A DELEGACIÓN DE AS MARIÑAS DA SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL: DEZ ANOS ESTUDANDO, DIVULGANDO E DEFENDENDO O PATRIMONIO NATURAL DA COMARCA

Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural

Inauguración da exposición no IES Isaac Díaz Pardo o día da presentación da delegación de As Mariñas da SGHN en maio de 2005

Pódese pensar que dez anos para unha asociación son poucos, pero o que si sucede é que pasan moi axiña. Esta Delegación da SGHN naceu a partir dun grupo de persoas (algunhas delas socios da SGHN) que estaban unidos na idea de conservar de xeito eficaz as Brañas de Sada. No outono de 2004 celebrouse no auditorio das Cerámicas do Castro unha xornada sobre as Brañas, onde colaboraba ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia). De alí xurdiu un grupo de xente de Sada que empezou a reunirse e traballar para poñer en valor este humidal de orixe artificial. Ante a necesidade de organizarse nunha estrutura máis estable consultouse a posibilidade de integrarnos na SGHN creando unha delegación. Para moitos dos que estabamos neste nacemento a SGHN era un referente moi importante dentro do movemento ecoloxista-conservacionista galego. Ademais non nos decepcionaron xa que todo foron facilidades para establecer o noso grupo e, principalmente, os compañeiros da numerosa Delegación de Ferrol nos axudaron desinteresadamente.

Realizamos a nosa presentación formal montando unha exposición de parte dos fondos do Museo da Natureza que a Sociedade tiña e ten en Ferrol. Contamos cun local do IES Isaac Díaz Pardo e anunciamos a nosa delegación no salón de actos dese instituto en xuño de 2005 aínda que formalmente nos constituímos o 26 de agosto de 2005 na nosa primeira asemblea de delegación. 
Os nosos primeiros pasos encamiñáronse en dar a coñecer entre os veciños de Sada as súas Brañas. Por un lado facer divulgación para que se vira a necesidade da súa conservación eficaz e por outra demandar que fose declarado humidal protexido amparándose na Lei de conservación da natureza (Lei 9/2001, do 21 de agosto). Esta figura, naquel momento, semellaba a única figura eficaz para garantir a protección e conservación das Brañas de Sada. Inicialmente e con bastante éxito de difusión editamos un calendario de sobremesa con fotos das Brañas onde manifestabamos as nosas ideas de protección para as zonas húmidas (ano 2007) e posteriormente elaboramos un proxecto máis ambicioso que foi a edición de un DVD sobre as Brañas que puxemos á venda a finais de 2007. Este material audiovisual obrigounos ademais a realizar un esforzo de recompilación, organización e síntese de información sobre esta zona húmida. En anos posteriores conseguimos que científicos e técnicos accederan ás Brañas para estudalas e así complementar os datos que xa tiñamos polos nosos estudos de campo. Especial mención merecen os científicos do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraría – USC), algúns profesores da Escola de Arquitectura de A Coruña e participantes en cursos de verán da USC.


Foto aérea realizada dende unha avioneta que alugamos no 2007. Abaixo: Participantes na
saída á Serra do Careón en febreiro de 2014.

Ao fin resumimos a información da que dispoñiamos nun informe sobre As Brañas que entregamos aos partidos políticos de Sada no verán de 2011. Tamén solicitamos a inclusión das Brañas dentro da ampliación da Rede Natura que tiña pensado realizar a Xunta de Galicia, e que a día de hoxe aínda non está oficialmente publicada. Posteriormente detallamos aínda máis a nosa proposta de actuacións para As Brañas no artigo publicado no xornal Mariñán (marzo de 2014). Alí xa indicabamos que inicialmente temos que chegar á súa declaración como Espazo Natural de Interese Local, que tamén é unha figura de protección da Lei galega de conservación da natureza. 
En todos estes anos conseguimos poñer As Brañas de Sada “no mapa da conservación” a nivel provincial pero aínda non fomos quen de conseguir unha figura legal e eficaz de protección e conservación a longo prazo. 
Deixando aparte o tema deste humidal singular o resto das nosas actividades cumpren basicamente o lema da Sociedade Galega de Historia Natural: estudar e divulgar para conservar e defender o noso patrimonio natural. De todas as nosas accións divulgativas as máis coñecidas son as saídas guiadas na natureza onde buscamos distintas zonas da provincia da Coruña ou Galicia para dar a coñecer o noso patrimonio natural entre os cidadáns. Este traballo é moi importante xa que permite achegarse as zonas coa visión do naturalista, cousa que non se fai moitas veces cando se practica sendeirismo ou outras actividades no medio natural. 
Os cursiños de divulgación tamén forman parte da nosa actividade: debuxo e fotografía da natureza, compostaxe caseiro, identificación de aves invernantes, etc. Dentro deste apartado a estrela é a nosa xornada anual de cogomelos onde dende xa vai para sete anos contamos coa colaboración desinteresada do micólogo Antonio Díaz Núñez e que aproveitamos para dedicar á memoria do divulgador científico e veciño de Sada Juan Carlos Medal “Jaítos”. Cando a xente se ilusiona con cousas novas que aprende do medio, xa nos compensa todo o traballo realizado na organización. 
No apartado de estudo da natureza realizamos mostraxes de algas na Costa de Carnoedo e prospeccións de flora e fauna nas Brañas que aportaron novos datos sobre a biodiversidade destes espazos. Descubrimos poboacións de fieitos protexidos (Woodwardia radicans) na praia de Arnela na actualidade andamos realizando un estudo de mamíferos carnívoros medianos en colaboración co GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes) na nosa comarca. Tamén fixemos inmersións na ría de Sada para delimitar as zonas ocupadas polo zosteral (Zostera noltii e Zostera marina). Por suposto os nosos socios tamén colaboran no censo de aves invernantes que realiza anualmente a Sociedade Galega de Historia Natural. 
Pero tamén existe unha parte moi importante dentro da nosa delegación referida ás denuncias ambientais, escritos, alegacións e notas de prensa para denunciar problemas ambientais da comarca ou opoñerse a determinados proxectos promovidos polas distintas administracións. A lista sería moi longa pero un dos casos máis significativo foi a tala de ameneiros de gran porte e posterior recheo na zona das Brañas en contacto coa urbanización. Fixemos alegacións a moitos proxectos e plans: AVE por Bergondo, Vial de entrada en Sada polo túnel de Fontán, rutas aos Caneiros en Betanzos, PXOM de Sada, “rexeneración” da praia de Sada, etc. Nalgúns casos unimos forzas con outras organizacións (Hábitat, ADEGA, Rabo do Galo, Plataforma en Defensa da Ría, etc) xa que na delegación sempre tivemos claro que o mellor é traballar na mesma dirección que outras entidades. No ano 2012 promovemos unha recollida de sinaturas en Change.org para conseguir unha protección legal das Brañas de Sada. Dentro desta labor de defensa do medio está tamén a representación que temos en organizacións como a Asociación de Desenvolvemento Rural de As Mariñas-Betanzos ou o Grupo de Acción Costeira 2 Golfo Ártabro. 

Fotomontaxe da campaña de protesta en contra do Vial de acceso dende a Vía Ártabra en colaboración coa Plataforma na Defensa da Ría

Un feito moi importante para a nosa delegación foi a participación na creación da Fundación de Custodia do Territorio “Fragas do Mandeo” no 2010 na que a SGHN participa do seu padroado xunto con Hábitat e Rabo do Galo. Moitos dos socios da delegación traballan activamente nesta entidade de custodia, que trata de preservar e mellorar zonas de alto valor ambiental da comarca mediante a compra ou asinando convenios cos propietarios. Na Sociedade Galega de Historia Natural sempre temos presente que debemos realizar un traballo serio e consecuente. Este é o xeito de os cidadáns nos consideren necesarios para a defensa do medio ambiente e se acheguen a nós para participar das nosas actividades. Despois destes dez anos queremos seguir sendo un referente na defensa do medio na nosa comarca e para elo tamén empregamos os modernos medios de difusión como facebook (https://www. facebook.com/sghn.asmarinhas?pnref=lhc). 
Para celebrar este aniversario realizaremos unha exposición de paneis sobre As Brañas de Sada na Casa da Cultura de Sada do 13 de novembro ata a última semana de decembro. Na inauguración do día 13 o presidente da SGHN fará un repaso aos corenta e dous anos de vida desta entidade e posteriormente no mes de decembro realizaremos unha charla-mesa redonda sobre a conservación efectiva das Brañas.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará