EN SADA SEMPRE CHOVE SOBRE MOLLADO

Andrés Lamas Seco

INTRODUCIÓN 
As recentes inundacións que tiveron a súa manifestación máis grave na noite do 29 ao 30 de Marzo de 2016 e que deixaron unha parte da parroquia de Sada (arredor de 2 ha.) completamente alagada, non son algo novidoso e si unha historia varias veces repetida, con maior ou menor transcendencia, e que desgraciadamente volverá a ocorrer se non se toman medidas para evitalas. 
ORIXE DO PROBLEMA 
Son moitas as causas que están tras da inundación. Entre elas: 
− A chegada ás costas atlánticas galegas dun Fenómeno climatolóxico adverso infrecuente, coñecido como Río atmosférico, que deixou nesta zona uns 71 l/m2 ese día e algo menos nos precedentes. 
− A proximidade ao mar do punto no que se xuntan as concas fluviais máis caudalosas da zona, arredor de 200 m, o que recorta esaxeradamente unha drenaxe eficaz, especialmente cando os niveis da enchente de marea están altos, o que provoca niveis freáticos altos. 
− Unha canalización fluvial insuficiente para poder dar saída e almacenamento a un volume grande de augas en situación de riadas, especialmente nalgúns tramos que quedaron da vella cando se fixo a nova, 
− A abundante presenza de solos artificiais impermeables (Edificios, Rúas e Prazas, etc.) tanto na zona afectada como nas proximidades (p.e. Polígono de Bergondo) que impiden ou mingúan a absorción natural, facendo chegar aos canles dos ríos unha meirande cantidade de auga. 
− Unha Litoloxía a base fundamentalmente de xistos, rochas moi pouco permeables, que mingúan en gran parte a drenaxe. 
− A inexistencia dunha separación de augas negras e grises das pluviais así como de Tanques de tormentas o que provoca o colapso das redes de sumidoiros coa conseguinte saída de efluentes líquidos polas bocas do mesmo. 
− Recheos frecuentes dende os anos 60 dunha boa parte das Brañas con diferentes finalidades, especialmente a construción de urbanizacións. Este proceso provoca unha diminución importante da capacidade de almacenamento e da absorción das crecentes dos ríos que nelas desembocan, ata un 50% das mesmas, e por outra banda un incremento notable nas emisións de augas negras e grises á rede de sumidoiros. 
− Unha falla de previsión por parte das diferentes Administracións que non tiveron en conta os avisos meteorolóxicos e por outra parte tardaron excesivamente en informar á poboación afectada para que tentasen con tempo protexer ou salvar as súas propiedades. 
CONSECUENCIAS 
Entre outras moitas faremos mención das seguintes: 
− O anegamento intenso da zona afectada, arredor de 2 ha. das 24 ha. que ocupan As Brañas en conxunto o que provocou danos nas estruturas e mobiliario urbano así como nas construcións públicas e privadas. 
− As enormes inundacións en Locais comercias, Vivendas e Garaxes co conseguinte deterioro nas estruturas construtivas (paredes, pinturas, etc.) e funcionais (instalacións eléctricas, de fontanaría, de calefacción, etc.) perda ou avaría de aveños domésticos ou industriais, maquinaria e vehículos diversos. 
− A evacuación e posterior aloxamento e manutención dalgunhas persoas que quedaron illadas, ao non poder abandonar as súas vivendas, debido ao elevado nivel das augas que fixo necesario o emprego de vehículos especiais e incluso de embarcacións neumáticas. Afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais importantes. 
− A contaminación da franxa litoral próxima, pola chegada a ela dunha gran cantidade de sedimentos de todo tipo así como de parte das augas negras e grises que foron evacuadas da rede de sumidoiros levando en suspensión un número elevado de diferentes especies de microorganismos fecais, especialmente de Escherichiacoli. 
− A mortandade, como consecuencia da caída brusca e prolongada da salinidade, pola chegada dunha gran cantidade de auga doce, de numerosos exemplares de especies mariñas de aproveitamento comercial por parte de mariscadores. 
POSIBLES SOLUCIÓNS 
Como varias das causas do problema non está na nosa man o cambialas, propoñemos algunhas, a desenvolver a curto ou medio prazo, tales como: 
− A ampliación do canle que recolle e conduce ao mar a maior parte do conxunto de augas de orixe fluvial (Ríos Fontoira, Vao e Maior) así como dos aliviadoiros da rede de sumidoiros para poder dar saída e tamén servir de almacenamento temporal a grandes volumes líquidos inusuais. 
− A renovación parcial da rede de sumidoiros que non dispón de separación das augas pluviais das de outros tipos (industriais, domésticas, etc.). 
− A instalación dun ou máis Tanques de tormentas que foran quén de facer unha separación dos diferentes compoñentes sólidos e líquidos que transportan os sumidoiros, para deste xeito evitar a chegada de grandes volumes á depuradora e liberar ao mar augas limpas. 
− A recuperación integral das Brañas, na medida que iso sexa posible, mediante: 
− A eliminación dos recheos das zonas que non foron edificadas co fin de que recuperen a súa estrutura orixinal. 
− Evitar na medida do posible os vertidos de refugallos de todo tipo. 
− Controlar o acceso abusivo para evitar o pisoteo, dar tranquilidade ás especies animais que alí habitan ou a posible desaparición de especies interesantes como por exemplo de fieitos ou plantas con flores.
Imaxe da publicación: Unha rúa de Sada inundada o pasado día 30 de marzo Fotografía de Laura Rodríguez 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *