MEMORIA DE ACTIVIDADES
Marisa Naveiro López
O día 18 de abril no cemiterio de San Xoán de Ouces, no concello de Bergondo tivo lugar un acto de homenaxe a Luísa Viqueira Landa, filla de Xoan Vicente Viqueira, no que participou a A. C. Irmáns Suárez Picallo.
Luísa Viqueira Landa marchou para o exilio de México, despois do golpe militar de 1936 que ameazaba a súa vida. Comezaba así a súa outra vida, a que a ía ter afastada do seu país até a súa morte. Só nunha ocasión, 43 anos despois da súa marcha, volvería a Galiza e pasaría un verán en Vixoi e Ouces, no territorio da súa infancia. Regresa só despois da morte. Foi ese o desexo que se cumpriu cun acto público no adro da igrexa no que participaron Ana Miranda, Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, o presidente da CRMH, Fernando Souto, e o Republicano de Honra 2015, Nicolás Acosta. O seu fillo, Manuel Rodríguez Viqueira foi o encargado de depositar as cinzas ao pé da tumba de Xohán Vicente Viqueira.


Na primeira das imaxes superiores, Ofrenda floral ás vítimas da represión franquista. Na segunda, actuación musical na presentación de Areal nº 10. Nesta imaxe, presentación do libro de X. Duncan O solpor dos deuses
O 1 de xullo de 2015 presentamos en Sada o caderno “Moncho Valcarce. Un militante social e político galeguista, un cura atípico, un profeta e un místico cristián”, o nº 4 dos nosos Cadernos de Estudos Xerais, publicado en colaboración coa Irmandade Moncho Valcarce. Asisten Xácome Santos, Ramón Muñiz, Gumersindo Campaña e Victorino Pérez, presentados por Rubén Aramburu.
Presentación do caderno sobre Moncho Valcarce


Cumpríronse 75 anos desde que o vapor Alegre, que saíra de Pontedeume para participar nas festas de Sada, naufragou na, hoxe desaparecida, pena da Pulgueira. Ían no vapor ducias de persoas e tres delas (dous nenos e un rapaz de vinte e dous anos) perderon traxicamente a vida no suceso. Mais a valentía das persoas de Sada, nomeadamente seis heroes que rescataron a moitos dos viaxeiros do Alegre, impediu que o ocorrido fose máis grave aínda. Impulsada pola nosa asociación, e coa participación de delegacións de Sada e Pontedeume encabezadas polos seus respectivos alcaldes, tivo lugar un acto de homenaxe.
Arriba: J. R. Solaruce na charla que impartiu sobre o Modernismo e Vanesa Santiago no posto da nosa Asociación na Feira Modernista. Nesta imaxe, homenaxe aos heroes do vapor Alegre