VIDA MARIÑEIRA DE SADA. CONTRIBUCIÓN PARA UN ESTUDO LINGÜÍSTICO (V)

María do Carme Ríos Panisse
Publicado orixinalmente en Verba, nº 1, 1974: 181-232.

Outro grupo especial dentro dos oficios de pesca fano os aparellos de arrastre: 
n) A xábreja é unha rede que se utiliza tamén principalmente para a pesca da sardiña. Leva dúas pernadas, partes laterais e longas da rede, compostas de docena e casarete, que fan como un corredor polo que o peixe chega ó preseiro ou envasadoiro, lugar onde fica engaiolado. O envasadoiro é o equivalente ao cope dos outros aparellos de arrastre. Na beira superior da xábreja vai unha tralla de corcho e na inferior unha de plomo. As pernadas rematan en calóns. 
Para pescar coa xábreja sinalábanse con anterioridade os sitios onde se podía largar, para que neles non fondearan nin botaran escombro os barcos. Estes sitios chamábanse postas. Para largar amárrase en terra un chicote dunha corda dunhas 15 brazas e o barco vai describindo un semicírculo ao tempo que vai soltando a pernada da rede. Unha vez rodeado o peixe rastréase o aparello ata que o preseiro está preto da costa. Entón quítase a pesca cun troeiro. Ao rastrear o aparello hai que ter tento que as dúas pernadas vaian sempre á mesma altura para que non fuxa o peixe. 
ñ) Tamén para a pesca da sardiña úsase o boliche, aparello de arrastre que se leva en barquiñas pequenas. Ten pernadas, compostas de docena e casarete, boqueira ou entrada do cope, lugar onde fica o peixe e que remata na coroa. Ao redor da boqueira leva un reforzo de raíña. As pernadas terminan en calóns. O boliche leva na boqueira tralla de corcho con panas (cortizos cadrados) e tralla de plomo. Para a topar a pesca válense da ardoría, o jaldeo ou o mansío. Pódese pescar boliche desde terra ou desde barco. Desde terra faise como coa xábreja, e desde o barco lárgase un cabo que leva nun chicote unha pedra e noutro unha boia e logo faise o cerco. Se o peixe é volante, é dicir, está nas axadas da auga, péscase e hálase o aparello. Se é de fondo rastréase. Cando o cope está preto do courel do barco envásase o peixe. 
o) Para a pesca dos lirios, das pescadas e ata de jrilos e lagostas úsase o bou. É unha rede de arrastre que se compón dunha chea de pezas que consecutivamente son: as pernas, pezas equivalentes ás pernadas da xábreja, bocana, boca ou entrada do aparello, medias redes, janelón e cope no que leva normalmente un reforzo chamado mandil. Dentro do cope vai a fisja que é como un funil de rede para non deixar saír o peixe logo de atrapado. Para pescar con bou utilízanse barcos grandes a motor que tamén se chaman bous. O aparello cando é máis pequeno leva o nome de vaca así como o barco que o usa. 
Cando se chega ao sitio da pesca lárgase o aparello por barlovento comezando polo cope. O barco segue andando e colle toda a pesca que atopa no fondo (por iso este aparello está prohibido na ría). Cóbrase a rede e quítase o peixe, volvendo logo a largar. 
p) Outro aparello de arrastre é a parexa que se utiliza principalmente para a pesca da sardiña. É levado por dous barcos (semellantes aos bous ou ás vacas) chamados como o aparello, parexa. Divídese como o bou en pernas, bocana, janelón, cope (onde vai a fisja) e coroa ou remate do cope, de malla máis clara. A parexa leva unha tralla superior con flotadores, cortizos moi grandes ou bolas de vido, e unha tralla inferior de chumbo. Cando se chega a bo sitio para largar bótase o aparello comezando polo cope. Logo de rematar a operación pásase o cabo dunha perna ao outro barco (case sempre por medio dunha chalana que leva a bordo algún deles) e comezan a andar parellos os barcos aínda que levando algunha distancia entre os dous para que as pernas vaian ben separadas. Logo cóbrase o aparello izando cada embarcación polo seu lado ata que a rede pasa a un deles onde acaban de embarcalo. Para atopar a pesca utilizan o radar. 
q) Semellante ao bou é a patexeira, aparello duns 67 m de longo. Chámase tamén bou de man. Utilízase para a pesca do patexo. Lévase en lanchas chamadas lanchas do patexo. Hoxe este animal non se pesca por non ser rendible. A patexeira consta de pernadas, cope e coroa. Leva tralla de corcho e de plomo e as pernadas rematan en calóns. Bótase o cabo dunha pernada cun rizón e un bourel e vaise co outro estremo facendo cerco ata chegar ao primeiro cabo, logo rastréase coa rede e finalmente recóllese o aparello. O patexo era un abono moi cotizado polos labregos.
r)
Para o
rebalo utilízase a rapeta
da brava
. En realidade é unha mestura do
aparello de cerco co que arrastre. Está armado con
beta e ten
algo de
cope. Por riba ten tralla de corcho e por
baixo
pandullos, pedras colgadas de cabos que veñen a substituír
á
tralla de plomo. Usábase nas praias polo que tamén se chama rapeta da plaia. Lárgase facendo cerco e logo rastréase ata
terra. Os mariñeiros teñen que meterse no marta ata os xeonllos e turrar da
corda para rastrear o aparello mentres pisan a
tralla dos pandullos por fora da rede para que o peixe non fuxa por
baixo. Hoxe este aparello non se usa. 

Como a rapeta da brava é a
chamada simplemente
rapeta, aínda que moito menos usada. Lárgase no mar de
maneira semellante a como se larga a outra nas praias. 

Unha variedade de ambas
é a
rapetilla,
máis pequena e con
presea, cope
de tamaño moi reducido. 

s) Existen outros
aparellos de pesca de menor importancia que os ditos, feitos de rede, que son a
estallada,
o
estanco,
o
medio mundo, a naza, o troeiro, a saranda
e a tarralla

A estallada
é unha rede duns 200 m de longo por 8 m de alto.
Ármase nas enseadas cubrindo un semicírculo dun lado a outro da enseada. Está
montada sobre estacas e amarrada con rizóns pequenos. Cando devala o mar, os peixes
quedan nela atrapados. Úsase con preferencia para a pesca do muxo. 
O estanco é
unha rede moi semellante á anterior pero cun só pano. Colócase nas
desembocaduras dos
rajachos para que cando devale o mar fiquen os peixes
presos case en seco. O aparello vai chantado ás beiras do río por estacas. O
medio mundo utilízase para os peóns, xurelos, panchos e
semellantes. Está feito cun aro de ferro ou madeira no que se prende unha rede en
forma de bolsa. O aro leva tres cordas chamadas
ventos que
se atan a unha argola presa na punta dun pau que fai de mango do aparello. Úsase
desde terra ou desde un barco pequeno. Bótaselle engado para atraer o peixe e
métese na auga. O peixe vén chamado pola carnada e cando está dentro érguese
amodiño o
medio mundo e métese no barco coa pesca. Fanse logo os lances ou
caladas que
se queiran. 

A naza úsase para a pesca de lagostas, centolas e
semellantes. Consiste nunha caixa cilíndrica feita de vimbio ou táboas e
recuberta de rede. Tamén pode ser de ferro. Ten unha trampa no interior, que
deixa entrar o peixe pero non lle deixa saír. Esta trampa chámase
matadeiro.
Dentro da
naza ponse o engado que nete caso é carnada ou
encarnada,
é dicir, está feito 
con anacos de peixe, as máis das veces sardiña. Logo amárraselle un morto e déitase no fondo de xeito que o matadeiro fique dunha beira para que a pesca entre doadamente. A naza leva tamén unha boia para podela localizar. 
Un tipo de naza especial é a usada para as anguías e que ten a feitura dunha garrafa. 
O salabardo, troeiro, troel ou jañapán é unha rede pechada por baixo que vai atada a un aro de madeira ou ferro con mango de pau. Utilízase para envasar a pesca da rede ao barco. Tamén se usa para pillar nécoras e camaróns, aínda que só por nenos e xente con vagar. 
Para iso cóllese un pau ao que se lle amarra nunha punta carnada envolta en rede, logo asolágase o troeiro nunha poza das penas e vaise encaramelando ao animal ata el co engado do pau. 
A saranda é tamén unha rede cónica como o troeiro pero o seu aro non vai preso a un pau, senón que leva unha cordas a modo de ventos chamadas rabizas. Ten uso semellante ao troeiro. 
A tarralla é unha rede redonda que leva ao redor unha tralla circular con chumbos de onde saen catorce cabos que pasan pola argola que ten a rede nun burato cara o medio. Estes cabiños únense nunha corda que recolle o aparello. Cando está tendido debe ter unha lonxitude de 10 m, pechado, de 2 m. 
Úsase desde terra largándoo sobre o peixe, que vén chamado polo engado. Logo túrrase pola corda que amarra os cabiños pechándose así a rede que colle no medio o peixe. Baléirase e vólvese a largar.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *