A ASOCIACIÓN DE MÚSICA E DANZA TRADICIONAL QUEIROA OU A RIQUEZA DO NOSO LEGADO TRADICIONAL

Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa

A Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa nace en novembro de 2002 no concello de Sada (A Coruña, Galicia, España), respondendo ás inquietudes dunha poboación que sempre tivo gran afección pola música tradicional e ao abeiro da iniciativa dun grupo de nais e pais do CEIP Pedro Barrié de la Maza, que estimaron a necesidade de dar continuidade ao traballo desenvolvido polos alumnos e alumnas das actividades extraescolares de baile tradicional e pandeireta. A isto, uniuse á demanda de aprendizaxe de gaita e percusión, e a necesidade de formar un grupo máis completo e instrumental, dando lugar á creación dunha asociación independente, sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo fundamental é a aprendizaxe e difusión da nosa música e baile tradicionais. 
Os primeiros alumnos de Queiroa eran os fillos da primeira Xunta Directiva e os dalgúns amigos; un reducido grupo de persoas que ían ás tres actividades coas que comezou Queiroa: baile, pandeireta e gaita. Nestes máis de trece anos de percorrido, a asociación medrou dun xeito ben significativo –pasando do centenar de socios- dende aqueles inicios que hogano lembran con agarimo. Como esquecer, por exemplo, o primeiro pasarrúas? Foi en Asados, parroquia de Rianxo, alá polo ano 2004, onde tocaron o himno do Antigo Reino de Galicia tres cuartos de hora seguidos dando voltas á igrexa. 
No ano 2005 Queiroa, consciente da importancia da percusión nos grupos de gaita, incorpora ás súas actividades clases de tambor, bombo e charrasco; sendo pioneira neste sentido. O charrasco, por se aínda hai quen non o saiba, é un instrumento de percusión consistente nun largo mastro cun bastidor cadrado ou con travesas na parte superior nas que se sitúan un bo número de ferreñas e que se toca sosténdoo cunha man mentres coa outra se raspa cun pau. 
No ano 2007, cun formato orixinal no campo do asociacionismo cultural e de marcado carácter didáctico, Queiroa organiza a súa primeira gala, que virá repetíndose dende aquela cada verán – habitualmente a primeiros de xullo- na Casa da Cultura “Pintor Lloréns”de Sada. Como curiosidade, os sete charrascos propiedade da asociación foron feitos especificamente para a gala do ano 2011. A gala integra xa dende os seus comezos unhas características propias, que conxugan un formato de presentación teatralizada coa interpretación musical e a proxección audiovisual. A singular combinación destes xéneros artísticos conflúe nun espectáculo cultural ameno e axeitado aos públicos máis diversos. Ata agora celebráronse oito galas, todas seguindo un patrón semellante pero encanadas baixo un título diferente ano a ano que lles outorga singularidade, a última ata agora, que tivo lugar o 4 de xullo de 2015, foi o festival “De festa en festa”. 
Amén da gala, ao ano seguinte -2008- Queiroa organiza e celebra a I Foliada de Sada, formato recuperado na bisbarra das Mariñas, semellante a aqueles Seráns que se desenvolvín a mediados do século XX nas zonas do Condado e Terra de Montes (Pontevedra), onde a xente se reúne para tocar, cantar, bailar e gozar sen ataduras, e que fai coincidir coa tempada de magosto, as noites longas, o caldo e a Queimada. 
No 2008 Queiroa introduce as clases de acordeón con 19 alumnos. A actividade non funcionou e aos dous anos houbo que suspendela por falta de asistencia. Non obstante, no 2015 novamente se retoman, con trece alumnos/as e dun xeito máis lúdico, sen máis afán que o de gozar coa música. 
A finais do 2011 Queiroa suma forzas cun grupo de rapaces de Veigue que quedaran sen grupo. Comeza a funcionar a Escoliña de Queiroa, dirixida a nenos en idade de infantil e primaria (entre tres e doce anos), orientada a que reciban clases de canto, pandeireta e baile tradicional así como clases de gaita e percusión, e coa axuda da Escola Unitaria de Carnoedo, que cede os seus locais. Na actualidade é a grande aposta de Queiroa, sempre pendente da transmisión do legado tradicional ás novas xeracións. De feito, en maio do pasado ano (2015) tivo lugar o I Festival da Escoliña. 
A día de hoxe, Queiroa desenvolve as súas actividades (que abranguen gaita, percusión, acordeón, canto, pandeireta e baile tradicional) ao longo de todo o ano nunhas instalacións cedidas desinteresadamente por varios colexios do concello. En números, a asociación mantén unha escola de música na que se forman e ensaian, a partir dos tres anos de idade (de 3 a 12 na “escoliña” e de máis de 12 no resto de actividades), máis de cen alumnos/as, dirixidos por tres monitores. Quen teña interese, pode atopar máis información sobre a asociación en internet, tendo presenza en tres ámbitos: 
-Páxina web: www.queiroa.org 
O duro traballo desenvolvido portas a dentro, eixo de Queiroa, queda de relevo nas distintas actuacións, que suman un bo feixe dende aquela primeira posta en escena na Casa da Cultura de Sada, con motivo do Festival Pedro Barrié de la Maza, o dez de maio de 2003, a pesar de que prefiren primar a ensinanza sobre as actuacións. Estes longos anos de percorrido deron froito, entre outros, en diferentes con-cursos de música tradicional da provincia, onde o labor dos e das integrantes de Queiroa foi merecedor dunha mención especial, catro primeiros, seis segundos e cinco terceiros premios. 
Nesas actuacións, a asociación move catro grupos que, conxunta ou independentemente, amenizan os diferentes actos: 
– Gaita e percusión. 
– Canto e pandeireta. 
– Baile tradicional. 
– Escoliña. 
Os seus grupos acostuman a animar diferentes tipos de eventos, tanto públicos (sardiñadas, procesións, festas,…) como privados (vodas, comuñóns, aniversarios,…) mediante foliadas, alboradas, pasarrúas, festivais, concertos, etcétera, dando conta dun amplo repertorio tradicional conformado por muiñeiras, pasodobres, xotas, polcas, alboradas e demais; e desprazando entre catro e corenta persoas dependendo do tipo de actuación e condicións convidas. Polo tipo de actuación, talvez haxa que vestir dun xeito tradicional –malia que é habitual vestir de rúa durante as foliadas, por exemplo-. Nese eido, Queiroa conta cun variado vestiario tradicional formado por prendas de cotío e prendas de gala, que complementa con diferentes aderezos e abelorios, e utiliza segundo as características da actuación. 
É de destacar que, malia que as actuacións de Queiroa se desenvolven na provincia da Coruña fundamentalmente, e, en primeiro lugar, no seu concello de orixe –un dos últimos exemplo foi a súa participación na I Cervefeira Artesá de Sada, en outubro de 2015-, están abertos a outras posibilidades xeográficas. De feito, no seu  haber contan con actuacións fóra de Galicia: no asturiano “concejo” de Langreu, que visitaron en 2008 e 2009 para participar no Encontro de Gaitas de Riaño, e na Festa Ibérica de Folclore Pouca Pena, pertencente á vila de Soure, no portugués distrito de Coimbra, ao que foron convidados no verán de 2012. Tampouco faltaron á súa cita coas ondas catódicas, amosando o seu bo facer un par de veces en Luar, o coñecido programa de variedades da televisión de Galicia. 
Para finalizar, só queda congratularnos por contar en Sada con quen manteñan viva a chama do legado inmemorial do noso folclore, recollendo a testemuña de grupos hoxe desaparecidos como “Troula” (1928-1933) ou os máis recentes “O’Carcabeiro” de Sada ou “Os Biosbardos” de Meirás, o que da fe, xunto con asociacións que se manteñen en activo na actualidade, como a Asociación Cultural “A Meda” do Castro ou o Coro Galego “Santa Comba” de Veigue, da viveza e interese que segue a suscitar o mesmo, e desexando, o mesmo que para a lingua galega desexou Álvaro Cunqueiro, mil primaveras máis para as nosas música e danza tradicionais.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *