JUAN LEMBEYE E LARTAUD

Carlos Pereira Martínez

Antecedentes familiares 

Os Lembeye procedían da localidade francesa de Maslacq. O avó paterno de Juan Lembeye Lartaud foi Juan Lembeye Casaux, francés, veciño da Graña. Casaría con Manuela Pico Rodríguez, tendo a parella por fillos, -todos nacidos en Ferrol- a Vicente (1768, pai de Juan Lembeye Lartaud), Joaquín (1765, padriño de bautismo de Lembeye), Juan (1766), José e María Josefa, que casaría con Manuel José Ciaran Chorroco en 1799. 

Por parte da súa nai, o primeiro Lartaud asentado na Coruña foi Juan Bautista Lartaud, cuxa familia era de Gatón, na xurisdición de Barbuen (Francia). Juan Bautista casou en Culleredo o 2-2-1788 con Manuela de Veira Rey Villardefrancos, filla dos cullerdenses Simón de Veira e Ana Rey Villardefrancos. Un irmán de Ana, Antonio, era en 1766 Intendente de Soria. Pola súa parte María de Veira, a esposa de Juan Bautista, tiña dous irmáns: Francisco e María Teresa Antonia de la Concepción, que casaría en Rutis con Francisco Segade Pose. Por este este matrimonio sairán, co tempo, Pilar Terreros Segade (nai dos Millán Astray Terreros) e Federico Tapia Segade. 

Juan Lembeye Casaux, xa comerciante notable, asentado en Ferrol dende 1762, onde sería síndico do Concello, comisionado de abastecemento dos Reais Arsenais e director da Real Compañía Marítima, asociaríase, o 12 -9- 1791, con Santiago Beaujardin, que obtivera en 1785 diversas licencias para a construción dunha fábrica de fariñas nas Aceas do Ponto (Narón), así como almacén, casa, horta e outros edificios necesarios. En 1796 disolven a sociedade, quedando Lembeye como único propietario. Pero unha fonda crise, provocada porque saía máis barato traer ao porto de Ferrol as sacas de fariña xa elaborada dende outros portos do norte de España que moelas en Ferrol, as aceas foron abandonadas. Juan Lembeye morre en 1823, empeñado e cos muíños hipotecados. Primeiro pasaron a mans de Juan Preyarte, e deste ás de 

María Josefa Lembeye –filla de Juan- e o seu esposo Manuel José Ciaran. Os seus herdeiros venderanos en 1860. 

Debido ás malas relacións da coroa española coa Francia revolucionaria, tanto Beaujardin como Lembeye sufriron, a partir de 1793, a inquina do alcalde maior de Ferrol, Antonio Francisco Freire. As aceas e almacéns que posuían a medias en Xuvia estaban valorados en más de 400.000 reais; tiñan, ademais, outros bens e negocios. Freire expulsounos de Ferrol e embargóulles os muíños. Eles protestaron ao alcalde esa medida, alegando estaren tramitando un recurso de amparo ante o Consejo de Castilla, sen éxito. Pero, tempo despois, o Consejo deulles a razón. Nalgunha das alegacións Lembeye afirmaba que fora director nato da Compañía Marítima –da que posuía 50 accións de 1.000 reais de vellón “con facultad de concurrir a la corte principalmente a las Juntas Generales” da entidade e que non xurara fidelidade ao monarca porque pensaba que xa estaba naturalizado ao detentar tal cargo. En efecto, noticias de 1793 mencionan este vínculo coa Compañía Marítima: “D. Juan Lembeye, del comercio del Ferrol, las utilidades que le toquen como accionista de la Compañía marítima, y 60 rs.”. 

Do matrimonio do seu fillo Vicente con Juana Lartaud Rey (que falecería en Culleredo o 16-9-1882), celebrado na Coruña en 1815, e do que foi único padriño de voda o seu irmán Juan, naceron tres fillos: Juan (nacido en Ferrol o 21-10-1816 e morto en Culleredo o 1-12-1889); Benito (nacido na Coruña en 1818 e morto en Culleredo o 18-2-1912), e Laureano (nacido en Ferrol en 1817 e morto en Culleredo o 20-7-1896). 

Benito sería militar, retirándose como tenente de navío. Foi un dos membros da comisión promotora fundacional da “Sociedad Recretativa e Instructiva de Artesanos” da Coruña. Casaría con Emilia Domínguez Jimeno. Pola súa parte, Laureano tamén formaría parte da milicia. Cando se retirou era coronel de Infantería. Republicano, vémolo contribuíndo, con cantidades importantes, en dúas colectas a favor dor orfos e viúvas de patriotas republicanos (1887 e 1889) . Casaría en Culleredo con Micaela Belorado e Pita, dunha familia liberal coruñesa que mercara o pazo de Culleredo. 

Vicente Lembeye fora membro en 1814 da loxa masónica coruñesa “Logia Constitucional de la Reunión Española”, co grado 18 e cargo de 1º vixiante. Como profesión, figura a de “negociante”. Fora capitán de Milicias urbanas de Ferrol. Tamén formaba parte dela o seu irmán Joaquín, grado 3º. Será un dos procesados da chamada “causa de Porlier”, rematada en febreiro de 1819, sendo as acusacións contra el sobreseídas. 

Tamén será o empresario do “Teatro Principal” de Ferrol, que comezou a edificarse o 13-11-1817. E en 1821, en recurso apoiado polo xefe político de Galicia, e co motivo dos seus sacrificios en apoio ao réxime constitucional, solicitará ás Cortes que se lle adxudique unha fina nacional por importe de 1029 reais, que fora o que gastara, ou se lle confiase un destino en rendas ou correos. A Comisión de Facenda destas ditamina que a nación non estaba en situación de conceder fincas, pero que o recomendarían ao Goberno respecto á outra petición. 


Marcha a Cuba 

Quizais polos problemas económicos familiares que antes mencionamos, Juan Lembeye Lartaud emigra a Cuba, antes de 1840. Na Habana monta unha Academia de Comercio, asóciase ao Ateneo, estuda a fauna da illa e relaciónase cos naturalistas e intelectuais alí residentes, como Felipe Poey ou Juan Gundlach. 

A súa obra máis salientable é o libro Aves de la Isla de Cuba, dedicada á súa nai, publicada en 1850 en La Habana, Imprenta del Tiempo. Nela fai a descrición de numerosas especies de aves, das que catro eran recollidas por primeira vez na literatura científica. Leva 20 gravados da Litografía de Marquier, sendo catro deles – os das especies descritas por primeira vez- totalmente orixinais. Deste libro publicouse unha edición facsímile en Alemania (Berlin: W. Junk Libraire-éditeur, 1902) e outra en Galicia, facsímile, en Santiago, 1995, publicada pola Xunta de Galicia, con estudo introdutorio de Francis-co Díaz-Fierros. 

Lembeye descubriu o ruiseñor cubano (Muscicapa Elisabeth. Lemb), e describiu por primeira vez outras aves como o Vireo Gundlachii. Lemb (petibobo) ou o Anabates Ferdinandae. Lemb (chillina). O seu apelido déuselle ao paxaro “sinsontillo” (Polioptila lembeyei. Gund). Juan Cristóbal Gundlach cedeulle o honor de publicar no seu libro a primeira descrición do paxaro mosca (Mellisuga helenae). Poey tamén honrou-no coa súa Helicina Lembeyana. Poey. 

Tense afirmado que a obra ornitolóxica de Lembeye non foi moi valorada no seu tempo, sendo cualificada, por exemplo, de “más agra-dable que útil”, ou de ser entretida pero con pouco valor científico. Pero tanto Gundlach como Poey tíñana en estima: aínda que tiña erros –coma tiñan outras– era unha obra moi digna e de vocación didáctica. Temos atopado diversos libros e artigos, publicados tanto en Cuba coma en España, que destacan o papel de Lembeye como un dos pioneiros da ornitoloxía na illa. 

Durante a súa estadía en Cuba, entre 1855-1856 Lembeye manterá algunha correspondencia con Víctor López Seoane. Por ela, entre outras cousas, sabemos que tivera relación coa Universidade de Oviedo, co motivo dunha colección ornitolóxica, sen que esta nin sequera lle acusase recibo da mesma. Efectivamente, en 1853 iniciárase na Habana unha subscrición, entre a colonia asturiana, para formar un gabinete de Historia natural na Universidade de Oviedo. O importe da subscrición empregárase para formar unha colección, o máis completa posible, das aves cubanas, que se instalou en 11 grandes caixas, con tapa de vidro. O catálogo da colección está asinado na Habana, o 27-1-1857, por Juan Lembeye, que fora o encargado de formar a colección. 

Lembeye estivo un tempo desanimado aínda que logo retomou o interese pola historia natural, dedicándose ás bolboretas, especialmente na súa fase de eiruga. Envía a Víctor diversos insectos, e este correspóndelle con outros envíos. Di que só se pode dedicar ao estudo o único día que tiña libre, os xoves. 

Este aspecto do traballo investigador de Lembeye é practicamente descoñecido. Pero temos atopado 15 artigos publicados por el tratando destes insectos, primeiro na revista Floresta cubana (1855-1856), da que era redactor, onde publica nove artigos, e na súa continuadora, La Piragua (1856), onde publica outros seis. Precisamente esta revista, cando anuncia a conclusión da serie de artigos sobre bolboretas de Lembeye, lembra … lo bien acogidos que son los trabajos del Sr. Lembeye, es bastante sabido para que nosotros tratemos de repetirlo; pero ha engalanado con sus escritos, de tal modo, las pajinas de estas publicaciones, que no podemos menos sino es mostrarle nuestro agradecimiento. Es tan flori-do el lenguaje del Sr. Lembeye, vierten tanta poesía sus bellísimas descripciones que no can-san jamas, á pesar de la aridez de la materia… […] La Aurora de Matanzas, no hace mucho, suplicaba al Sr. Lembeye que se estendiera mas en sus artículos, porque tiene muchos admira-dores que lo desean: nosotros concluimos supli-cando al Sr. Lembeye que aunque tenga que ser lacónico por sus muchas ocupaciones, vuelva á favorecer las pajinas de La Piragua. 


Regreso a Galicia. Culleredo. 

Antes de 1863 regresa a Galiza, establecén-dose en Culleredo. Trae con el unha colección de himenópteros e textos manuscritos dos seus tra-ballos entomolóxicos. Como xa dimos a coñecer hai bastante tempo, ese mesmo ano resulta elexido concelleiro en Culleredo e uns anos despois, coa revolución do Sexenio, será alcalde de Culleredo entre 1868 e 1871. 

Na Revista Económica (nº 62, 30-5-1863), menciónase que Lembeye está a experimentar nas súas explotacións de Culleredo unha muxidora mecánica traída de Inglaterra por Pardo Bazán. Comeza, nesta etapa, a dedicarse ao mundo da agronomía, estudando as doenzas do trigo, os novos abonos, as sulfatacións, etc. Froito destas investigacións son dúas obras: Consideraciones y consejos agrícolas para mejorar las cosechas de trigo en Galicia y perfeccionar los abonos, publicado na Coruña, na Tipografía de Eusebio Cascante, rúa Luchana, 19, en 1873 (tería unha 2ª edición en Santiago, Imprenta do Seminario Conciliar, 1885), e La caries, inoculación esporádica de los trigos y medio de evitarla, publicada en 1876 na Coruña, na Tipografía de Eusebio Cascante, na que recomenda utilizar o “sulfatage”. 

Xunto co seu irmán Laureano, participa nunha Exposición Local celebrada na Coruña, na Sección de Agricultura, entre xullo e agosto de 1878. A reseña desta exposición encontrámola nunha serie publicada polo xornal ourensán El Heraldo Gallego nesas datas. Non podemos pormenorizar o que presentaron: salientaremos tan só que uns foron varios exemplares de rábano de Rusia, “Raiz forrajera ensayada por primera vez en Galicia”, así como mostras de diversas clases de árbores, flores, hortalizas, froitas, unha “rama de tabaco Virginia cosechado en Culleredo, en el año anterior”, a mandíbula superior e inferior dunha quenlla, un exemplar disecado de Accipiter ou un cabeiro e dous dentes de cabalo de mar, collido no río Senegal.

Un emigrante de Vilaboa en Bos Aires, Francisco Sandalio Fernández, publicará no pioneiro xornal galego publicado nesa cidade, El Gallego, en 1880, uns artigos baixo o título de “Recuerdos de Galicia”. No número IV, ao referirse a Lembeye afirmaba:

Las ideas políticas que profesa
el Sr. Lembeye son puras
y avanzadas en sentido liberal;
su probidad es intachable,
y está dotada de un criterio
superior. A pesar que goza
magnífica posicion social,
verse sinceramente estimado
de sus numerosos amigos
por el trato afable que le distinge,
y hallarse muy próximo
á la capital, el Sr. Lembeye
renuncia los atractivos
que ésta le brinda, prefiriendo
pasar las cuatro estaciones
del año disfrutando de la
tranquila vida del campo. La
gran práctica y larga experiencia
que tiene adquiridas
en agricultura y horticultura,
dánle hoy brillantísimos resultados,
como lo prueban
las producciones presentadas
por él mismo en las Exposiciones
regionales y locales, los cuales 
productos han causado 
admiración y asombro. Los habitantes
de Culleredo tienen en dicho señor, más
bien que un respetable convecino, 
un cariñoso padre, un excelente 
consegero y un gran profesor
agrícola-horticultor, ó, mejor aún, 
un sábio naturalista. El ha dado á conocer
con frecuencia por la prensa local,
y en “La Gaceta Agrícola”,
los resultados de sus preciosos
experimentos.

Foi un dos membros fundadores da Sociedad del Folclore Gallego, patrocinada por Emilia Pardo Bazán, fundada o 29- 12-1883.

En 1889 volve a ser alcalde, pero unha grave doenza levaríao á morte, en decembro do mesmo ano. Está soterrado no cimiterio de Culleredo, no panteón familiar.

O 6-8-1932, por acordo da Corporación Municipal de Culleredo, déuselle o nome de “Alcalde Juan Lembeye” a un camiño veciñal en Rutis. Lembeye, que fora do Partido Liberal, é cualificado como …consecuente demócrata, amante de la ciencia y del progreso, tan ilustre patricio, que aparte de su actuación ejemplar, ha servido de estímulo a nuestros labradores con sus enseñanzas en la agricultura para que rompiendo con la rutina en algunos casos y empleando en otros por primera vez los medios que él indicaba, pudo así constribuir de manera muy edificante al progreso de este término.

Xa na época democrática, o Concello de Culleredo dedicoulle unha praza na parroquia de Culleredo, incluíuno na súa publicación “Persoas ilustres de Culleredo” e púxolle seu nome á Aula de Natureza existente no Xardín Botánico da Ría do Burgo, erixindo nese xardín un busto coa súa efixie.
Imaxes que ilustran esta publicación:
Debuxos que ilustran o libro de Lembeye Aves de la Isla de Cuba
Busto de Lembeye no Xardín Botánico do Burgo (Culleredo).
Fotografía de Carlos Pereira

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *