Untitled Post

Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo                                              14 de abril de 2015
nº 10 – Sada


Chegamos, co presente número, á décima entrega de Areal, logo de 5 anos de traxectoria. 5 anos que son ben poucos se nos comparamos con outras publicacións, pero tempo abondo, desde logo, tendo en conta o traballo que hai detrás de cada unha das páxinas da revista. Unha labor, en todo caso, compartida. As funcións de maquetación, de xestión, de procura de financiamento, de interlocución… corren a cargo dos integrantes da A. C. Irmáns Suárez Picallo. Os textos e colaboracións gráficas débense, evidentemente, ao quefacer dos seus autores e autoras. E a materialidade mesma de Areal, o feito de que poida existir en papel e de que poida ser distribuída de forma gratuíta e cada vez con maior tirada e aceptación, é produto dunha parte do traballo diario das tres decenas de comerciantes e hostaleiros que a apoian coa súa publicidade.

Este número 10 da nosa revista cadra no tempo co 90 aniversario doutra publicación local: Mariñana, que viu luz na Sada de 1925-1926. Sirva a contracapa do exemplar que tes entre as mans como continuación da homenaxe que iniciamos en xaneiro, cando editamos un caderno da autoría de Xesús Torres cun documentado estudo sobre aquela revista sadense.

Co referente de Mariñana por bandeira, seguimos abertos a todo e a todos, tratando de dar a coñecer , os feitos, os ditos, as cousas e os saberes que son patrimonio dos que nos precederon e que non queremos esquecer, aparte doutras novas e acontecementos de actualidade inquedante. Namentres teñamos folgos, colaboradores, patrocinadores e lectores aquí estaremos como ata agora, preparando xa o seguinte número. E dicíndovos: “mil grazas por compartir esta experiencia connosco”.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *