O ARQUIVO MUNICIPAL DE BETANZOS EN INTERNET

José Mª Veiga Ferreira

O 18 de maio de 2016 presentouse a nova páxina web do Arquivo Municipal de Betanzos (<http://archivomunicipal.betanzos.net>), incluída dentro da web do concello. A creación desta páxina é un paso máis na apertura das institucións culturais municipais cara ós cidadáns, que poden deste xeito investigar, curiosear… é dicir, disfrutar dos fondos dunha maneira máis directa e máis cómoda. Mesmo poden facerse teses doutorais sen saír da casa. 





Hai anos que desde o Centro Cultural Santo Domingo se vén apostando pola apertura da información vía Internet, que se foi realizando gradualmente coas seguintes páxinas: 

-<http://anuariobrigantino.betanzos.net>, presentada o 23-05-2008, na que se poden consultar tódolos traballos publicados na revista de investigación Anuario Brigantino, editada polo concello de Betanzos desde 1948 ata hoxe. No seu momento foi das primeiras revistas deste tipo en Galicia abertas completamente en Internet. 
-<http://hemeroteca.betanzos.net> ou “Hemeroteca virtual de Betanzos”, presentada o 26-05-2010, onde están dixitalizadas as publicacións periódicas publicadas en Betanzos ó longo do tempo, así como os traballos de investigación a elas referidos. É unha masa de información enorme, cun buscador (como tamén no Arquivo e no Anuario Brigantino) que facilita a súa consulta. 
-<http://anuariobrigantino.betanzos.net/ Biblioteca.htm> ou “Biblioteca Virtual de Betanzos”, onde aparecen unha parte importante dos libros publicados sobre Betanzos, pero tamén libros que non sendo de temática betanceira están escritos por betanceiros. A súa importancia é grande, porque moitas destas obras eran case inencontrables e aquí non soamente se poden ver, senón que se poden baixar libremente como pasa con tódolos contidos destas webs. 
Hai que dicir que todas estas webs están pensadas e realizadas por Alfredo Erias, director do Arquivo, da Biblioteca, do Anuario Brigantino e do Museo das Mariñas, ó que acompañamos con traballos de dixitalización e demais, Ermita Rodríguez e quen subscribe. Precisamente agora estamos a traballar na ampliación da web do Arquivo, especialmente no que se refire ó chamado Fondo Alvajar, que contén unha documentación moi importante do Goberno Republicano Español no Exilio e da Delegación do “Consello de Galiza” para Europa en París, entre outros fondos: en marzo de 2017 temos previsto que todo isto vexa a luz dentro do habitual ciclo de conferencias do Anuario Brigantino. 
A apertura da páxina web do arquivo representou para o persoal do centro algo moi especial que culminou (aínda que sexa soamente o primeiro paso) unha labor de máis de trinta anos e para a nosa sorpresa supón o primeiro arquivo municipal de Galicia que se abre da maneira máis ampla posible en Internet. 
Pasou tempo desde aquel frío mércores once de xaneiro de 1809 cando as tropas francesas desfixeron o Arquivo da provincia de Betanzos usando os seus fondos como se fosen palla para as cortes dos cabalos e mesmo para alimentar as fogueiras dos soldados. 
172 anos despois, aqueles papeis vellos seguían penando nun local do ruinoso edificio das antigas escolas de San Francisco, cheo de goteiras e de animais varios, co piso e o tellado caéndose. Uns podreceron ou foron comidos polos roedores, e outros foron esquilmados por diferentes particulares.


(Encabezando este artigo) Documentos do Arquivo Municipal de Betanzos. Legaxo que contén documentos rescatados logo do paso das tropas de Napoleón, que os empregaran como palla para as cortes dos cabalos; 
Nesta imaxe, cabeceira do semanario El Censor, que inaugurou a prensa betanceira. 
http://archivomunicipal.betanzos.net/




Foi naquel momento da recén estrenada democracia, no ano 1981, cando se pensou na contratación (e logo creación da praza) dun arquiveiro-bibliotecario, cargo que ocupou Alfredo Erias. A partir deste momento realízanse as primeiras labores de salvamento da documentación, trasladándoa para o único local axeitado naquel momento: o cárcere. 



Alí leváronse a cabo unha boa parte das tarefas de clasificación e ordenación das series documentais, coa realización dun primeiro cadro de clasificación e inventario. Desde este primeiro momento xa o Arquivo foi accesible á sociedade, cousa que se realizou a través da consulta directa ou por medio de mostras documentais. 
No 1991 foron trasladados estes fondos, que xa podían chamarse “Arquivo”, o local que ocupa actualmente, no que fora convento de Santo Domingo, onde se seguiu traballando na organización, coa elaboración de índices e bases de datos, para que a recuperación da información fose o máis doada posible. 
O contido da páxina está estructurada en tres partes, atendendo á procedencia dos documentos: 
-Arquivo Municipal. 
-Fondos Particulares. 
-Entidades. 
Ademais de ofrecer enlaces coas páxinas da Hemeroteca, Biblioteca Virtual e Anuario Brigantino, contén un apartado sobre traballos que foron publicados, relativos ó Arquivo Municipal, e unha Fotogalería, onde se poden ver fotos históricas de diversos temas como: Vistas da Cidade (tanto xerais como por barrios, rúas, ribeiras), O Pasatempo, Banda Municipal de Música, Os Caneiros, Feiras e Mercados, Festas, O Globo, Política, ou mesmo os avatares do propio Arquivo Municipal. Obviamente, esta Fotogalería seguirá medrando. 
Polo que respecta ó Arquivo Municipal propiamente dito, engloba a documentación emanada do propio concello ou correximento, e aparece clasificada en dezaseis seccións documentais, cada unha delas coas súas subseccións e series correspondentes, cos seus anos límite e número de unidades de instalación. Isto xa dá unha información importante, pero ademais na sección Goberno poden consultarse e baixarse tódalas actas capitulares desde 1549 a 1900, así como ordenanzas municipais desde 1591 a 1770. Na Poboación podemos ver os padróns de habitantes desde 1839 a 1889. 
Os fondos particulares son aínda un gran campo de traballo, que iremos abrindo en Internet pouco a pouco. Fondos como o de Alvajar, o de Vales Villamarín ou o de F. J. Martínez Santiso, teñen moita importancia. 
Dentro do apartado de arquivos de Entidades non municipais temos: o Hospital de San Antonio, a Xunta de Subsidios, Defensa e Armamento, o “Liceo Recreativo de Artersanos”, o “Patronato Benéfico Docente García Hermanos”, a “Sociedad de Socorros Mutuos”, a Cociña Económica, a Irmandade da Fala de Betanzos, a “Sociedad de Seguros Mutuos de Ganado Vacuno”, o “Consejo Local del Movimiento”, o Centro Betanzos de Buenos Aires, o Brigantium C.F., a “Cooperativa de Productores de Lúpulo”, a Rondalla “Carlos Seijo”… E xa se poden consultar completamente tódolos documentos do arquivo da Irmandade da Fala de Betanzos. 
A páxina é un primeiro paso dun traballo inxente que se irá realizando nos anos vindeiros coa incorporación de novos documentos, abertos para todo o mundo, aproveitando a marabilla de Internet. 
Non sería xusto rematar sen aludir ás axudas recibidas para a dixitalización por parte da Consellería de Cultura e do Consello da Cultura Galega e tamén hai que subliñar a determinación das distintas corporacións de Betanzos desde 1981, apoiando o escuro, pero fundamental, traballo do Arquivo.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *