AS INUNDACIÓNS EN SADA: REFLEXIÓNS DENDE A SGHN

Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural

“É moi duro ver o teu negocio ou a túa casa afectados e perdelo case todo”. Expresións como esta escoitáronse durante e despois das inundacións do 30 de marzo. Foron moi graves e afectaron a moita xente. Fálase de erros e de responsabilidades, tamén de posibles solucións. As opinións son diversas, pero moitas veces parten de posicións ideolóxicas onde sempre queremos dominar as forzas da natureza e poucas veces se di que nos debemos adaptar a elas. 

Sábese que, dependendo da bacía hidrográfica, cada certo tempo poderán producirse situacións meteorolóxicas excepcionais que conduzan a enchentes como as acontecidas. A primeira modificación importante da rede fluvial foi a canalización do último tramo do río, xa vai para 40 anos. 

Sada naceu cinguida polo mar e as brañas e medrou “comendo” de ámbolos dous espazos. Os máis vellos (e non tanto) do lugar lembran como, coa enchente, o mar chegaba ao bar “Rompeolas” (nome ben significativo) e como o río, en determinadas circunstancias, asolagaba Cantalarrana (nome ben significativo). A zona das Brañas non só era o reducido espazo que é agora, senón que estaba arrodeada por un área de prados naturais, hortas e zonas de vexetación natural case sempre inundables. Antes había dúas saídas cara ao mar e hoxe todo sae por unha canle canalizada co problema de concentración de caudais. Hai que ter claro tamén que o río Maior recibe as augas pluviais e de depuración do enorme polígono industrial de Bergondo, que exerce as funcións de auténtico “embudo” concentrador de augas. Todos estes factores fan que ante unha pluviometría tan elevada e concentrada no tempo como a padecida (70-80 l/m2) en 24 horas se agraven as consecuencias das precipitacións. 

Lemos e escoitamos con asombro que a “culpa” foi non ter “limpos” as canles do ríos e regatos. Lembramos que en maio-xuño de 2015 xa se fixo unha limpeza de canles no rego principal que cruza As Brañas. Esta foi denunciada pola Delegación de As Mariñas, xa que non só se retiraron algúns troncos deitados na canle do río senón que se eliminou toda a vexetación de ribeira nesa zona a preservar. Puntualmente pódense eliminar troncos atravesados ou outros obstáculos nos tramos finais antes da desembocadura, pero en ningún caso modificar o resto dos tramos. Ademais moitos deles están cualificados como corredores ecolóxicos, tal e como figuran no Plan de Ordenación do Litoral publicado pola Xunta de Galicia en 2011 

A aprobación inicial en pleno do PXOM segue apostando por construír nas traseiras de Barrié (en contacto coas Brañas) e urbanizar a Agra de Samoedo (en contacto co río Maior) co cal reducimos as zonas naturais de expansión da auga nas enchentes e ademais non valoramos que Augas de Galicia cualifica a Sada coma unha área con risco potencial significativo de inundación (ARPSI). Non esquezamos que o cambio climático fará que moitos destes fenómenos meteorolóxicos adversos se fagan máis frecuentes e de maior intensidade. Ningún cidadán debe ignorar que As Brañas de Sada, co seu sistema de lagoas de orixe artificial e zonas húmidas anexas exerce de auténtica esponxa. Sen elas as inundacións serían aínda moito máis graves. A día de hoxe As Brañas non teñen ningún plan de conservación nin protección eficaz e nestas circunstancias tampouco se poden planear medidas para a súa mellora ambiental. Aumentar a osixenación das augas dos pozos podería ser un sistema a estudar para que o proceso de colmatado por depósitos de materia orgánica se fixera máis lento. 

Existen solucións que non pasan sempre por obras como as que xa se empezaron a escoitar e ler nos medios de comunicación. Nalgunhas zonas de Europa apostase polos chamados “Sistemas urbanos de drenaxe sostible” (Fig. 1) que entre outras cousas aumentan superficies de captación e drenaxe usando cunetas verdes en forma de “V” e pequenas lagoas artificiais. Trátase de captar e dirixir a auga e mellorar a súa calidade con filtros verdes. 
Exemplo de sistemas de drenaxe urbano sostible en Dunfermline (Escocia). Cedida polos autores
Recorrer aos tanques de tormentas (como xa se planea) só se debe facer en último caso e cando outras medidas non se poidan acometer. O ideal é que as augas pluviais estiveran separadas das residuais en todos os sistemas de sumidoiros do concello. Fálase que as augas pluviais non deben conectarse en ningún caso ao río Maior, pero as augas pluviais, non debemos esquecer, que son augas que arrastran os contaminantes das rúas e estradas (hidrocarburos, metais pesados, etc) e polo tanto merecen un tratamento de depuración-decantación diferenciado e non darlle unha saída “libre” cara aos ríos e mar.

A solución non está en seguir ignorando o que pasa e facer o de sempre.

Temos que actuar con altura de miras, polo ben común e non a beneficio duns poucos e tendo presente que non podemos seguir creando modelos de vida insostibles.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *