AS “BAÑEIRAS”

Memoria de Sada
Vista da praia das Delicias, Sada, na década de 1950.
memoriadesada.com
Desde comezos do século XX e ata mediados da década de 1960 adoitaban vir, a finais do verán, as “bañeiras”. En Sada coñecíase con este nome ás mulleres que, procedentes de Guitiriz, Parga, Coirós, Aranga, Sobrado e outros pobos do interior, viñan tomar nove baños no mar coa intención de curar ou aliviar o reuma ou outras doenzas. Estes baños tiñan que ser consecutivos aínda que fixese frío ou chovese. 
Ao principio viñan en carros tirados por cabalos e, xa ao final, en vehículos motorizados dos cales, en ocasións, apeábanse en Betanzos e desde alí viñan camiñando. Ao chegar a A Ramalleira baixaban polo ribazo que daba á praia, xusto á beira da fonte do Curruncho. Hospedábanse en casas particulares, en faiados alugados onde, sobre palla e follas secas de millo tiradas no chan, durmían todas xuntas. Tiñan dereito a empregar as cociñas, xa que sempre traían os víveres necesarios para pasar os nove días. 

Bañábanse na praia das Delicias, preto das penas (lugar que se ve ao fondo da foto da páxina seguinte) utilizando ao principio, a xeito de bañador, unha especie de saial que consistía, a maior parte das veces, nun saco no que fixeran os buracos correspondentes para a cabeza e os brazos. Esta vestimenta para o baño foi evolucionando e ao final bañábanse cunha especie de enaguas ou camisóns mellor confeccionados. 

Agrupábanse ao fondo da praia, preto das rocas; para cambiarse de roupa formaban un corro tapándose con sabas ou toallas. Ao meterse no mar adoitaban gritar alborozadas ao ser golpeadas polas olas que lles levantaban o bañador, tendo que suxeitalo para non quedar espidas. Pola noite saían á rúa (na zona de A Ponte: rúa do Río, da Obra….) onde adoitaban hospedarse e facían festa cantando e tocando pandeiretas e conchas da praia. 

Aínda que a tradición aconsellaba tomar nove baños consecutivos, dentro das “bañeiras” había aquelas que (por razóns económicas ou porque os seus quefaceres non llo permitían e non podían quedar os nove días) dábanse tres ou catro baños diarios, ata completar os nove de rigor, e marchaban antes. 

Naqueles tempos podíase oír nesta vila unhas copliñas relacionadas con estas mulleres: 

As bañeiriñas no tempo do vran 
veñen a Sada bailar o cancán, 
veñen e veñen e veñen e van 
as bañeiriñas no tempo do vran. 

A continuación transcríbese o fragmento “As primeiras bañeiras” sacado do libro de Emilio Santos Cousas, contos, lembranzas da terra, do mar e da nosa xente:


AS PRIMEIRAS BAÑEIRAS

A comenzos do século e endonantes, viñan a Sada as bañeiras, nos primeiros días do vran, en perfecta ringleira en carruaxes tirados por cabalos. 
Viñan a tomar uns baños, en percura de facer ben o reumatismo e outros doores. 
Traguían con iles: ovos, xamón, chorizos, touciño e pan de millo ou centeo para nove días. Os baños tiñan que sere un após de outros, sin esquecer un, chovese ou fixera sol, nove días nove baños. 
Na casa do siñor Picos, e na de Paradela eran as pousadas das bañeiras, as cociñas eran pra todos. Pola noite, estraban palla ou folla de maínzo no chan e ían dormir todos xuntos. 
Na praia, non había casetas e, cando tiñan que poñerse espidas, xuntábanse unhas a outras e, cunha sáboa, tapándose namentras ían por o bañador que, a mais das vegadas, era un saco dos da fariña con tres buxeiros na cueira, o buxeiro da metá servía para meter a cabeza, e polos currunchos os brazos. Abofé era unha peza xeitosa e folgadiña. Algunha que era algo costureira, facíalle ao saco un ribete por tódalas veiras, duns coores chameantes. 
Pola noite, aturuxos, cónchegas, pandeiradas e adimais baile de organillo. Coas bañeiras, adeprendimos a beilar tódolos nenos daqueles tempos. Villalba, Guitiriz, Parga, Rábade, Sobrado, Aranga, Coirós e outros pobos era onde viñan. 
De Madrid tamen viñan, lémbrome dunha familia, co siñor a primeira ves que veu Sada dixo: 
¡Isto é un paradiso! 
¡Si Deus me da saúde, ei vir todos os años! 
Ansí foi, era Capitán da Garda do Rei, no Reximento de Alabardeiros e, deixou dir sendo Coronel do mesmo Reximento porque Deus o chamou. Pro a familia sigueu indo a mesma casa moitos anos mais. 
Lugo, León, Valladolid e Salamanca, souperon que no vran, había un pobo moi bonitiño que se chamaba Sada. 
Emilio Santos 
Cousas, contos, lembranzas da terra, do mar e da nosa xente, edición do autor, 1977. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *