Cando eramos nenos, unha das festas que máis nos ilusionaba era a “Festa da Árbore”. Unha vez o ano celebrábase esta festa na meta-de do inverno. Era organizada polo Concello, que contaba coa colaboración do párroco e dos mestres de todas as escolas do municipio. O día da celebración, de cada escola saían os nenos en filas portando unha bandeira e xuntábanse todos no lugar onde se plantaban as árbores. Dous eran os lugares onde se facía a plantación. Primeiro, fronte á praia, no lugar que hoxe ocupa a Sociedad e os terreos seguintes. Aínda hoxe quedan algunhas árbores plantadas entón. O outro lugar era O Couto, en Sada de Arriba, no lugar onde está o cuartel da Garda Civil.
Seguían os discursos do alcalde de turno, e de D. Federico García, presidente da Asociación de Amigos del Árbol. Viña todos os anos á festa e tamén ía a todos os concellos da provincia. Era moi popular e tiña unha biografía extraordinaria, tendo sido mestre, xornalista cofundador de El Ideal Gallego, redactor, tenor da agrupación El Eco, etc. Pechaba o acto D. Juan Villanueva, párroco de Sada. 







