ASOCIACIÓN CULTURAL MARIÑEIRA OS PATEXEIROS: DIFUNDINDO A CULTURA MARÍTIMA DE SADA E DE GALICIA

Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros

A ASOCIACIÓN 



No ano 2008 un grupo de amigos de Sada mercan un bote tradicional das Rías Altas e decídense a restauralo para navegar con el a vela. Será bautizado como o Arredemo. 

Tras unha rápida restauración, ese mesmo ano, e sen contar con ningún apoio, deciden participar no Festival Marítimo Internacional de Brest, a festa máis grande do mundo para as embarcacións tradicionais. 


Un ano despois, no 2009, e xurdindo a oportunidade de facerse coa Balbina, un barco dedicado á captura do patexo que ía a ser desguazado, e tras decatarse de que posiblemente era o único da súa tipoloxía existente en Galicia, deciden constituír unha Asociación Cultural co fin de salvar ese barco único do desmantelamento. 
Botadura da Balbina, barco dedicado á captura do patexo que hoxe forma do patrimonio da A. C. M. Os Patexeiros. Fotografía cedida pola A. C. M. Os Patexeiros
Nace a Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, que ten entre as súas finalidades a defensa, recuperación, conservación e difusión da cultura e do patrimonio material e inmaterial de Galicia, o fomento dos deportes náuticos, a defensa da natureza e do medio ambiente da franxa litoral e a difusión da cultura marítima e fluvial. 

Xa nese mesmo ano 2009 organízanse varios eventos importantes: Unhas xornadas técnicas sobre navegación tradicional, coa participación de poñentes da talla do Director do Museo do Mar de Galicia, o Subdirector de Portos de Galicia, o Capitán Marítimo de Sada, o Presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, o historiador Bernardo Máiz, etc… 

Tamén se creou a Copa Balbina de vela tradicional, a primeira competición regular de embarcacións tradicionais do Golfo Ártabro, que premia ademais da clasificación das regatas, a asistencia a outros eventos de vela tradicional. Este ano 2016 disputouse a 8ª Edición de esta Copa que está calando fondo entre os afeccionados. 

Dende o ano 2009 levamos organizado xa varias edicións dos Cursos de Carpintería de ribeira, cos que pretendemos poñer en valor este oficio tan vinculado ó mundo do mar e en perigo de extinción, á vez que transmitir ás novas xeracións coñecementos suficientes para afrontar tarefas de mantemento das embarcacións de madeira. 

O éxito dos cursos foi tal, que saímos mencionados en varios medios de comunicación escrita, varias veces na web da FGCMF e tamén na newsletter do Proxecto Dorna. Entre os alumnos asistentes ás diversas edicións contamos co Director do Museo do Mar de Galicia, o vicepresidente da FGCMF, carpinteiros profesionais, enxeñeiros navais, mecánicos, estudantes, militares, etc… demostrando que a carpintaría de ribeira interesa a moitos ámbitos sociais. 

Este ano 2016 lévase ó cabo a 6ª edición destes cursos cun grande éxito de asistencia. 

No ano 2010, a A.C.M. Os Patexeiros pasa a formar parte da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que actualmente engloba a máis de 40 asociacións de Galicia e o Norte de Portugal. 

Participamos en moitos dos encontros e concentracións de embarcacións tradicionais que veñen tendo lugar en diferentes puntos das costas galegas, e somos uns fixos nas que se celebran no Golfo Ártabro. 

Organizamos singraduras no barco veleiro danés dos anos 40 Tina Husted, un habitual do porto de Sada, para que os participantes puideran vivir a aventura de navegar nun gran barco con aparello tradicional.

Estivemos presentes en varias edicións da Feira Mariñeira de Sada, con participación activa con talleres de talla, de carpintaría de ribeira e de encascado de velas e aportando en varias ocasións a actuación do grupo Cántigas da Terra.

Este ano 2016 celebraremos tamén a nosa 4ª Xuntanza Patexeira de Embarcacións Tradicionais, que traerá a Sada barcos e visitantes doutros lares. 

Chegada a primavera e mentres os barcos non saen ó mar, levamos a cabo rutas de sendeirismo costeiro, para animar á xente a que coñeza con nós a costa das Rías Altas. 

Éstas e moitas máis son algunhas das cousas que fixemos con tan só 7 anos de vida. 

Toda esta actividade desenvolta deu lugar a que tivéramos varias aparicións en programas da TVG tales como De Proa a Popa en xullo do 2008, e en Salitre en xuño do 2009, en Vivir Aquí no 2012 en en Ribeiras no 2014, en varios periódicos e no especial de La Voz de Galicia e outros medios de comunicación. A páxina web principal dos Patexeiros superou xa as 34.000 visitas, contando con visitantes de todos os lugares do mundo, como se pode comprobar no trazador de localizacións que temos na mesma páxina. Tendo un gran seguimento a nivel peninsular por ser das poucas asociacións que organizamos cursos de carpintaría de ribeira. Do mesmo xeito, a páxina web exclusiva da Balbina xa superou as 10.000 visitas, e o noso facebook cada día recibe máis peticións de amizade. 


A FLOTA 

Actualmente a flota patexeira está formada por 11 barcos de distintas tipoloxías: lancha patexeira, bote de media construción, botes polbeiros, dornas, chalana e buceta das Rías Altas. Algúns aínda en proceso de restauración ou xa en proceso de aparellado. 

Tamén temos en proxecto a construción dun novo barco, unha lancha das Rías Altas, actualmente unha tipoloxía desaparecida. 

Tamén temos cedida pola Asociación de amigos das embarcacións tradicionais da Coruña unha buceta ou canoa muradana e solemos compartir navegación con esa asociación no galeón Punta Pragueira. 

Embarcacións no transcurso da Copa Balbina e imaxe da Desexada, propiedade da A. C. M. Os Patexeiros. Fotografías cedida pola A. C. M. Os Patexeiros
O PROXECTO DOS PATEXEIROS 

A A.C.M Os Patexeiros, desenvolve as súas actividades en dous Concellos, o Concello de Sada e o Concello de Oleiros. 

En Lorbé-Oleiros adoitamos organizar os Cursos de Carpintaría de ribeira, e todas as actividades de navegación, regatas, conferencias, galas, etc… facémolas no Concello de Sada. 

A meirande parte da flota está fondeada ou amarrada en Sada. Cada ano os barcos fondeados teñen que sufrir os avatares das inclemencias climatolóxicas, e xa vai por varias ocasións nas que os barcos son arrastrados polos temporais cara ás pedras ocasionándolle danos cuantiosos que logo temos que pagar cos poucos recursos da Asociación. 

Como tampouco dispoñemos dun sitio en terra onde poidamos invernar a flota, a maioría ten que permanecer no mar todo o ano co conseguinte risco. 

Por unha banda precisamos dun sitio a cuberto en terra onde poidamos invernar parte da flota, aqueles que non contan con praza de amarre, xa que telos varados ó aire libre fai que se deterioren pola choiva, a humidade e o vento que fai abrir a madeira. Un espazo cuberto de entre 70 e 100 metros cadrados sería suficiente para poder invernar gran parte da flota e almacenar os aparellos. 

Poderíanse contemplar diversas formas de contraprestación: cesión do Concello ou de Portos de Galicia (a custes asumibles para unha pequena asociación) a cambio de difusión e publicidade, patrocinio de empresas privadas a cambio de publicidade, etc… 

Por outra banda a intención da Asociación é contar coa colaboración das administracións, local e autonómica para, co mínimo gasto posible, facilitar á nosa Asociación o amarre nun pantalán ou nunha lámina de auga abrigada específica para a nosa flota. 

Somos coñecedores da actual situación económica que estamos padecendo, por iso buscamos fórmulas que teñan o menor custe posible para todos, pero que nos aporte unha solución ós problemas actuais da nosa Asociación e un valor engadido ás Administracións implicadas. 

Nós, como Asociación sen ánimo de lucro, non temos suficientes recursos económicos como para custear un pantalán. 

Creemos, por informacións que nos teñen chegado, que Portos de Galicia ten varios tramos de pantaláns sen usar desperdigados en distintos lugares. Trataríase de aproveitar eses pantaláns que actualmente están sen uso, para reutilizalos e darlles un novo e interesante uso como pantalán museo activo. 

O proxecto complementaríase dispoñendo paneis explicativos coas distintas tipoloxías de embarcacións ó longo do tramo do paseo á altura dos puntos de amarre, nos que se faría constar a colaboración do Concello de Sada e do ente Portos de Galicia, e das demais entidades ou administracións colaboradoras. 

O pantalán coas embarcacións amarradas, e cos paneis informativos, converteríase nun grande atractivo turístico para a vila. En días de festas significativos poderíamos engalanar os barcos para darlle máis vistosidade. 

Non sería preciso un pantalán demasiado grande, bastaría para que collera o barco insignia da Asociación, a Balbina, o último patexeiro de Galicia, cunha eslora de 12m, e unhas 15 embarcacións adicionais de distintas tipoloxías entre os 4 e os 7 metros de eslora. Tampouco se precisaría un pantalán con instalación de luz nin de auga, xa que as nosas embarcacións non o precisan, polo que non resultaría moi custoso. 

A Balbina é un barco, que ademais de ser único na súa tipoloxía, está recoñecido no inventario do proxecto europeo DORNA, forma parte da vida mariñeira de Sada e leva vinculado a esta vila dende os anos 40. Non haberá ningún mariñeiro de Sada, que sendo preguntado pola Balbina, descoñeza de que se lle fala. Polo tanto tense ben merecida unha praza no Porto de Sada.
Tamén nos visita e fondea a miúdo o galeón Punta Pragueira da AAETC que desenrola asiduamente as súas actividades na Ría de Sada e sería xunto ca Balbina un dos barcos que atraerían máis miradas polo que tamén sería interesante que puidera estar amarrado no mesmo pantalán.
Entre as actividades que se poderían facer para aproveitar o uso do pantalán estaría a de concertar visitas guiadas para os centros de ensino do concello, para que así os alumnos puideran ver de primeira man un tipo de embarcacións que contribuíron en boa medida ó auxe económico da vila de Sada e de outras vilas de toda Galicia e que hoxe corren perigo de extinción.
No verán tamén se poderían facer visitas guiadas para grupos de turistas. Isto poderíase complementar con outras actividades paralelas, exposicións en terra, etc..
Os emprazamentos que consideramos máis axeitados poderían ser estes dous: Na lámina de auga situada entre os pantaláns do Club Náutico e o paseo marítimo, un pouco antes da antiga nave de redeiros, hoxe local social do Club Náutico. Ou ben na lámina de auga que queda entre os pantaláns de Portos de Galicia e o paseo marítimo.
Para conseguir isto precisamos a implicación da Corporación Municipal, Portos de Galicia, Deputación, etc…
O FUTURO
A nosa idea é seguir crecendo en número de socios e embarcacións e cunhas instalacións axeitadas e un pequeno apoio institucional, poder chegar a albergar dentro duns cantos anos unha edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, evento a nivel internacional que ten lugar cada dous anos.
Hai que ter en conta, que este evento, en 24 anos de vida só subeu nunha ocasión ás Rías Altas, máis concretamente a Ferrol, organizado polos amigos do Club do Mar de Ferrol.
O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia conleva unha asistencia estimada á localidade organizadora de entre 30.000 e 40.000 visitantes nos 4 días que suelen durar, co consiguiente beneficio económico para os negocios locais.
Por suposto, un evento destas características ten que estar apoiado polas institucións e por toda a corporación municipal.

Carros recollendo o patexo na praia de Sada.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *