UNHA OBRA MUSICAL DEDICADA “A LA LINDA VILLA DE SADA”

Xesús Torres Regueiro

Nos arquivos dixitais da Hemeroteca Nacional de España atopamos a obra musical “A la linda villa de Sada”, da autoría do compositor Manuel Quislant, editada en Vigo por E. Villanueva e fillo. 



Manuel Quislant Botella naceu na localidade alicantina de Santa Pola en 1871 e morreu en Madrid en 1949. Amosou dende a infancia grandes condicións para a música, comezando moi noviño a súa formación musical. Aos trece anos compuxo a súa primeira obra que estreou co abraio dos seus veciños. Completaría logo os seus estudos en Madrid, onde estivo protexido por Chapí. 
Orientou a súa carreira musical á composición de zarzuelas, que escribíu só ou en colaboración con outros compositores como Tomás Barrera, Badía ou Amadeo Vives, sendo habitual a súa presenza na carteleira musical de comezos do século XX. Moitas delas acadaron grande éxito na época da súa estrea, mais non perduraron no tempo, atopándose hoxe totalmente esquencidas. Sálvase apenas “Doloretes”, composta en colaboración con Vives e estreada en 1901 e que segue a se representar de vez en cando especialmente na súa provincia natal. 

Quislant foi un dos autores que máis se sinalou na loita a prol dos dereitos de autor, e en concreto contra o editor Fiscowich, que remataría coa creación da Sociedade General de Autores de España (SGAE), impulsada por Ruperto Chapí. 

Como a obra adicada a Sada non ten datación, non sabemos en que ano foi composta. Mais, nunha rápida consulta en hemerotecas dixitais da prensa galega, comprobamos que a primeira referencia a esta obra é de 1913. Concretamente durante as festas coruñesas de agosto dese ano. 

Así, o “diario católico” coruñés El Eco de Galicia anunciaba o día 17 de agosto de 1913 o programa que executaría no Recheo a Banda de música militar do rexemento Isabel la Católica. Alí podemos ver: “Sada”, gavota, de Quislant, figurando como segunda peza. O concerto desta banda remataba coa peza “El rápido de La Tribuna”, de Quislant e Vela, obra que fai alusión á viaxe en tren que organizou a revista madrileña La Tribuna, con Pérez Lugín ao frente, ás festas coruñesas dese ano. E quizá “De Madrid a La Coruña, viaje fantástico musical”, tamén de Quislant e Vela, teña que ver coa mesma excursión. Teríamos, pois, tres obras do compositor alicantino (dúas en parcería con Cayo Vela) relacionadas con Galicia. 
Ilustración de Randolph Caldecott no libro de H. Blackburn Breton Folk: an Artistic Tour in Brittany, (Boston 1881), representando o baile da gavota tocada por un gaiteiro. A dama da dereita parece ser que é a muller do artista.
Outro diario coruñés, El Noroeste, do día 20 de agosto, anuncia o programa da velada dese día a cargo da mesma banda e nel volve aparecer a gavota “Sada”. Tamén a Banda municipal de Vigo executaba no seu programa a gavota “Sada” algún tempo despois. Así, El Noticiero de Vigo anunciaba a obra como a segunda das seis que a banda executaría na Alameda o 24 de xaneiro de 1915. E o día 31 dese mesmo mes e ano o xornal vigués volve anunciar o programa que tocará a banda na Alameda e desta volta aparece, tamén en segundo lugar, a gavota co título “Linda Sada”. E así aparecerá en días sucesivos. 
Partitura da gavota “A la linda villa de Sada”. Biblioteca Nacional de España
Non cabe dúbida que a gavota “Sada” e “Linda Sada” son a mesma obra, é dicir, aquela que o seu autor titulou “A la linda villa de Sada”. A gavota (do francés gavotte) é unha forma musical que evolucionou dunha danza popular francesa. Non estaría de máis que algún dos moitos músicos que temos na comarca estudara esta obra e a redescubrira de novo ao público. Calidade aparte, probablemente se trate da única obra musical que leva o nome de Sada no seu título. 

Descoñecemos a relación de Quislant con Sada e as razóns da súa dedicatoria. É probable que veranease nalgunha ocasión na vila mariñá, como fixeron algúns artistas e escritores a comezos do século XX.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *