REPUBLICANISMO: UNHA FERRAMENTA PARA O CAMBIO POLÍTICO

Roberto Novás Silva
Iván Rodriguez Iglesias
Daniel Piay Suárez

Vivimos nunha época na que as institucións políticas están desconectadas tanto da cidadanía como da economía. Por unha banda hai unha parte moi importante da poboación que non se sinte representada polas actuais institucións e polas persoas que as rexentan. Por outra as institucións para as que a cidadanía pode votar aos seus representantes están cada vez máis baleiras de contido, e as verdadeiras decisións tómanse en instancias antidemocráticas, alleas a toda elección e a calquera tipo de control por parte non só da cidadanía, senón dos propios estados. Estes dous aspectos son dúas caras da mesma moeda: como imos sentirnos representados por unhas institucións que na práctica non son máis ca teatros nos que non se decide nada importante? 
Neste artigo esbozaremos unha teoría que para nós pode axudar a resolver este problema. Unha teoría xurídico-política cunha longa tradición. O republicanismo é unha ferramenta para aumentar a participación política e o control democrático destes organismos a través dun novo concepto de liberdade, do que se deriva unha nova noción de cidadanía. Pero tamén unha ferramenta coa que recuperar a soberanía popular en sociedades abertas, plurais e democráticas. 
A LIBERDADE REPUBLICANA COMO NON-DOMINACIÓN 
Para presentar unha alternativa republicana partiremos dun concepto clave na tradición política: a liberdade. Servíronos da definición dada polo filósofo Isaiah Berlin, o cal estableceu unha división entre o que o que denominou liberdade positiva e liberdade negativa. Dita división servirá de alicerce para a nosa exposición. A liberdade positiva é entendida como aquela na que os axentes son quen de dominarse a si mesmos, procurando a independencia dun control exterior. Dita concepción relaciónase coa procura dunha maior participación nas institucións ou órganos democráticos -algo característico das teses comunitaristas-. Como veremos isto será fundamental na nosa proposta republicana, mais en ningún lugar debe subordinar o que será o eixo do debate: o ideal republicano de liberdade como non-dominación -tal e como a define Philip Pettit- e que tomaremos como columna vertebral da nosa tese1. 
A concepción negativa de liberdade será a propia da tradición liberal, sinónimo do ideal de non-interferencia. Ninguén debe interferir na miña actividade ou nas miñas eleccións, estas deben levarse a cabo independentemente a toda coerción ou intervención. Mais a alternativa republicana racha con esta dicotomía de liberdade positiva ou negativa, e postula o ideal de liberdade como non-dominación. O que se debe procurar é a emancipación e a ausencia de servidume; un exemplo ilustrativo sería a relación que se da entre o amo e o escravo, análogo ás relacións de clase, de xénero, da relación entre a metrópole coa colonia ou da institución cos seus representados. A proposta republicana pretende rachar con isto, con toda dominación existente e con toda interferencia de carácter arbitrario dun grupo -ou individuo- sobre outro. 
Debemos facer fincapé no termo arbitrario para poder diferenciar entre os conceptos de dominación e interferencia. Como republicanos e defensores do estado non excluiremos a posibilidade da intervención deste último, máis esta nunca debe ser arbitraria -tal e como se dá na relación entre o amo e o escravo-. Na proposta republicana hai interferencia, mais sen menoscabo da liberdade, xa que ó non ser arbitraria non implica dominación. As accións do estado estarán controladas polos intereses dos seus cidadáns e obedecerán ás inquedanzas e opinións destes últimos, estando toda acción aberta á crítica e á revisión. Debemos asegurarnos da ausencia de arbitrariedade na interferencia por parte do estado, esta nunca deberá obedecer ós intereses dun determinado individuo ou grupo. Deste xeito, seguindo a definición de Pettit de liberdade como non-dominación as leis -creadas e salvagardadas polas institucións públicas – serán as encargadas de protexer á cidadanía de calquera tipo de dominación, así como de toda interferencia arbitraria ou partidista. En definitiva, será do dereito de onde emanará a liberdade, entendéndoa sempre como non-dominación. 
A crítica ao modelo liberal tamén debe recoller unha crítica a súa noción de cidadanía2. A cidadanía liberal adoptará sempre -en maior ou menor grao- unha actitude defensiva ante o Estado e a esfera pública para protexer os seus dereitos e intereses particulares. Pola contra, o que a alternativa republicana busca é facer fincapé na cualidade do ser humano como cidadán, vinculado co Estado. Do compromiso deste coas institucións do estado republicano depende a súa liberdade, a súa emancipación e a súa non-dominación. Isto último tradúcese nunha cidadanía ligada aos ideais de autogoberno e de participación activa na comunidade política – como veremos a continuación-. Só así aseguraremos un estado e unhas institucións por e para os cidadáns; e un estado que salvagarde o seu pobo de toda dominación. 
OS DEREITOS DEPARTICIPACIÓN ACTIVA 
Existen pensadores que, dentro da familia republicana, consideran que a demanda de participación cidadá no modelo republicano revela a necesidade de articular ferramentas dentro da orde do estado para que o conxunto dos cidadáns exerzan o seu dereito a determinar as cuestións políticas. 
Isto non ten que substituír ó parlamento, tribunais e institucións representativas existentes nas repúblicas e é ben certo que os dereitos de participación activa poden variar, podendo limitarse a nivel local ou chegando a impoñerse a nivel nacional. Mediante a adopción de referendos e iniciativas populares vinculantes, así como a adquisición de mais competencias e relevancia por parte do poder local, poderiamos ampliar a acción política de base, chegando a poder falar incluso do conxunto de cidadáns como un órgano lexislativo novo e independente e así salvar o distanciamento do cidadán con respecto da competencia política. Isto último é o que se traduce actualmente en problemas de gobernación, representación e desconexión coa realidade social e as demandas populares. 
Temos que precisar que instrumentos como o referendo e as iniciativas populares vinculantes, así como o fortalecemento do poder local non serían pensables nin desexables sen pasos previos, un proceso de aprendizaxe que debe afectar tanto a cidadáns como ó parlamento e ó goberno, apuntando ó establecemento de órganos e ferramentas que aseguren o desenvolvemento de dereitos participativos que permitan a identificación dos membros da sociedade en torno a un ideal de ben común e de fortes metas colectivas, pero tamén capaz de presentar diversidade. Todo isto encerra unha oposición frontal ó concepto de suxeito que se manexa dende o liberalismo, onde prima a autonomía privada do individuo e o principio de que a integración e a preocupación social poden xurdir nun espazo de xogo independente ó estado para o exercicio da iniciativa dos particulares. 
Non se trata, con isto, de impoñer unha ditadura da maioría, aquí recae a necesidade de manter un órgano lexislativo de representantes que pasen por un filtro de proporcionalidade e tamén de discriminación positiva como baluarte para frear as posibles intencións de desarticular os dereitos sociais das minorías. De feito, no modelo liberal a suposta neutralidade en materia de intercambios comerciais pero tamén en torno a súa proclamada conformidade cos diversos estilos de vida persoais, tradúcese na difusión do que o propio sistema considera desexable (prímase o emprendemento individual, a competencia, a acumulación de bens, a dominación…) Un particularismo disfrazado de universalidade que, ó non recoñecer outras formas de constituír a identidade, o que fan é que os suxeitos pasen sutil mais forzosamente a caer na imposición. En semellantes condicións só podemos atoparnos con individuos desarraigados de este artificio. Do que deberiamos partir, é dunha educación cívica que nos permita contar con suxeitos situados na realidade das condicións que constitúen a orde na que viven, o que serviría ben para realizar a oposición mais axeitada á protección desmedida dos dereitos subxectivos de acción, da autonomía individual e do inmobilismo social. 

O ESTADO E CIDADANÍA NO REPUBLICANISMO: UNHA APROXIMACIÓN 
Podemos dicir sen dúbida algunha, que o paradigma republicano posúe como obxectivo principal o ideal de autogoberno; este debe ser entendido como algo dado na sociedade no seu conxunto. O principal problema o que nos enfrontaremos será determinar como podemos construír un suxeito unitario (isto é, como poder facer que o corpo social tome decisións de xeito harmónico no vinculante ó estado) 
Cómo sostén Jorge Alvarez Yagüez na súa obra Individuo, liberdade e comunidade: liberalismo e republicanismo, dous modos de entender a cidadanía, os conceptos clave que outorgan a identidade á democracia están sempre ligados ó Estado, á cidadanía e á sociedade civil. É precisamente neste contexto no que o republicanismo aparece como unha terceira vía que trata de superar -e integrar, dalgún xeito- paradigmas políticos clásicos como o liberalismo e o comunitarismo. 
Como xa dixemos con anterioridade, o concepto de non dominación será a pedra angular do contexto republicano, este, á súa vez, descansa sobre a construción dun estado forte e intervencionista que o faga posible, mais sen caer na dominación da vontade cidadá; este obxectivo só se verá cumprido na medida en que avancemos cara unha sociedade civicamente formada onde a educación sexa a que fortaleza o ideal de autogoberno. Neste sentido concibiremos o estado como condición de posibilidade da democracia no que o rol da cidadanía – sociedade civil- xogará un papel determinante no sostemento e desenvolvemento da mesma, sen pretender a socialización total da vida. 
Este será un punto fundamental no modelo republicano: o rol determinante da sociedade civil a través do que Pettit nomeou como “posibilidade de disputabilidade”, isto é, a capacidade de intervención por parte da cidadanía nas decisións de estado, posto que non haberá liberdade como non-dominación ata que sexamos conscientes dos nosos dereitos e deberes. Polo tanto, o fundamental da participación cívica deberá instituírse dende as institucións no pobo soberano, posto que o propio concepto de democracia está vinculada a unha loita por si mesma, permitindo deste xeito que a participación sexa unha práctica común que posibilite ó cidadán converterse en suxeito político. 
A teoría republicana é útil para entender a realidade política hoxe, e na praxe pódenos servir para diferentes cousas. Permítenos desenvolver unha linguaxe capaz de combater a lóxica liberal asumida maioritariamente pola sociedade. Aínda que esteamos traballando nun plano puramente formal e xurídico-político, e polo tanto ideolóxico, podemos asumir a linguaxe da non-dominación como un xeito máis próximo e atractivo de rebater os argumentos do liberalismo, cando por exemplo nos din que as relacións económicas sen mediación de ningún órgano estatal son libres fronte ás relacións políticas, sempre coercitivas e violentas. Se o noso fin é promover a liberdade como non-dominación entenderemos que a coerción, se non é arbitraria, pode estar xustificada, e os supostos tratos libres entre individuos agochan relacións sociais de dominación. A linguaxe liberal é incapaz de dar saída a demandas colectivas dos traballadores ou de calquera outro grupo social dominado, xa que estes na maioría dos casos non están sendo intervidos directamente por ningún patrón, aínda que si estean dominados. 
Entrando na cuestión do estado, o primeiro punto a tratar é en que medida beneficia o republicanismo ás reivindicacións igualitarias da esquerda. En Europa, a esquerda que acredita no goberno como unha ferramenta imprescindible e necesaria para a mudanza da UE e dos propios estados, está dando a batalla en termos de aumentar a intervención estatal, proteccionismo económico, e en definitiva, gañar a soberanía popular, que pasa necesariamente por recuperar a soberanía do estado fronte á Troika e os mercados. Na formulación republicana da democracia derivada do concepto de liberdade como non-dominación, este intervencionismo vólvese unha tarefa fundamental do estado para promover o seu fin. Se a liberdade consiste en que cadaquén poida vivir por un mesmo e sen ser servo de ninguén entendemos que é necesario que o estado converta en dereitos fundamentais as condicións materiais que garanten a subsistencia dun individuo. Esta tese podemos utilizala sen dificultades para formular unha alternativa anticapitalista afastada de autoritarismos ou de aberracións indefinidas no plano xurídico-político, como o foron as chamadas democracias populares ou democracias orgánicas. 
A tradición republicana enraíza, como xa vimos cos exemplos históricos, coa tradición socialista e é perfectamente compatible coas súas reivindicacións no plano do económico, tamén engade múltiples elementos no plano democrático aos que a tradición da esquerda por si soa é incapaz de chegar. Aínda que o propio Marx enmarcase o socialismo dentro da tradición republicana, os que seguimos a defender ese proxecto a día de hoxe sabemos que as economías con pretensión de ser socialistas non se asocian no imaxinario colectivo e na opinión pública con réximes democráticos. Isto é, simplemente, porque non o son nin o foron. O desenvolvemento histórico do que algúns quixeron chamar marxismo deu en réximes que, independentemente do económico, atentaron e atentan frontalmente contra as liberdades e dereitos dos individuos. Non existe por definición ningún réxime socialista no que non exista a pluralidade, as liberdades civís de expresión, reunión e prensa, disputabilidade do poder político por diferentes sectores da poboación con intereses confrontados, sufraxio universal e por suposto división de poderes. Estes aspectos formais danse xa nas democracias occidentais. O problema é que a clase dominante -aquela que fixo a Revolución francesa- chega un punto no que só pode limitarse a perpetuar o seu poder e as relacións de dominación que eles mesmos instauraron. 
Ademais, nun tempo no que a toma de decisións ten tan pouco que ver cos estados e tanto cos mercados e con institucións antidemocráticas de corte case absolutista, o debate sobre a forma xurídico-política do estado vóltase fundamental. Nun tempo no que o estado xa non é a unidade máxima de soberanía senón a mínima, falar de república dende a esquerda implica falar de recuperar a soberanía popular, non só da nosa nación emancipada do estado central senón do FMI, o BCE e a Comisión europea. A recuperación da toma de decisións por parte do estado é un primeiro paso cara a consecución da emancipación, e se queremos camiñar cara ela, esta recuperación terá que ser en chave republicana polos motivos antes dados. 
Polo tanto, somos nós, os que defendemos unha alternativa de esquerda, os que temos que tomar o relevo do proxecto democrático-radical porque somos os únicos que no século XXI podemos ser verdadeiramente consecuentes con el e levalo un paso máis alá, onde a democracia é tamén social e onde os dereitos teñen tamén implicacións materiais serias.



BIBLIOGRAFÍA
PEÑA,
Javier. (2000). La ciudadanía hoy:problemas y propuestas. Valladolid:
Universidad de Valladolid
PETIT,
Philip. (1997). Republicanismo. Una teoría sobre la libertad y el gobierno.
Barcelona: Paidós (pp. 78-111).
DOMÈNECH,
Antoni. (2004) . El eclipse de la fraternidad. Una revisión republicana de la
tradición socialista. Barcelona: Crítica
BERLIN,
Isaiah. (2005). Dos conceptos de libertad y otros escritos. Madrid: Alianza
Editorial
ÁLVAREZ
YÁGÜEZ, Jorge. (2000). Individuo, liberdade e comunidade: liberalismo e
republicanismo, dous modos de entender a cidadanía. A Coruña: Ludus
1.  
PETIT, Philip. (1997). Republicanismo. Una
teoría sobre la libertad y el gobierno. Barcelona: Paidós (pp. 78-111).
2.  PEÑA,
Javier. (2000). La ciudadanía hoy:problemas y propuestas. Valladolid:
Universidad de Valladolid

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *