RENACE A PRIMAVERA POR RIANXO. POEMA PARA ISAAC DÍA PARDO NO SEU PRIMEIRO CABODANO

Helena Villar Janeiro
Non veño aquí para negar a morte anque puidera,
pois sabermos que vós, que sodes grandes,
ides co resplandor na Alba de Gloria
[marcándonos camiño,
dinos ás claras que morrer é tránsito
para seguir na vida dando luz
aos nosos pasos torpes
que precisan guieiros.

Non veño aquí para negar a morte anque puidera,
porque a morte anda en vida
cos que camiñan tropezando en todo
canto de bo deixastes,
podrecendo o que tocan ou trafegan,
dirixindo os destinos dos que nos cremos libres
e cargando económicos misís
que sementan a terra de inmaduros cadáveres
ou fan da fame horror de caliveira.

Eu tan só veño a ti, a frecuentarte,
co fardo milenario que os poetas transportan
para que non desaparezan as palabras
luídas polo tempo e polo canto,
as palabras que en herdo nos deixastes.

Ademais de palabras,
veño traerche a ponla dun salqueiro
que anda na flor na benquerida Arousa,
o canto dunha rula madrugueira
que oín esta mañá,
e as rosas rianxeiras de xaneiro
últimas ou primeiras, que alí a rosa
pode vencer o tempo
como fixo Daniel,
como fas ti.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará