Marisa Naveiro López

Imaxes da Ofrenda floral a Suárez Picallo no Fiunchedo
Na capela de San Roque preséntase o nº 9 da revista Areal, dedicado esta vez a Ramón Súarez Picallo. Escoitamos unha gravación do Arquivo Sonoro de Galicia da conferencia que impartiu falando dos paxaros de Galicia, conferencia de gran beleza que fainos estremecer oíndo a explicación da vida do carrizo, peizoco, peto, rula, pega, gaiolo, ou os paxaros de namorar como o pitorei, a laberca… e tantos outros, que non queda ningún sen nomear. Acompáñannos Antón Santamarina e Xosé Martínez-Romero, que sendo mozos coñeceron e trataron a Ramón Súarez Picallo na emigración e falan acerca da súa figura.
Presentación do nº 9 de Areal, con Antón Santamarina e Xosé Martínez-Romero
O nº 3 dos Cadernos de Estudos Xerais, leva por título “Impresións de Emilia Pardo Bazán sobre a Primeira Guerra Mundial”, con texto de Manuel González Prieto e Ricardo Axeitos Valiño. Preséntase na capela de San Roque o 28 de novembro de 2014.
En xaneiro unha representación da directiva achégase a Boisaca, onde ten lugar unha emotiva homenaxe a Isaac Díaz Pardo con motivo do seu III cabodano.

Presentación do caderno Mariñana, unha revista ilustrada na Sada de 1925, de Xesús Torres.
Na imaxe inferior, falando Eduardo García Prieto, fillo do director da revista, Eduardo García Ramos.
A Residencia de Persoas Maiores de Laraxe (Cabanas) está a acoller no fin de xaneiro a nosa exposición sobre os Irmáns Suárez Picallo. Con tal motivo, unha delegación da nosa asociación desprazouse ata alí para presentarlla a un grupo de residentes, que puideron escoitar ao noso socio, o historiador Manuel Pérez Lorenzo, falarlles das vidas dos dous irmáns, Ramón e Xohán Antón.
O 1º de febreiro na Casa da Cultura Pintor Lloréns, Xosé Abad presenta o seu documental A pegada dos avós, protagonizado por sete alumnos de secundaria que investigan pola súa conta o golpe de estado do 36, e no que participan entre outros Baltasar Garzón e Manolo Rivas. Xulia Lago, unha das protagonistas tamén está presente no acto, falándonos de como se levou a cabo a realización do filme.
Proxección do documental A pegada dos avós, en presenza do director, Xosé Abad, e de Xulia Lago, unha das protagonistas
“O Entroido en Sada: as comparsas Os Broas e Os Pequeniños” é o título do Caderno de Estudos Locais que fai xa o nº 16 e se publica con motivo destas festas do Entroido de 2015.
Xurxo Souto volve a visitarnos o 6 de marzo na capela de San Roque para presentar o seu novo libro Contos do mar de Irlanda, editado por Xerais. Os mariñeiros galegos vistos de cerca: “as cousas do mar non se contan na terra”. Fainos cantar a Cantiga de Periquete e outras máis. Rematamos nunha cea de confraternidade.
Xurxo Souto na presentación do seu libro
Contos do mar de Irlanda
Por último, o 9 de abril tivemos ocasión de escoitar na capela de San Roque ao escritor Xosé Neira Vilas presentando o seu libro Isaac Díaz Pardo: crónica dunha fecunda amizade, que edita Edicións Volanda, nun acto no que o autor de Memorias dun neno labrego analizou a súa relación co creador de Cerámicas do Castro. No acto, a A. C. Irmáns Suárez Picallo fíxolle entrega a D. Xosé, na súa primeira edición, do Premio Ramón Suárez Picallo, en recoñecemento ao seu traballo en prol da cultura e da lingua galega. No mesmo acto, a A. C. Irmáns Suárez Picallo repartiu un novo nº dos Cadernos de Estudos Locais, dedicado precisamente a Díaz Pardo no III aniversario da súa morte.
Xosé Neira Vilas presentando o seu libro Isaac Díaz Pardo: crónica dunha fecunda amizade.
Na imaxe superior, recibindo o Premio Ramón Suárez Picallo, de mans do escultor Valdi