UN LUGAR PARA MIRAR: A RÍA DO BURGO

Antonio Sandoval Rey

Como Juan Lembeye y Artaud é protagonista dun dos artigos desta revista, con motivo do bicentenario do seu nacemento en Ferrol, considerei moi oportuno aproveitar estas outras páxinas para celebrar algo que el soubo facer como ninguén: mirar. 
Mirar de verdade non é doado. Nunca o foi. Abofé, xa case todos levamos no peto unas pequenas pantallas brillantes dende as que asomarnos a case todo o planeta, e que temos outras pantallas maiores conectadas a ordenadores con alta velocidade de descarga de información de internet; e tabletas dixitais; e unha ou varias televisións en casa, ademais de nas nosas cafeterías habituais, non poucas salas de espera e incluso algúns autobuses. Etcétera. 
Cada vez máis xente miramos pantallas. Mais acotío iso non é exactamente “mirar”. Explícome: é como se “ler” un foro de What’s App fose igual que “ler” unha novela, por exemplo “O bosque animado”. Son dúas cousas totalmente diferentes. A segunda, claro está, é LER con maiúsculas. 
Tanto a MIRAR (iso, con maiúsculas!), como a LER, ou a ESCOITAR MÚSICA, ou a CONVERSAR con graza e complexidade, etcétera, apréndese ao ir atopando cada vez maior enriquecemento persoal nesa actividade. E tamén a base de empeño, claro. É dicir, de entusiasmo e de curiosidade. Ou o que é o mesmo, de ganas de vivir. De VIVIR. 
Así, cando en troques de ver unha película nunha pantalla o que fas é VER esa mesma película, descóbreste prestando a atención a detalles nos que ata entón non repararas. Se a película é realmente boa, daquela eses detalles convértense en retos á túa intelixencia e á túa percepción estética. Convídante a pensar, a vibrar, a ter as túas propias opinións e sensacións e logo compartilas ou opoñelas á de outras persoas que tamén a teñan VISTO. 
O mesmo sucede se o que VES ou MIRAS é a túa contorna, claro. Tanto se é a túa contorna familiar ou laboral como a urbana ou a natural. 
Juan Lembeye aprendeu dende pequeno a MIRAR sobre todo a súa contorna natural. E desenvolveu unha predilección moi particular polas aves. Tanto foi así que, durante a súa estadía na Cuba de mediados do século XIX, describiu por primeira vez para a ciencia dúas especies de paxaros nas que ata daquela ninguén prestara a suficiente ATENCIÓN. 
Na marxe oeste da ría do Burgo, o Concello de Culleredo mantén un fermoso xardín botánico por cuxas sendas gustamos de pasear cada vez máis persoas. Pola súa entrada enreixada accédese a un camiño ancho e breve que conduce ata a “Aula da Natureza Juan Lembeye”, así chamada en lembranza de Juan, quen foi en dúas ocasións alcalde dese municipio. É este un espazo no que con frecuencia se desenvolven todo tipo de actividades culturais, arroupadas pola frescura e a sombra de árbores de moitas especies. 
Algo máis alá, o xardín asoma á ría. O paseo marítimo que discorre por esa beira é un dos mellores lugares de Galicia para mirar aves. Para MIRALAS do mesmo xeito que o facía Lembeye. 
Os meses máis fríos son os mellores para acudir a observalas, pois nese entón concéntranse alí milleiros delas, que converten ese estuario no seu fogar invernal. Píldoras cincentas oriúndas de Siberia, virapedras que veñen do Canadá, pilros, mazaricos, garzas, gaivotas de varias especies, corvos mariños, cullereiros, picapeixes, biluricos… O mellor de todo é que, pese a ser criaturas salvaxes, neste recuncho admiten unha proximidade inaudita en case calquera outra zona húmida. Débese isto a que se senten seguras. Ninguén salta o valo do paseo para darlles un susto. 
A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo sinalizou hai ano e medio unha ruta ornitolóxica para axudar a gozar mellor das súas cores, voces ou costumes. E tanto o Concello de Culleredo como outras entidades públicas e privadas organizan cada ano visitas guiadas para a cidadanía. Eu tiven a sorte de participar en case todas estas iniciativas, e así de compartir con quen me acompañaron non só a fermosura destes animais, senón o aglaio que provoca o coñecer a dimensión das viaxes que chegan a facer, ou a súa capacidade de navegación, ou os seus ás veces moi divertidos hábitos sociais unha vez aquí. 
En lugares como a ría de O Burgo MÍRASE doutro xeito. Con só prestar un pouco de atención, o que ao comezo semellaba pouco máis que un sitio con sona de contaminado e utilizado por algunhas gaivotas revélase paseniño como un extraordinario e libre museo de aves acuáticas; conectado ademais, a través delas, con algunhas das rexións máis remotas do planeta. Xorden entón reflexións do máis estimulantes sobre a vida natural, a súa beleza, o seu misterio, o noso lugar nas súas redes ecolóxicas, e a necesidade de preservalas. Tamén sensacións e emocións desas que había moito que non cultivabas. Rematas por desexar volver con frecuencia. Por querer saber máis acerca de todo aquilo. Por MIRAR máis. Son cada vez máis as persoas que o facemos, en ocasións a través de prismáticos ou telescopios; outras a través de visores de cámaras. 
Acaso o que máis nos une ás aves e a nosoutros os humanos é a nosa capacidade de mirar. De coñecer e interpretar o mundo cos ollos. Elas e nós somos seres visuais, ademais de musicais. 
Non sabemos aínda se as aves o fan ou non, mais nós témonos por capaces de MIRAR o futuro. De construílo primeiro coa imaxinación, e despois coas nosas diferentes destrezas. Para iso servímonos moito do pasado. É dicir, do que a nosa experiencia como especie nos ensinou. Con ese obxecto prestamos atención á nosa Historia, e nela a figuras como Juan Lembeye. Évos moito o que aprendemos das súas traxectorias e a súa disposición para o ben común. 
Juan Lembeye estudaba un entorno natural moi diferente ao noso, a pesar das poucas xeracións que nos separan da súa. No seu tempo non existían os graves problemas medioambientais que afronta a humanidade de hoxe, e deberá encarar a de mañá. Sen ir máis lonxe, a propia ría de O Burgo e a súa contorna acollían daquela unha biodiversidade da que hogano só queda unha sombra palidísima. Hai menos dun século, instalouse alí unha empresa contaminante que arruinou durante décadas aqueles tesouros. 
Algúns son hoxe irrecuperables. Outros, coa desaparición desa fonte tóxica, retornaron a onde desapareceran. É o que ocorreu, por exemplo, coas aves. Incluso coas lontras. A súa presenza en O Burgo é un capítulo da historia deste lugar que debemos ler co meirande interese. Fálanos da resiliencia da natureza, da súa capacidade para superar transos medioambientais tremendos cando se lle permite. Ese capítulo pode axudarnos a MIRAR o futuro doutra maneira. 
Desexamos un futuro no que a natureza nos envolva co seu sustento, o seu abrigo e a súa maxia, ou un no que canto nos arrodee sexa só a tecnoloxía e o virtual, se é que semellante cousa é posible? 
Para decidilo, como sociedade, e de xeito cabal e prudente, debemos saber o que nos xogamos e como xogalo. Coñecer o que podemos gañar e perder segundo polo que optemos. Moita desta información está nas pantallas, esa outra maxia extraordinaria con unha capacidade abraiante para cambiar tantas cousas se aprendemos a utilizala ben. A MIRALA ben. 
Tamén na natureza, cómo non. Por exemplo, nas aves. Cando Juan Lembeye as MIRABA, moi poucas persoas o facían. Hoxe somos cada vez máis. Millóns en todo o planeta. Se che apetece probar qué se pensa e sinte ao OBSERVAR aves, aí está O Burgo. Moitas rexións do mundo soñan con un lugar así para o seu futuro.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *