Rúa do Porto (hoxe José Monzo) no ano 1909
Esta fotografía foi tomada no verán do ano 1909. Desde entón todo cambiou bastante. A rúa tivo tres nomes. Primeiro Porto, despois da guerra General Mola e agora José Monzo. Ía desde o ultramarinos Gayoso na Praza do Conde ata o cruce coa rúa da Igrexa. Catro rúas partían dela cara a avenida da Mariña: Dolores, Sol, Estrela, Areal e Igrexa.
Era unha rúa con casas tipo mariñeiro e algunhas con balcóns de madeira das que quedan aínda dúas. Todo o demais reformouse, pero a rúa non cambiou. Hoxe ten aínda ese saínte que se ve na foto onde estaba o ultramarinos da Sra. Amparo, que eu lembro, e antes o da súa nai. Agora está reconstruída e non hai ningún negocio. Á dereita queda só a casa que pertenceu á Sra. Angélica Vidal e hoxe reformada, na que vive a súa filla. Á esquerda, a primeira foi un salón de baile. Alí ensaiaba a primeira Coral que tivo Sada, A Troula, logo foi un almacén de viños e ata unha peixería. Hoxe no seu lugar hai unha valla que cerca tamén a casa da Sra. María Lourido. A continuación está a casa de Pedro Agra, a de Xefa, Pallares, Ríos e na da esquina viviu a “Rabela” e hoxe vive nela a súa neta, pero está reconstruída.
Vese xente na rúa. Daquela era costume sentar ás portas e facer tertulia cos veciños. Coido que esta foto dunha rúa de Sada é das máis vellas que publicamos e foi enviada desde Ferrol por unha bisneta do famoso Panchón.
memoriadesada.com