A
xenealoxía é, as máis das veces, unha ferramenta coa que reconstruír as nosas
propias orixes familiares; un traballo abondo laborioso que responde a ese afán
de sabermos de ónde vimos. Mais tamén é unha disciplina que contribúe á elaboración
de perfís biográficos máis completos. Os antepasados, os coñecidos en vida e os
que nos chegan a través desa literatura doméstica que conta anécdotas de
bisavós, de pais de bisavós, de avós de bisavós…, son unha das pezas que
constrúen a personalidade. Por iso, obter información acerca dos predecesores axuda
a comprender trazos do comportamento, das motivacións e da personalidade do biografiado,
e resulta igualmente interesante para compor e estruturar as historias locais, que
non acaban de cobrar sentido mentres non se coñece con certa profundidade ese
ámbito das relacións persoais e familiares.
Abordaremos, nesta ocasión, un
sucinto percorrido pola xenealoxía dunha das personaxes máis relevantes da nosa
historia contemporánea: o xornalista e político Ramón Suárez Picallo. Xenealoxía
que incumbe, evidentemente, ao seu irmán Xohán Antón, de breve pero interesante
traxectoria. Para esta reconstrución xenealóxica, botouse man de documentación
procedente do Rexistro Civil de Sada1 e do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de
Compostela2.
Os Suárez Picallo, once irmáns en total, naceron en Beloi, parroquia de Santa
María de Sada. Un prolongado espazo temporal de máis de dúas décadas separan os
nacementos do maior deles, Ramón, en 1894, e do menor, Juan, en 1917, cando o
primeiro iniciara xa, na emigración bonaerense, a súa incesante actividade
política e intelectual. Entre ambos, chegarían a este mundo Eduardo (1897),
Severino Emilio (1899), Diego (1901), Leonardo (1904), Manuel María (1906),
Juan Antonio ou Xohán Antón (1907), María Manuela (1909), Rosalía (1912) e María
de la Concepción (1915). De todos eles, Manuel María, María Manuela e Rosalía
falecerían sendo nenos. Os demais, salvo Xohán Antón, asasinado após a
sublevación militar de 1936, e María, tomarían nalgún momento o camiño das
Américas, establecéndose en Buenos Aires. Faría Diego a excepción, optando polo
que, naquel entón, era o destino maioritario dos emigrantes de Sada: New York.
Sería tamén o único dos irmáns varóns en ter descendencia, como tamén a tería
María, casada con Ramón Tenreiro, pais dunha filla falecida cando nena e dun
fillo, Ramón, actual custodio da memoria dos irmáns Suárez Picallo.
O
matrimonio do que naceron os once irmáns estaba composto por Eduardo Suárez Fernández
e Teresa Picallo Martínez, ambos naturais
da mesma aldea de Beloi, malia que con orixes familiares diversas. Eduardo
(1867), alcumado o “zoqueiro de Beloi”, traballaría a terra e embarcaríase por
longos períodos a partir do ano 1898. Algunha vez faría referenza Ramón ao
interese do seu pai polos paxaros:
En
nuestra huerta hubo una familia de mirlos 80 años. El primero que sabía el nido
era mi padre, porque era el que se levantaba más temprano, y nos decía: “si se
que enxeita el mirlo, os cuelgo a todos con las piernas para arriba, de modo
que a no acercarse”.3
Teresa (1873) dedicaríase tamén ás labores agro-gandeiras.
Acerca dela ten escrito Lois Pérez Leira:
Teresa
Picallo, nai de Ramón, era unha muller de gran personalidade e intelixencia,
malia a ter poucos estudos. Na aldea alcumábana “a escribana”, segundo
din, pola súa listeza e a súa capacidade, que asombraba aos seus veciños.4
O avó paterno
dos irmáns Suárez Picallo foi Andrés Suárez Collazo, do barrio de Samoedo, na
parroquia de Sada, labrador de profesión. Eran os seu pais Juan Suárez Fachal,
de Sada, fillo á súa vez do matrimonio contraído en Sada en 1784 por Francisco
Suárez e Josefa Fachal, ambos de Samoedo; e María Collazo Martínez, da
parroquia de San Martiño de Dorneda, no veciño concello de Oleiros, filla de
Pedro Collazo e Ana Martínez, os dous de Santa Eulalia de Liáns, tamén en
Oleiros.
Casou Andrés no ano 1850 con Juana Fernández, a avoa paterna dos
Suárez Picallo, natural de Sada e filla de pai descoñecido e de Francisca Fernández,
tamén de Sada. O matrimonio estableceuse no lugar de Beloi, compartindo veciñanza
cos que, andando o tempo, rematarían por ser os seus consogros: Juan Picallo e Manuela
Martínez, os pais de Teresa Picallo.
Era Juan Picallo Caramés natural da parroquia
de Osedo. Ao nacemento do seu fillo Antonio, no ano 1872, declarábase “jornalero
pobre”, mais sabía ler e escribir correctamente. Un ano despois, cando nace a
súa filla Teresa, excluirá xa o termo de pobre, e cando vaia a rexistrar o nacemento
do seu neto Ramón farao xa como “labrador”, o que denota un certo ascenso de categoría
social ao pasar de traballar para outros a cultivar terras propias. Con el tivo
Ramón unha profunda relación na infancia. Xa moitas décadas despois do seu
falecemento, describiría ao seu avó como “dibujante, ceramista, poeta a ratos,
y poseedor de una biblioteca con más de cien volúmenes, que él guardaba en un
arcón de nogal, cerrado con siete llaves, como la tumba del Cid” evocando a
relación que o unía co seu mestre:
Mi abuelo, y mi maestro, eran excelentes amigos y
habituales contertulios en el “casino de Caballeros” de la villa. Sólo jugaban
al “tresillo”, con un viejo marino retirado, héroe de la Batalla de Cavite, con
un comandante de caballería, retirado también, después de la guerra de Cuba, y
con el boticario, liberal, enciclopedista y republicano de los de Pi y Margall.5
No mesmo artigo,
lembraba Ramón cómo o seu mestre prendera nel o interese por ler as páxinas no
Quijote, o que o levou a procurar o que o o seu avó custodiaba no vello arcón
do seu cuarto, sendo sorprendido por el:
sonrisa socarrona-; y luego sacó de un cañutero en el que guardaba la licencia
absoluta de su servicio militar con el grado de sargento, ganado a pulso en la
guerra carlista, sirviendo en el ejército “liberal y constitucional”, frente a
los “absolutistas” de Don Carlos María Isidro de Borbón, las llaves del gran
arcón. Lo abrió y nos mostró un precioso ejemplar del gran libraco, ilustrado
por Gustavo Doré, encuadernado en piel de becerro, con pelos y todo.
-Este es
el libro, sólo que mucho mejor, que el del señor maestro. Te lo leeré en las
partes que pueden serles leídas a un buen muchacho. Y cuando seas mayor he de
regalártelo.
Pois ben, este Juan Picallo era
fillo de José Picallo de Eyra, canteiro da parroquia de Santo André de Souto,
no afastado municipio de A Estrada, fillo á súa vez de Juan Andrés Picallo e
Ignacia de Eyra. José Picallo contraería matrimonio en Osedo no ano 1818 con
Juliana Caramés, natural desta parroquia, filla de Josef Caramés e Manuela
González y Montoto. Tamén as orixes deste Josef son remotas. Eran os seus pais
Ignacio Caramés e María do Calbo, casados en 1766 na parroquia de San Pedro de
Rebón (actual concello de Moraña), da que ambos eran naturais. Pola súa parte,
Manuela González –tataraboa de Suárez Picallo, para situármonos– era de Osedo, onde
casa con Josef Caramés en 1794. Da mesma parroquia eran os seus pais, Antonio González
e Pasqua Gómez Montoto, fillo el de Francisco González e Antonia Gómez e filla
ela de don Pedro Montoto Pinello e María Gómez Suares. Estes últimos
ascendentes remotos dos Suárez Picallo casaran, tamén en Osedo, en 1735.
A avoa
materna dos irmáns Suárez Picallo, casada con Juan Picallo Caramés, foi Manuela
Martínez Regueira, natural da parroquia de Santo André de Carnoedo, inmediata
ao lugar de Beloi. Era filla de José Martínez, tamén de Carnoedo, e de
Francisca Regueira, de San Xián de Mondego. A esta avoa faría referenza Ramón
en relación coas andoriñas:
Mi abuela las cuidaba porque venían a hacer nido
en una solana que daba cara el sur o cara oriente y decía que eran “as galiñas
do Noso Señor”.6
Todos
estes nomes, oficios e procedencias terían, nalgunha medida, contribuído a
conformar a personalidade desbordante de Ramón Suárez Picallo.
_______________________________________
1. Libros
de rexistro de nacementos comprendidos entre os anos 1871 e 1917.
2. Libros
de casados das parroquias de Santa María de Sada (libros de 1779-1837 e
1837-1860), San Xián de Osedo (libro 1705-1853), San Pedro de Rebón (libro de 1741-1803)
e Santo André de Souto (libro 1785-1859).
3. “Semblanza y elogio de los pájaros de Galicia”,
conferencia na Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense de Buenos Aires.
Arquivo Sonoro de Galicia.
4. Ramón Suárez Picallo, o primeiro deputado da
emigración, Galicia en el mundo, Vigo,
2008.
5. “Evocación
infantil. Como conocí a Don Quijote”, El
Sur, Santiago de Chile, 05/03/1956.
6. “Semblanza
y elogio de los pájaros de Galicia”, conferencia na Cátedra de Cultura Galega
do Centro Lucense de Buenos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia.