O QUE LIMOS

Vanesa Santiago Vázquez

As
crónicas de Bran
Xosé Duncan Urco
Editora 2013, 2014, 2015 Este pasado marzo, logo de vinte e catro meses de
impaciente espera para os lectores, saía á luz o derradeiro volume dunha triloxía
de fantasía en galego que, baixo o epígrafe de
As crónicas de Bran, engloba os seguintes títulos: A revolta dos mestres (2013), A
porta de Annwn
(2014) e, finalmente,
O solpor dos deuses (2015). 

Aínda que non se trata de revelar
demasiado da trama (para iso debedes falar co seu autor, Xosé Duncan, que
estará encantado de atendervos en cuestión de
spóilers), si podemos sinalar
que a trama comeza con violencia, que non se escatima cando é necesaria,
mergullándonos de cheo nun mundo duro e hostil onde a loita para sobrevivir é
feroz. Certamente, non todos padecen o mesmo grao de dureza pois, coma en todas
partes, hai privilexiados, entre os que se conta a clase alta e ociosa da
dourada cidade de Elawei, escavada nas entrañas da Montaña Sagrada onde,
segundo se borboriña por aí, durme un dragón… Á cabeza da cidade está o
Forxador, cuxo fillo, Bran, será quen nos leve por terra, mar e, talvez, por
aire (non queremos desvelar demasiado) para darnos a coñecer todas as
circunstancias e intereses persoais (a maioría ocultos e que iremos coñecendo
aos poucos) que se confabulan para que o mundo no que vive se vexa sucado de
súpeto polo caos, nunha estudada partida de xadrez na que antigos deuses teñen
moito que perder. 


Será no segundo volume no que, a carón deste mundo poboado de
homes e mulleres rexos e forzas sobrenaturais, descubriremos que tamén aquí e
agora, no noso propio universo (alternando coa historia que segue o seu
percorrer no universo orixinal do Bran), ocorren cousas incribles que non
sempre temos á vista. A sombra do corvo sobrevoa as páxinas da triloxía sen dar
acougo para o repouso do principio ao fin, que promete ser devastador. 

As crónicas de Bran, que pode alardear de ser a primeira triloxía de
fantasía épica completa escrita e publicada na nosa lingua, ven acompañada,
para maior pracer da lectora ou o lector, con ilustracións que poñen rostro e
expresión a personaxes e ocorridos, saídas da tinta de Kaiser Wilhem -tamén
coñecido como Carlos Calviño- no primeiro volume e, recollendo a testemuña co
seu propio estilo, da man de José Ángel Ares no segundo e terceiro libro, e non
podemos rematar sen amentar a maxistral acabado das capas do libro, obra do
artista gráfico José María Picón. 

A editorial onde se pode atopar a triloxía, Contos
Estraños, aposta dende o seu nacemento por facer agromar na nosa literatura
autores de fantasía, terror e ciencia-ficción que abondan noutras coordenadas
literarias, e conseguiuno grazas ao proxecto da revista homónima –con acabado
de libro-,
Contos Estraños, que, publicada periodicamente dende 2011,
recolle relatos de autores e autoras do xénero inéditos, a maioría, ata
daquela. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *