GALEGOS DA EMIGRACIÓN ESQUECIDOS. EMILIO PITA: ESQUECIDO POETA, MUSICÓLOGO E MILITANTE GALEGUISTA

José Martínez-Romero Gandos
Agás a obra de José Ángel García López, Edición e estudo da obra poética de Emilio Pita, un volume que recolle o corpus lírico do polifacético intelectual, a súa biografía e análises críticas dos textos1, non atopei moitas outras referencias que permitan coñecer a quen fixera tan importantes contribucións á cultura e literatura galegas. 

Mais non é nas bibliotecas o sitio único e privilexiado para achegarse, coñecer e disfrutar da vida e obra de tantas mulleres e tantos homes que, dende a emigración, contribuíron ó desenvolvemento da nosa cultura. 

As xentes de Sada, coa súa incesante e magnífica obra de difusión da actuación de sadenses que emigraran, trouxeron o meu maxín a figura de Emilio Pita para que as novas xeracións puideran aproveitar do modelo da súa vida e obra. Non nacera Emilio en Sada senón na Coruña no 1909, emigrando moi novo a Bos Aires. Regresa á súa terra proclamada a II República para participar no Partido Galeguista. Neses dous anos de residencia (1933-1934) pasa tempadas na casa de Ramón Suárez Picallo. 

Non hai folganza neste breve período de residencia en Galicia. Nese tempo participa activamente na difusión do programa para o Estatuto, xunto a Castelao e Alonso Ríos. Redacta, asemade, o estatuto das Mocedades Galeguistas fundadas na Coruña logo de contactar con Xenaro Mariñas del Valle e outros galeguistas desa cidade (outono do 1933). 

En carta a Francisco Regueira (Bos Aires) de setembro de 1933 Ramón Suárez Picallo describe unha noite de cea na súa casa e di: “Tivemos pr-á ti e pr-á todol-os bós e xenerosos dáhi lembranzas garimosas.(…). Noite de revista xeneral a todos vos. Recordos iesperanzas” (na cea participaron Eduardo Blanco Amor, Emilio Pita, Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo).2 

Denantes de marchar, definitivamente, cara a vida na emigración no Río da Plata, Emilio Pita contacta e colabora co Partido Galeguista e colabora escribindo artigos para a revista Nós de Santiago e para Yunque de Lugo. Máis tarde colaborará no periódico El Despertar Gallego da Federación de Sociedades Gallegas da República Arxentina, na Revista Céltiga e tamén n’A Fouce, órgano da Sociedade Nacionalista Pondal, da que Pita foi Secretario de Actas dende a súa fundación en 1927. 

Nunha época moi difícil, tanto na Terra como na emigración, Pita soubo adquirir unha importante formación literaria e musical dun xeito autodidacta. A súa primeira obra importante foi Jacobusland publicada en 1942 con ilustracións de Castelao. Nesta importante obra da literatura galega Pita describe poeticamente a traxedia da Guerra Civil subliñando as súas inxustizas, a barbarie e as súas consecuencias, especialmente o exilio dos mellores. Para moitos expertos na literatura galega Jacobusland constitúe o máis claro antecedente á poesía social galega de posguerra. 

Nunha entrevista efectuada na Revista Galicia Emigrante, que dirixía Luís Seoane, dicia Emilio Pita: “Paso meses e ás veces anos sen poder escribir un poema; e unha mañanciña calquera, sinto a lidicia de ollar encol dos meus beizos a píldora dunha cántiga que me agromou de miragre, o mesmo que de miragre lle agromou dos beizos unha roseira de cinco rosas, ao morrer aquel vello monxe medieval, como se conta e se canta na lenda marial de Alfonso o Sabio. Toda a miña poesía é froito dunha emoción e dun sentimento. Emoción e sentimento da miña Terra. É “Jacobusland” onde arelo cantar liricamente a traxedia da súa escravitude. Emoción e sentimento da miña infancia é “Cantigas de nenos”; e sentimento da saudade son “Romances” e “Cantigas” dous libros inéditos xa terminados que agardo poder editar axiña… A miña poesía está consustanciada coa miña terra e toda a miña laboura poética está feita no idioma galego; cecais abuse un pouco da pura liña musical, pero é o que teño apegado aos ouvidos”3. 

Atopamos outras referencias ós encontros e amizade de Ramón Suárez Picallo e Emilio Pita. No ano 1959 o Centro Pontevedrés de Bos Aires, entidade da emigración moi activa na defensa e desenvolvemento da cultura galega, faille unha homenaxe a Emilio Pita na que falan Eduardo Blanco Amor e Ramón Suárez Picallo. 

Colaborou activamente coas entidades da Colectividade galega emigrada de sinalada importancia no desenvolvemento da cultura galega e no mantemento do noso idioma. Centro Galego, Centro Ourensán, Centro Pontevedrés, Centro Lucense, Federación de Sociedades Galegas foron institucións ás que Pita sempre achegaba aportes, especialmente na redacción dos seus periódicos ou coma xurado nos concursos literarios habituais neses tempos da emigración. 

Escribir sobre Emilio Pita produce en min unha ledicia inconmensurable pois unha parte da súa actuación como musicólogo relaciónase coa miña compañeira Pilar Jeremías Cela. Ela, xunto a Clotilde Iglesias (filla do lembrado Tacholas) e Doris Seco Cela conformaron, baixo a súa dirección un “trío musical” de lembrada actuación polos que, coma nós, aínda carretamos anos e historias que contar do activo desenvolvemento cultural da emigración no Río da Plata. 

Nos anos 50 do século pasado estas mozas concorrían todos os sábados, puntualmente ás dúas da tarde, á casa de Emilio Pita na rúa Santiago del Estero da cidade de Bos Aires. Pita recollera e harmonizara para elas cancións populares galegas. As tres mozas adolescentes gozaban da súa bonhomía e calidez e, certamente, das cancións e directivas musicais do Director. Actuaron por varios anos en case que todos os acontecementos festivos ou patrióticos da Colectividade Galega con éxito. 

Coñecín a Emilio Pita moitos anos máis tarde, mozos e mozas todos actuando na Asociación Arxentina de Fillos de Galegos. Aínda lográbamos que as tres “ninfas” (xa maduras) cantaran para nós algunhas desas cancións. Por algunha razón psicolóxica descoñecida para min aprendín, axiña, aquelas relacionadas coa infancia. Anos máis tarde, casamos a Pilar e mais eu e os nosos fillos gozaron do cantar desas cancións infantís tan belidas. 

Cantar, cantar, queridiños 
que o vento xa vai chegar 
a durmir naquela groba 
pola mañá acordar. 
(Cantiga de nenos) 

Mediado o século XX, claramente instalada ditadura franquista na terra, o labor dos intelectuais da época tornouse fundamental para manter a repulsa polo réxime. Mais cumpría formar novas xeracións. E nese labor de achegarse á mocidade colaboraron Ramón Suárez Picallo coa súa proverbial dispoñibilidade xa mencionada por min noutros artigos, Luis Seoane, Arturo Cuadrado, Alonso Ríos, Eduardo Blanco Amor e outros. Emilio Pita foi artífice e mantedor da AGUEA, Asociación Galega de Universitarios, Estudantes e Artistas e máis tarde da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos. Moitos de nós lembramos a nosa presenza nas xuntanzas no Café Armonía de Bos Aires escoitando a eses homes que considerabamos modelos a seguir na ideoloxía e na práctica dun galeguismo e republicanismo militante. 

Xa publicara, até esas datas, poemas recollidos no Cancioneiro da loita galega, editado en México en 1943 polo Partido Galeguista, o moi lembrado Cantigas de nenos (1944), Os relembros e As cantigas (1959). Os críticos expertos na literatura galega subliñan a especial relevancia que a música ten na análise e goce da poesía de Pita. Periodista, escritor e musicólogo, o seu coñecemento da música e as cantigas foi utilizado para evocar a infancia e a morriña pola terra nai. 

Amor pola música que o leva a fundar o cuarteto Ultreya, continuador do Coro Lembranzas de Ultreya fundado no 1932. Escribiu a parte dedicada á música e danza da Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo, traballando intensamente na investigación sobre música popular galega. 

O pasamento de Emilio Pita foi en Bos Aires o 7 de decembro do 1981. Con posterioridade á súa desaparición física as editoriais publicaron reedicións de obras da súa autoría: Polos camiños do pobo, reeditado no 1999 por Edicións do Castro, Vieiros de brétema reeditado por Espiral Maior no 2005 e Cantiga do mazarico, pola mesma editorial no 2010. 

__________________________
1. Edición: 21-7-2006 ISBN 978-84-837-622-9 – Pódese consultar tamén o vídeo do mesmo autor, publicado pola Universidade de Vigo http://www.yasni.info/ext. php?url=http%3A%2F%2Ftv.uvigo.es%2Fes%2Fvideo %2Fmm%2F4256.html&name=Emilio+Lopez+Pita& showads=1&lc=es-es&lg=es&rg=us&rip=es 13-7-2007. 
2. A carta foi enviada para a súa publicación pola A. C. Irmáns Suárez Picallo por Hernán Díaz (Bos Aires). Ramón Suárez Picallo a enviara desde Santiago de Compostela a Francisco Regueira, o seu amigo. Foi publicada, previamente, en Orientación Galega de xaneiro- febreiro de 1964. 
3. Revista Galicia Emigrante, nº 8, 1955, Editada polo Centro Galego de Bos Aires, dirección: Luis Seoane.
Partillar

One thought on “GALEGOS DA EMIGRACIÓN ESQUECIDOS. EMILIO PITA: ESQUECIDO POETA, MUSICÓLOGO E MILITANTE GALEGUISTA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *