CHILE: CADERNO DE BITÁCORA DUN INVASOR AMABLE1

Antonio Chaves Cuiñas
A Edmundo Moure Rojas

Suárez Picallo, Blanco Amor e Celso Garrido en Chile
Fotografía cedida por Lois Pérez Leira
Prosigo acumulando notas e bosquexos, deitándoos no meu caderno vermello, para mencionar, en calquera intre, feitos máxicos e radiantes confluencias neste enclave de mestizaxes, de prodixios e atractivos, que segue a ser para min Santiago… Unha tarde detívenme perante unha libraría de vello coa idea de repousar as miñas malladas pernas de camiñante en superficie, cando reparei nun libro e o seu autor: Chile a la Vista, e que o entrañable amigo Eduardo Blanco Amor (de quen conservo a súa derradeira carta) publicou en 1951 por medio da «Editorial del Pacífico», alcanzando dende entón varias edicións e revelándonos con el a súa agudeza psicolóxica… Narra Eduardo o seu encontro na capital chilena co seu amigo Ramón Suárez Picallo, que lle di: “Tienes que amar a este país… ¡Bendito sea él! Sólo aquí, después de haber trotado por tanta América, siente uno que se le curan las heridas, que la vida puede tener una secuencia y que aún hay salida para los callejones murados”… 
Chegado ao ecuador do soño da miña primeira viaxe transatlántica, que en terras chilenas adquiría certificado de certeza, tocaba reparar na nova cúpula celestial, como agradecido fillo das estrelas, para compartir co escritor galego Eduardo Blanco Amor aquela idea súa de que “las suscitaciones neurálgicas vienen, aquí y allí, de raíces iguales e invitan a responsabilidades paralelas“… Ecuador de tan abraiante estancia que por momentos fermentaba gratas sorpresas no meu corazón de neno despexado… Por aqueles días, tanto acontecemento inesperado foi precedido por un, desexado e agardado coa paciencia de quen sabe que non hai que amputar horas á medida do tempo que se precisa para comulgar coas querenzas, coas que aniñan no corazón, e que no meu caso foi o reencontro con Begoña… 

 Agora, residindo e respirando en terras da bautizada Nova Extremadura, e terras tamén, as situadas ao sur, que foron denominadas Nova Galicia, as terras de Chiloé, das que tanto fala o escritor Edmundo Moure Rojas, magnífico gardián de libros, mestura de luminoso chilenismo e fondo sentido da galeguidade. En Crónicas de la Emigración (4 de xuño de 2010), escribía Isaac Otero: Chiloé y Galicia. Confines mágicos, é o título que reloce no libro –non hai moito tempo presentado na Feira do Libro de Buenos Aires– que corresponde á autoría de Edmundo Moure Rojas. Editado polo Grupo de Comunicación de ‘Galicia en el Mundo’, colección ‘Crónicas de la Emigración’, Vigo, 2009, o presente ensaio maniféstanos a osmose antropolóxica entre dúas “fisterras” xeograficamente distanciadas, mais enchidas de paralelismos populares e fantásticos e afectivos: a vetusta Galicia atlántica e a Nova Galicia austral que e Chiloé ou ‘Chilhué’, topónimo coa semántica de “lugar de gaivotas”… 

 E tal que se Santiago estivese agardándome, como destino para cumprimentar o mosaico biográfico dun mapa sen fronteiras, nun inesquecible serán rokhiano, convidados por Patricia Tagle, déronse outras felices confluencias… Begoña e máis eu coñecemos a Edmundo Moure, do que algunhas cousas sabía por medio da súa obra. Nacido nesta cidade, é fillo de nai chilena e pai galego… Falounos longo da súa vida, e entrañablemente -con morriña e saudade- da súa avoa Elena, a que lle contaba historias dunha aldea lucense no mapa das súas orixes… falounos do día en que viaxou por vez primeira ata Galicia, para saber da terra dos seus devanceiros, e rememorou aquela primeira noite sen poder durmir por causa de tantas emocións, como as vividas na aperta prolongada cun parente do que o separaban incontables anos e máis de dez mil quilómetros, provocándolle bágoas de rosada, bágoas de orballo cando o vapor íntimo das lembranzas se condensa…
Retrato de Edmundo Moure (2015),
obra de Antonio Chaves, pintor galego
afincado en Chile

 Edmundo -gran coñecedor das literaturas galega e española-, exerceu de Presidente da Sociedad de Escritores de Chile no ano 1989, e de Director Cultural de Lar Gallego dende 1994. Pero, sobre todo, o chileno Edmundo exerce de galego universal, e con el cantamos a coro e cappella cancións da gran Rosalía de Castro, que os alí presentes, (na festa de Patricia Tagle, entrañable anfitrioa) escoitaron entre atónitos -pola sorpresa- e emocionados… Aos poucos días, o un de decembro de 2014, recibo un correo seu, convidándome a participar nun faladoiro aberto entre autores que se reúnen na sede da Sociedad de Escritores de Chile, co desexo de que os acompañe, o que farei acudindo á cita na Casa do Escritor, sita na rúa Almirante Simpson, nº7… Logo, visitas e encontros foron sucedéndose, multiplicándose… 

E así, segundo transcorren os días, semanas e meses, entendo e comprendo mellor ao meu amigo Eduardo Blanco Amor, que escribiu: “Quedé enfermo de Chile, contaminado de Chile; para mí no es un país sino un vicio“… Un Eduardo que ao chegar aquí atopouse con Ramón Suárez Picallo, como eu atopei ao meu amigo Edmundo Moure… Antes de iniciar a serie chilena de retratos «Colgados de Las Letras», dedicada a literatos destas terras, lanceime a realizar un do amigo Edmundo, que máis alá de colgado das letras e gardián de libros, é coleccionista de emocións e relatos que traspasan fronteiras… Retrato cunha breve dedicatoria: “Al tenedor de libros, amigo, compañero, y guardián de las esencias… A Edmundo… “. 

________________________________________
 1. “Invasor amable”: expresión acuñada por E. Moure para referirse ao pintor galego Antonio Chaves, hoxe afincado en Santiago de Chile, desenvolvendo o seu labor pictórico e investigador.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará