Iago Santalla
Iago Santalla na lectura da súa tese. Cedida polo autor
O pasado 28 de setembro presentei na Facultade de Humanidades da USC a miña tese de doutoramento titulada “La aplicación y desarrollo de la Teoría del Ilímite en contextos educativos formales y no formales”. A tese parte da base de que todos temos límites ou discapacidades que temos que asumir porque nos están marcando áreas da vida nas que o noso desenvolvemento terá máis dificultades e, probablemente, sexa menor. Estamos no campo do noso límite e témolo que asumir sabendo que da outra cara da moeda está o noso ilímite, onde agroman as nosas maiores capacidades que temos que saber converter en competencias para desenvolver o noso proxecto vital.
Polo tanto, dende o sistema educativo, débense potenciar as capacidades de cada persoa ata convertelas en competencias para facer o seu propio camiño.
Unha educación baseada en ilímites ten dúas armas fundamentais: o diálogo e o pensamento crítico que teñen como función principal o coñecemento do mundo a través da reflexión, dotando ao alumnado de competencias para desenvolverse no mesmo. O ilímite asume a idea de que o ser humano é radicalmente libre e nesa liberdade mobiliza o seu potencial creativo para mudar a realidade.
Os ilímites veñen a sumarse ao paradigma da inclusión e a diversidade. O reto é ver na diversidade unha riqueza coa que o devir da historia nos agasalla. Neste agasallo, tamén, vén un novo reto que é o da convivencia co diferente. Forxar esta convivencia implica un diálogo constante co novo ou co distinto, coñecendo a súa maneira de ser e estar para comprender os motivos polos que naceu e medrou ese xeito de ser e estar. Hai unha única maneira de educar para a diversidade: o diálogo constante coa realidade. Só o diálogo pode conseguir que a sociedade se vexa a si mesma nun mosaico que lle sirva de espello. Só o diálogo pode desterrar o prexuízo e instaurar o coñecemento mutuo. Por iso, o diálogo é a arma fundamental da educación.
Por outra parte, o ilímite ten unha intención política de cambio: un cambio que vén co paradigma da inclusión, co respecto á diferenza, coa visibilización e cooperación con todos os colectivos sociais e culturais para o seu desenvolvemento, co recoñecemento mutuo que valora as calidades humanas, coa determinación política de construír igualdade e equidade e coa educación para a interdependencia que nos ensina a medrar no apoio mutuo. Unha educación en ilímites basease nun espírito cooperativo que se empeña en non deixar a ninguén polo camiño xa que a sociedade pode forxar ocos de inclusión para todas as persoas.
Outro aspecto importante é o metodolóxico: o establecemento do diálogo e a pregunta como ferramenta básica de xeración de coñecemento. A través da pregunta o coñecemento vaise xestando nunha reflexión continua educador–educando na que van deconstruíndo a realidade ata tecer nela un oco para o proxecto vital.
Se cremos nas persoas e na liberdade inherente ao ser humano hai un aspecto fundamental que debe ter unha presenza constante no proceso educativo: a toma de decisións. O traballo citado propón un método de toma de decisións (creado e desenvolvido xunto con Manuel Rivero) baseado na análise: en primeiro lugar debemos imaxinar o noso problema, dilema ou conflito como unha rotonda á que pouco a pouco lle temos ir abrindo saídas. Situados na rotonda empezamos a visualizar posibles vías de solución como camiños que, ao igual que Machado, facemos ao andar. Despois de coñecer as distintas opcións temos que valorar cada unha delas dende distintas perspectivas para o que podemos imaxinar o problema no interior dun poliedro e adxudicarlle a cada aresta unha perspectiva sobre o tema, por exemplo: unha aresta pode analizar as vantaxes e desvantaxes da posible solución dende o punto de vista económico, outra dende o punto de vista familiar, outra profesional, etc. Nun segundo poliedro farémonos a seguinte pregunta: que emocións me provoca a toma desta decisión e cada camiño posible? Agora cada aresta é unha emoción e analizamos novamente o tema dende todos os puntos de vista antes de tomar un camiño. O xogo de perspectivas impúlsanos a unha toma de decisións ancorada na reflexión.
Existen 3 ferramentas clave para o desenvolvemento do proxecto vital a través do ilímite:
1. Resiliencia. Capacidade de crer nun mesmo e de reinventarse en situacións adversas.
2. Vontade independente (Covey 2009). Capacidade de manter os propios principios en situacións difíciles.
3. Interdependencia. Capacidade de establecer relacións sinérxicas co noso entorno.
O ilímite é un xeito de dicir que a sociedade é unha gran cooperativa de imprescindibles que debía ter como máxima de acción aqueles versos de Mario Benedetti: “con tu puedo y mi quiero vamos juntos, compañero”.
A teoría do ilímite establece un camiño cara unha sociedade inclusiva na que cada persoa poida forxar o seu oco. Neste obxectivo resulta básico o diálogo crítico como transmisor de coñecemento e xerador de consciencia. O ilímite é o espello dunha sociedade capaz de mirarse a si mesma, recoñecerse sen exclusións e forxar un porvir a altura de todas as mans.