

Simón, X., Montero, M., Giménez,
E.L. e Castro, F. (2010). Os plans eólicos empresariais no sector
eólico galego. Unha análise do seu grado de desenvolvemento.
Vigo: Consello
Social. 

Varela-Vázquez, P. e Sánchez-Carreira, M.C. (2015). Socioeconomic impact of wind energy on peripheral
regions.
Renewable and
Sustainable Energy Reviews,
50,
982-990. 

Varela-Vázquez, P., & Sánchez-Carreira, M.C. (2016). Upgrading
peripheral wind sectors.
Technology Analysis
& Strategic Management,
28 (10),
1152-1166. 

Varela-Vázquez, P. e Sánchez-Carreira, M.C. (2014). Estado de
desarrollo del sector de la energía eólica en Galicia desde una perspectiva de
clúster. Revista Galega de Economía, 23(1), 53-78. 

Fotografía: Aeroxeradores no Pindo. Fotografía de L. M. Bugallo Sánchez en
https://commons. wikimedia.org/wiki/File:Enerx%C3%AD a_e%C3%B3lica_-_O_Pindo_- _Galicia.jpg
_____________________________
1. Email: pedro.varela.vazquez@usc.es; Avda. do Burgo,
s/n. Campus Norte, 15782 Santiago de Compostela. 
2.
A
regulación das instalacións de produción eléctrica, transporte e distribución
establecidas en Galicia, é competencia das autoridades autonómicas. Aeroxeradores
no Pindo. Fotografía de L. M. Bugallo Sánchez en https://commons. wikimedia. org/wiki/File: Enerx%C3%AD
a_e% C3%B3lica_-_O_Pindo _- _Galicia.jpg

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *