SADA, IMPERIO TÉXTIL DE EUROPA (II)

Maise Vázquez García

FABRICA DE LENZOS E MANTEIS (Anos 1684 a 1725)

Como se amenta no número anterior desta revista, a conversión de Sada nun gran imperio téxtil entre os anos 1674 e 1762 foi obra case exclusiva da iniciativa dos armadores e industriais flamengos: Adrián de Roo e Baltasar Kiel.

A fábrica de lenzos e manteis foi a segunda das tres factorías téxtiles establecidas, dentro do gran complexo industrial téxtil creado en Sada, por estes cabaleiros flamengos.

A nomeada fábrica foi montada en 1684, logo de que en España fose creada a Junta de Comercio y Moneda polo Duque de Medinaceli. A devandita Junta axudou neste proxecto para poder imitar en España os xéneros de Flandres e Holanda, con certas calidades e condicións. Para iso era preciso traer dos Estados xa mencionados os materiais necesarios para o funcionamento da devandita fábrica.

Neste novo proxecto Adrián de Roo, residente en A Coruña, e Baltasar Kiel, residente en Sada, formaron compañía con Cornelio Bandericer, flamengo residente en A Coruña.

Roo e Kiel comprometíanse a traer dos Países Baixos dez familias, ou máis de ser preciso, co único obxecto de “introducir en el reino de Galicia la fábrica de lienzos y manteles reales, a imitación de los que se dicen de Flandes y Holanda”.

Estas familias de artífices experimentados naquel tipo de industria, que non poderían “ser detenidos ni embargados por cuentas, débitos u otras causas” nun prazo de dous anos, distribuiríanse así: sete familias expertas en labrar os lenzos de tipo comunmente chamados “holandas”, de diferentes calidades; dúas especializadas nas tarefas de branquear, aderezar, espadelar e compoñer os devanditos lenzos, e unha entendida na fabricación de manteis reais. Ademais dun Capelán que comprenda a lingua flamenga para subministrar ás devanditas familias os oficios relixiosos. 

Nun despacho de Carlos II ao Consello de Flandres no ano 1688 concédeselle salvoconduto a Roo e Kiel para traer a Galicia fabricantes de lenzos dos Países Baixos. 

Outro despacho rexio ordenou ao Gobernador Xeral dos Países Baixos que en modo algún se obstaculizase a contratación de fabricantes e a súa saída para Sada -onde se instalaba a factoría por estimarse como “paraje muy suficiente y abundoso de agua, praderías, y al parecer, el mas a propósito de todo lo que se necesita para las dichas fábricas de lienzos”-; e mesmo outorgasen toda clase de facilidades aos devanditos operarios e as súas familias para a viaxe a España. 
Imaxes superiores por orde de aparación: Antonio Meijide é o autor do estudo máis completo acerca das industrias téxtiles de Sada.
Nas súas Memorias…, Eugenio Larruga dedica numerosas páxinas a describir a actividade fabril de Sada.
Escrito do Council of Trade de Longres propoñendo boicotear a industria téxtil de Sada. P.R.O., State Papers, sign. 32/8.
Representación elevada á Coroa en 1779 polo Concello coruñés con referenzas ás fábricas de Sada. A.G.I., Gobierno, Indif. Gen., leg. 2836. Reproducidas ambas en Meijide, 1965.
As familias citadas virían con todos os gastos pagos e terían que fabricarse para elas dez casas, por non habelas a propósito, nin para a súa compra ou o seu arrendamento, na freguesía de Santa María de Sada. 

Encargándose, tamén, de mercar os terreos de pradería para os branqueos, tender e regar os lenzos, abrirlles as camas para que tivesen as augas necesarias e facer as esclusas. 

Alén destas familias, os señores Roó e Kiel deberían traer: 

Catro teares e o necesario para eles, para as sete familias fabricantes de lenzos.

Necesitando, así mesmo, para principiar esta fábrica, unhas cen rodas coas súas cordas necesarias; dúas prensas para cada familia; sete caldeiras grandes para cocer o fiado, como se estilaba en Flandres, e outras tantas tallas correspondentes ás nomeadas caldeiras, para facer a coada dos liños. 
Partidas de algodón e azul e unhas cen barricas de cinza de Alemaña, que era co que facían as coadas en Flandres e outras partes do Norte. 
Para a produción desta fábrica utilizábase sobre todo liño, que se producía en Galicia. 
Considerando a Coroa que o prezo dos xéneros resultaría moi vantaxoso para os intereses do erario, outorgábaselle á firma Kiel, Roó y Cía. todo tipo de privilexios: máximas facilidades para adquirir os terreos precisos; franquías para a importación de liño e demais materias, libres de aduanas, portádegos ou outras taxas que houbere; exención de tributos
reais para a venda de lenzos e manteis durante un quincenio, con libre circulación por todo o mercado nacional; facultando para extraer ouro e prata fóra de España co fin de costear os gastos de introdución das familias de fabricantes e adquisición da materia prima; por último, foro xudicial para facer cumprir o estipulado. 
A factoría tería a exclusiva de prover á Casa Real de toda clase de lenzos e manteleiría fina. Ninguén podería fabricar estes artigos en Galicia, durante cincuenta anos, máis que esta compañía. 
A carón dos numerosos privilexios e franquías outorgados, Carlos II esixía que nesta fábrica se empregase un certo número de nenos expósitos ou orfos recollidos no Hospital Real de Santiago de Compostela para que chegasen a oficiais na arte téxtil en poucos anos. 
En 1690 comezou a funcionar parcialmente a fábrica. Xa dispuña de algún material traído dos Países Baixos e de tres familias de operarios, estas recrutadas no distrito de Countray (Flandres). Porén, os problemas para sacar adiante o proxecto foron moi graves: Guerra de Sucesión ao trono de España (1700-1713), a forte competencia do mercado exterior e o pouco poder adquisitivo da sociedade galega, situaron a manufactura sadense en condicións moi precarias no concernente á comercialización do produto. 
Despois de 1713 a produción é cada vez menor. Acabada a fabricación de panos finos de la, a de lenzo e manteleiría proseguiu utilizando tan só nove teares; cinco para manteis reais, dous para lenzaría e outros dous para alemanisco. Se a liñaceira recollida en Galicia, de fibra máis áspera, impedía fabricar o lenzo fino, non ocorría o mesmo coa fabricación dos manteis, que seguían sendo de excelente calidade. 
En 1718 a factoría pasa a mans de Fernando Roó e Magdalena Kiel (fillos dos fundadores) que non serán quen de sacala adiante e finalmente, en 1725, veranse forzados a desistir de continuar fabricando en Sada lenzo e manteleiría, transferindo a devandita manufactura á cidade de A Coruña. 
FABRICA DE PANOS DE LA (Anos 1695 a 1713) 
A terceira factoría creada en Sada polos xa mencionados cabaleiros flamengos Roo e Kiel foi, en 1695, a de panos de la, que aspiraba a competir no mercado español, principalmente no galego, cos xéneros similares de Inglaterra, sobre todo na confección de gras e escarlatas. 
Un despacho rexio dado en setembro do citado ano 1695 aprobou o establecemento, pola firma Roo, Kiel y Cía., dunha fábrica de panos finos na vila de Sada, conforme á proposta formulada polo seu principal promotor, Adrián de Roo, entre as que figuraban as seguintes cláusulas: 
A firma Roo, Kiel y Cía. comprometíase a pór en marcha, o primeiro ano, seis teares para confeccionar gras e escarlatas e outros seis para compoñer diferentes tecidos de la de inferior calidade como baetas, lamparillas, barragáns, sarxas, calamacos, sempiternas, buratos, picotes, etc. No período de quince anos aumentaríase a 96 o número global de teares cunha capacidade produtiva anual de 34.000 varas de pano fino e 90.000 de tecido diverso. 
Eximiríase ao persoal empregado de cargas do concello, fiscais e do tributo das armas, e ningún técnico ou operario cualificado, nativo ou estranxeiro, podería despedirse do traballo durante os primeiros quince anos sen licenza expresa do dono da empresa. 
A Coroa outorgaría a esta empresa valiosas franquías no plano estritamente comercial. Vender panos e tecidos libres de todo tipo de impostos, aduanas, portádegos, tributos reais, etc. 
Para facer fronte ao gran custo e gastos que requirían a introdución desta fábrica, Carlos II concedería á empresa por vía de empréstito a suma de “diez cuentos de maravedises de vellón” a devolver ao tesouro transcorridos seis anos. 
Esta última fábrica principiou a traballar con tan só doce teares manexados por persoal estranxeiro. En seis teares elaborábanse panos finos (gras) e nos outros seis tecidos ordinarios. Paulatinamente van aumentando o número de teares e aparece xa persoal galego ademais do estranxeiro.

Un informe feito en 1712 por Don Graciano de Peralta y Guzmán informaba que: “la fábrica de paños de la Maestranza de Sada se componía de ocho telares, su tintería con sus cuatro calderas de estaño y cobre en sus hornos, diferentes géneros de tintes, prensas, tixeras de cundir y cardar, con otros instrumentos, todo bien acondicionado; y viendo que no se trabajaba más que en dos telares, averiguó el motivo de la poca salida de estos géneros, y de tener paradas más de cincuenta piezas de paño que reconoció de distintos colores y de buena calidad, que por serlo desmerecían a otros que se podían gastar de otro Reyno”. 
O éxito desta empresa non foi moito, pechando en 1713. O peche debeuse a catro factores fundamentais: 
O primeiro foi a carestía da materia prima; era custoso abondo traela dende Segovia a causa do mal estado das redes viarias e polas aduanas. 
Outro factor foi a escasa saída comercial do produto, consecuencia da pouca capacidade adquisitiva dos galegos. 
Influíu igualmente o asasinato de Adrián de Roo, principal promotor e alma da empresa, nas circunstancias máis estrañas. A xuízo do Concello coruñés, e logo de seis décadas do suceso que nos ocupa, o asasinato do fundador promoveuse, segundo semella, por instigación de fabricantes estranxeiros, e declárase en 1779, “celosos de su exaltación, según se cree con algún fundamento”. A súa morte ten todos os trazos de ser o primeiro asasinato de tipo industrial cometido en España. 
E finalmente, foi decisiva a oposición británica. O goberno inglés empregou dous procedementos distintos nos seus esforzos para pechar a fábrica de las de Sada: 
Un, o da vía diplomática. Así, John Parker, Cónsul Xeral de Gran Bretaña para Galicia, con sede en A Coruña, considerou que sería conveniente estorbar o desenvolvemento desta empresa, ante a perigosa competencia que suporían os panos sadenses para o pano inglés no mercado galego, operando unhas veces en Madrid e outras na propia Holanda para facer que cesara a axuda holandesa a esta fábrica. 
E outro, intrigando directamente cos técnicos e operarios estranxeiros que servían nesta fábrica ofrecéndolles empregos mellor remunerados en Inglaterra. 
BIBLIOGRAFÍA 
Larruga y Boneta, E.: Memorias Políticas y Económicas sobre frutos, comercio, fábricas y minas de España, Tomo XLV, Madrid, 1800. 
López, Gloria.: Aportacións para unha historia de Sada, Ediciós do Castro, Sada, 1997. 
Meijide Pardo, A.: “Aportación a la historia industrial coruñesa: las fábricas textiles de Sada (1675-1762)”, en Revista Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, ano 1, nº 1, A Coruña, 1965. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *