OS XOGOS FLORAIS

Xosé Anxo Seoane Cao

Os Xogos Florais instaurados na antiga Roma (Ludi Floreales) dedicados á deusa Flora, tiñan un carácter erótico e sensual que pouco tiñan que ver cos xogos florais instituídos posteriormente en 1324 na cidade de Toulouse (Francia), rexistrados en lingua provenzal. A través dunha carta circular, convocábase a todos os trobadores ou poetas a que comparecesen na cidade para recitaren os seus versos, prometéndolles que se outorgaría unha violeta de ouro a aquel que recitase os considerados mellores versos. En 1697, a Universidade de Santiago editou unha colección poética trilingüe (latín, castelán e galego) baixo o título de Festas Minervais coa que pretendía honrar a memoria de D. Alonso de Fonseca (Minerva, na mitoloxía romana, é a deusa da sabedoría, as artes, as técnicas de guerra, ademais de protectora de Roma e patroa dos artesáns). Nesa publicación aparecen 9 romances de 80 versos cada un escritos en lingua galega e que constitúen unha das mostras literarias cultas da nosa lingua no tempo dos Séculos Escuros. 
Os Xogos Florais de Barcelona instauráronse o primeiro domingo de maio de 1859 co lema de “Patri, Fides, Amor”, facendo así alusión aos tres premios máis importantes a conceder: a Flor Natural, ou premio de honra, outorgado ao mellor poema amoroso; a Rosa de ouro, ao mellor poema patriótico, e a Violeta de ouro e prata, ao mellor poema relixioso. Este certame poético tivo o apoio de amplos sectores da intelectualidade e da política catalá, o cal contribuíu enormemente a prestixiar a lingua e literatura catalá. 

Os primeiros Xogos Florais que se celebraron na Galicia contemporánea datan do 2 de xullo de 1861. Desenvolvéronse na cidade da Coruña. O seu promotor foi Antonio de la Iglesia (1822-1892, escritor e ensinante) e participaron na súa organización, entre outras persoas, Juana de Vega (1805-1872, condesa de Espoz e Mina) e Benito Vicetto (1824-1878, historiador ferrolán). 

O ano seguinte editouse, baixo o mecenado de Pascual López Cortón (avó de Xoán Vicente Viqueira Cortón) o Álbum de la caridad, primeira antoloxía da poesía galega, que debe o seu nome ao feito de que todos os beneficios económicos da publicación serían para o Padroado da Caridade. A compilación das obras fíxoa o propio Antonio de la Iglesia. 

Este Álbum marcará un fito esencial na historia da literatura galega por ser considerado a primeira antoloxía poética do Rexurdimento das nosas Letras. A obra recolle toda a información relativa ao desenvolvemento dos Xogos Florais, os traballos premiados no certame, a antoloxía poética denominada Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos, na que están representados, entre outros, insignes poetas como Aurelio Aguirre, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Nicomedes Pastor Díaz, Xoán Manuel Pintos e Eduardo Pondal. Por último, no apartado titulado Mención de otros autores, recóllense os nomes doutros moitos escritores da época sen obra no Álbum. 

Francisco Añón Paz (A Serra de Outes, 1812 – Madrid, 1878), é o autor do poema A Galicia, o único premiado escrito en galego. No seu momento este poema foi candidato a se converter en letra do himno galego. 

Ai, esperta, adorada Galicia, 
dese sono en que estás debruzada, 
do teu rico porvir a alborada 
polo Ceo enxergándose vai. 
Xa cantando os teus fillos te chaman, 
e cos brazos en cruz se espreguizan… 
¡Malpocados! O que eles cobizan 
é un bico dos labios da Nai. 
Dese chan venturoso arrincado 
pola man do meu negro destino, 
hastra mesmo soñando maxino 
eses campos risonos cruzar. 
E correr polas hortas e prados, 
onde leda pasou miña infancia, 
respirando a süave fragancia 
de xazmín, caravel, azahar. 

Coido ver esas rías serenas, 
escumando con barcos veleiros, 
e cantares oír feiticeiros, 
que en ningures tan doces oín. 
Inda creo sentir as labercas, 
que pineiran nos aires cantando, 
cando o sol vai as nubes pintando 
de amarelo, de lume e carmín. 

Ao través de aguzados penedos 
penso ver empinados petoutos, 
viñas, hortas, devesas e soutos, 
que apouvigan os ventos do Sul. 
E saltando regueiros e valos, 
cata xa outros bos horizontes, 
outras veigas, mariñas e montes, 
que se perden na brétema azul. 

Soño ahí que entre verdes pereiras 
fouliadas alegres escoito, 
cando o Ceo se reviste de loito 
nas poéticas noites do bran. 
E que en medio de nenas garridas 
canta un mozo con voz pracenteira, 
para o lado tumbada a monteira, 
unha orella tapando coa man. 

Eu soñei ver na cume do Pindo, 
adornados de mirto e loureiros, 
escritores poetas guerreiros, 
que sorrindo se daban a man. 
Eran eses os fillos mais caros, 
que da Patria aumentaron a gloria: 
os seus nomes nos fastos da historia 
con diamante grabados serán. 

E dimpois unha endrómena 
rara vin moverse con ágoa fervente, 
e silvando como unha serpente, 
como un lóstrogo os campos cruzou. 
Era aquel o porvir que xa soa 
e das probes aldeas fai vilas… 
¡Adiós cantos e Musas tranquilas! 
O imperio da industria empezou. 

Acordei… O meu soño dourado, 
como fume pasou de repente, 
e magoado o meu peito se sente 
de soidades e amor palpitar. 
Marmurei: -¡Adorada Galicia!… 
(E dos ollos chovíanme as bágoas). 
¡Quen pudera beber túas ágoas, 
e teus aires feliz respirar! 

De ti lonxe, querido corruncho, 
eu mirrándome estou de amargura, 
como a froita que vai xa madura, 
e entre silvas o vento guindou. 
¡Teño envidia da libre andoriña, 
que ahí chega por todos os maios! 
¡Teño envidia das nubes e raios, 
que o Sudeste a esas terras levou! 

A ti voa entre ardentes suspiros, 
sobre as trémulas alas do vento, 
a soidade do meu pensamento, 
que decote cravado está en ti. 
Por diversos países que eu vaia, 
ti serás miña doce memoria… 
¡Mesmo entrar non quixera na gloria 
sin primeiro pasar por ahí! 

Eduardo Pondal publicou o seu primeiro poema en galego, A campana de Anllóns, e Rosalía de Castro asinou o poema titulado Adios que eu voume (adios ríos, adios fontes…) poema que incluía unha estrofa suprimida logo na edición de Cantares Gallegos, en 1863. A dita estrofa é a seguinte: 

Por xiadas, por calores , 
desde qu´amañece ó día , 
dou á terra os meus sudores 
mais canto a terra cría todo… 
todo é dos señores. 

Xoán Manuel Pintos Villar (Pontevedra, 1811 – Vigo, 1876), considerado un dos Precursores do Rexurdimento literario, autor de A Gaita Gallega (1853), única obra súa publicada en vida, aparece tamén no Álbum de la Caridadco soneto acróstico QUE VIVA GALICIA. 

Os Xogos Florais da Coruña de 1861 abriron o camiño para outros que se desenvolveron en diversas localidades de Galicia: Pontevedra (agosto dese mesmo ano de 1861, posteriormente en 1880, 1882, 1884 e 1886), Santiago de Compostela en 1875, Ourense en 1876, Vigo en 1883 e Tui en 1891. Todos eles coincidiron no seu obxectivo básico: prestixiar a lingua galega. 

Os Xogos Florais celebrados no Teatro Principal de Tui o 24 de xuño de 1891, constituíron o primeiro acto público desenvuelto integramente en galego. Pretendíase prestixiar a lingua e a cultura galegas mediante un concurso literario no que os autores deberían presentar traballos inéditos escritos en galego, en calquera das súas formas dialectais, incluíndo o galego berciano e o da comarca do Eo-Navia. 

O xornal El Eco de Galicia, editado na Habana, daba cumprida información no seu número 472 (11 de xullo de 1891) de como o día 18 dese mesmo mes se reuniría “O Consistorio dos Xogos Florais”, composto por Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León, Alfredo Brañas e outras personalidades para xulgar as máis de cincuenta composicións presentadas. 

Ás tres da tarde do 24 de xullo de 1891 ergueuse o pano do Teatro Principal de Tui iniciándose así os Xogos. O daquela crego, Manuel Lago González (despois bispo de Tui) leu un discurso que iniciou recordando as palabras do poeta Francisco Añón: 

Ai, esperta, adourada Galicia 
dese sono en que estas debruzada: 
Do teu rico porvir a alborada. 
Pol-o ceu exergándose vai. 

Afirmou que con este acto a nobre lingua galega se presentaba por primeira vez nas públicas solemnidades por enriba do castelán. 

Despois, Manuel Murguía leu un discurso no que reivindicaba a lingua e a nacionalidade galegas: 

Léngoa distinta -di o aforismo político- acusa distinta nacionalidade. Digámo-l’o nós tamén, se nos compre con maor firmeza ainda, e poñamos de nós o que faga falla pra que sea para sempre esta léngoa en consonancia c’o noso espríto, e feita como ningun-ha outra, praespresiónd’un- ha literatura tan oposta ô geniod’a de Castilla como é esta que nós temos. 

A seguir, Salvador Cabeza de León, secretario dos Xogos, procedeu á lectura da memoria destes e a abrir os sobres que acreditaban os premiados: 

Coa “Rosa natural”, don Eladio Rodríguez, da Coruña, pola súa composición “DESPERTA”. Foi lida no acto por Alfredo Brañas. 

Coa “Rama de roble”, don Martín Diez Spuch, de Tui, pola composición, “O Derradeiro Trovador”, lida polo autor. 

Coa “Violeta de prata e ouro” don Juan Barcia Caballero, de Santiago. 

Con “Clavillo”, dona Filomena Dato Muruais, de Ourense, por la composición “O gaiteiro de Xixón” e don Urbano González, da Coruña, obtivo outro premio por unha comedia nun acto. 

Para rematar o acto, Alfredo Brañas, mantedor dos xogos, catedrático da Universidade de Santiago e un dos rexionalistas máis recoñecidos e populares, pronunciou un fervoroso discurso fortemente aplaudido polos asistentes: 

Todo esto xunto, siñores e siñoras, cega á miña vista, fire mainiña é amorosamente o meu corazón, excita á miña sensibilidade, cal si recebira una corrente voltaíca y-obrigame á excramarc’o pensamento posto en Dios y-o corazón n’a terra nativa: “Temos pátria, temos lenguaxe, temos fé…¡ estamos salvados!” 

Betanzos organizou os seus primeiros Xogos Florais no ano 1886, vinte e cinco anos despois dos celebrados na Coruña. O periódico local Las Mariñas, baixo o lema Patria, Fides, Amor e co obxectivo de promover as Letras Galegas, convocou este primeiro certame literario, que tería continuidade nos seguintes anos de 1887 e 1901. As propias bases dos Xogos fan constar que, en igualdade de condicións, preferiríanse os traballos escritos en lingua galega. Das oito modalidades de premios, en sete delas podían presentarse textos en galego ou en castelán, e nunha delas, “poesía dedicada á muller”, tería que estar escrita obrigatoriamente en galego. Entre os premiados figuran Enrique Labarta Pose e Eladio Rodríguez González. O acto de entrega de premios dos celebrados en 1901 estivo presidido por Martínez Salazar, estando presentes tamén Galo Salinas, Eugenio Carré e Manuel Lugrís Freire.

 Segundo a Doutora en Filoloxía, Concepción Delgado Corral, os terceiros Xogos Florais de Betanzos (1901) son a constatación do decaer do espírito galeguista provocado polos grupos culturais dominantes da localidade, e só compensado en parte pola presenza final de importantes galeguistas no xurado

Outros Xogos Florais betanceiros destacables foron os celebrados en 1918, dous anos despois da constitución das Irmandades da Fala. O organizador foi Francisco Vales Villamarí (Betanzos, 1891-1982, historiador, secretario perpetuo da Real Academia Galega e cronista oficial de Betanzos) e o presidente do xurado, Manuel Murguía. Algúns dos premiados foron Uxío Carré Aldao, Lois Peña Novo e Ángel del Castillo. 

Nos de 1946, tempo de prohibicións e censuras, o Premio de Honra e Flor Natural foille concedido ao poeta lugués Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2014, polo seu poema Nascida d´un sono. 


Ven aos meus versos como vas á feira, 
cantando e ríndo ao vento das Mariñas. 
Ven, puño de cerixascristaíñas, 
entra no meu soneto, betanceira! 

Como esborrexen pol-a carballeira 
as anduriñas tras das anduriñas, 
brinca, anduriña, pol-as rimas miñas 
cal te dou Dios, enteira e verdadeira. 

E xa feito de ti, louro e compreto 
cos iambos dos te pasos donaireiros, 
co lume dos teus ollos tan profundo, 

eu ceibaréi ao vento o meu soneto 
pra que o teu nome suba antr’os loureiros 
hastr’ás estrelas, prefumando o mundo! 

II 

Piséi a sombra viva dos guindeiros 
e pidinlle auga fresca. Pró a garrida 
doume unha auga tola i-acendida, 
i-empezóu a falar… Ai betanceiros, 

qué ollos aqueles, soles verdadeiros, 
duasespranzaspra unha sola vida! 
Qué ofrenda a porzolanarepolida 
das mans, feitas pra tronos ou mosteiros! 

I-aquel falar ardente cal non fora 
un despertar de melrossob a aurora 
i-aquel fuxir xogando d’anduriña! 
Cantade ao sol i-ao mar, porque podedes, 
vos os que arades i-os que tendes redes. 
Qué aguinaldo dou Dios aos da Mariña! 

III 

Variña d’avelairo, pra ti fora 
cativo o bronce i-a palabra escura. 
noiva a tecer damascos de ternura, 
nai, santa nai que canta cando chora! 

Nácech’o sol nos ollos a cadora, 
enterrouse en ti o sol hastr’ácentura! 
Boca pra un anxo, ai Deus, guinda madura! 
Ai Deus, surrisa aberta com’a aurora! 

Sal do poema xa, céibate á ría 
da Vida, corpo enteiro da alegría, 
pés voandeiros, corazón sin lixo! 

Así, sin versos, para qu’eu te queira, 
ti, nascida dun sono, betanceira, 
com’apermeira estrela que Dios fixo! 

Nos Xogos Florais de 1952 a temática obrigatoria foi a solemne e entusiasta louvanza do noso soado viño, ledo e xalgareteiro como unha muiñeira. Álvaro Cunqueiro foi o encargado de abrir o acto de entrega de premios deste certame, no que don Ramón Otero Pedrayo figuraba como mantedor. 
Don Ramón Otero Pedrayo (mantedor dos xogos) con Elena García-Sabell (raíña dos xogos) na Porta da Vila, Betanzos, en 1952. Aparecen franqueados polas danzas gremiais de mariñeiros e os alabardeiros da garda de honra.
A Universidade de Santiago de Compostela recuperou en 1953 as Festas Minervais. Dese xeito convocou un certame literario no que premiaba obras poéticas e narrativas en lingua galega. Precisamente esta denominación servirá para se referir a toda unha xeración de poetas das nosas Letras que asistiron á universidade e participaron nestas Festas Minervais. Entre outros destacan: Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Salvador García Bodaño, Arcadio López Casanova, Xosé Luís Franco Grande…

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *