ACCIÓN COLECTIVA NA EMIGRACIÓN. AS PRÁCTICAS SOCIETARIAS DOS SADENSES EN AMÉRICA

Manuel Pérez Lorenzo

Os emigrantes de Sada no continente ame-ricano dotáronse, ao longo do século XX, de toda unha serie de asociacións con diversas razóns de ser: recreativas e culturais (coa organización de bailes, concertos, conferencias, actuacións, coros e cadros teatrais, etc.), mutuais e benéficas (coa instauración de sistemas de seguros ou de mecanismos de apoio mutuo), ou mesmo político-ideolóxicas (coa acción proselitista para a difusión dun ou outro ideario, nomeadamente no marco da Guerra Civil). 
Lonxe de actuaren de costas á comunidade de orixe dos seus compoñentes, estas entidades terían en moitos casos por obxectivo acadar melloras nas condicións de vida dos veciños e veciñas. Con esta finalidade desenvolverán iniciativas de diversa índole: envíos puntuais de cartos para mitigar a fame, construción de infraestruturas, etc. Mais tamén procurarán incidir no seu desenvolvemento político e fomentar a introdución de organizacións e ideas. 
A EMIGRACIÓN TRANSOCEÁNICA EN SADA: UN PERFIL XERAL 
A América desprazouse desde Sada todo un continxente humano que procurou nas emerxentes urbes da outra beira do océano a prosperidade que lle era negada na terra nativa. De feito, o fenómeno migratorio é un dos aspectos que, con máis incidencia, caracteriza á sociedade sadense contemporánea. 
Logo dunha primeira etapa de emigración masiva a Cuba, nos primeiros anos do século XX New York converteuse no destino fundamental, seguido a bastante distancia por Buenos Aires e La Habana. No ano 1934, o 84% dos sadenses que residían na diáspora estaban establecidos na cidade norteamericana1. Ao respecto comenta Emilio González López que Sada era “a vila que máis emigración aportaba a Nova Yok e á súa área metropolitana”2. 
Períodos de gran fluxo migratorio foron os primeiros anos dez e os inmediatamente posteriores á II Guerra Mundial, cando se retoma o tráfico marítimo. Nos anos 20, as leis migratorias dos EEUU propiciarán unha certa caída, acrecentada logo da crise do 1929, que facía menos atractivos os destinos e propiciou unha substancial diminución no envío de divisas a Galicia desde América. A Guerra Civil motivará unha reactivación da emigración, tanto pola situación económica que xeraron as políticas do novo réxime como pola necesidade de moitos sadenses de fuxiren do Estado ante a persecución á que eran sometidos. En New York e Buenos Aires establecéronse a maior parte destes exiliados. Xa a partires dos anos 40 prodúcese unha diversificación dos países receptores de emigrantes, aos que se engaden Uruguay, Venezuela ou Brasil, ademais de apareceren os primeiros destinos europeos: Alemaña, Bélxica, Holanda, Francia, Suíza ou Inglaterra. 
Se as tipoloxías de emigrantes que se poden atopar son variadas, polo xeral pódese documentar un perfil predominante, sendo maioritariamente varóns3 novos, solteiros ou casados, con poucos recursos económicos e que en Galicia traballaban na agricultura ou no mar, mentres que nos lugares de destino, nomeadamente nos EEUU, empregaríanse polo xeral como fogoneiros en grandes embarcacións, estibadores nos portos, camareiros, albaneis, etc. Se ben hai algúns comerciantes, son a excepción. Bastantes conseguen progresar moderadamente, conseguindo algún pequeno capital que poder enviar á familia ou co que retornar e redimir foros, construír unha vivenda, mercar unha lancha para ir ao mar… Semellan ser porcentualmente poucos os que acadan unha posición económica desafogada: a imaxe do indiano rico ten escasa representación, fóra de casos contados. 
ASOCIACIÓNS SADENSES NA DIÁSPORA 
Este continxente emigratorio dotouse de diversas asociacións coas que satisfacer determinados fins. Ao longo do século XX, Sada contou con cando menos con media ducia de sociedades na diáspora, dúas radicadas nos EEUU, dúas na Arxentina e outras dúas en Cuba. 
No 1913 fundaríase en New York a sociedade Naturales del Ayuntamiento de Sada, que poucos anos despois modificaba o seu nome polo de Sociedad de Instrucción Hijos de Sada y sus Contornos. A súa finalidade principal, como deixaba en evidencia a denominación, era a de crear escolas en Sada, orientadas segundo avanzados preceptos pedagóxicos. Porén, a súa actividade en New York, como centro social da importante colonia sadense alí radicada, será moi significativa, coa organización de actividades recreativas e deportivas. 
A Sociedad de Instrucción Hijos de Sada y sus Contornos foi, probablemente, a asociación local máis importante das constituídas polos galegos en New York, tanto pola súa actividade continuada e estable, que se prolongou ata os anos 70, como polas súas positivas achegas para a comunidade local4. Tamén en New York, segundo Peña Saavedra5, tería existido unha sociedade denominada Unidos de Sada, da que non temos máis referenzas e da que descoñecemos a súa data de fundación. Na Habana, pola súa banda, tamén existiu, desde o ano 1913, unha Sociedad de Instrucción y Recreo Naturales de Sada y sus Contornos6, constituída coa finalidade de crear escolas na vila, e que tería sido o xerme da Sada y sus Contornos neoiorquina, como comenta un dos seus fundadores, o oleirense Juan Arévalo Vieytes: 
Corría el año 1913. Un grupo de humildes marinos hijos de la villa de Sada, Coruña, que a la sazón navegábamos en los vapores “Sobrinos de Herrera”, en la Habana, lanzamos la idea de crear una Sociedad de Instrucción y Recreo a fin de fundar una escuela en Sada. Recuerdo fue en una mesa del café “Universo”, en los muelles de Luz. Un domingo por la noche celebramos la primera reunión en la que fue acordada su creación. Y para acoger en ella como asociados a los que no fueran de Sada, se bautizó con el nombre de “Sada y sus Contornos”. 

Transcurren los años: y aun que en la Habana poco o nada se hizo, la idea es recogida, cariñosamente, por los sadenses radicados en Nueva York.7 
Unha vez desaparecida a primitiva sociedade cubana, no ano 1918 estableceríase en La Habana unha delegación da sociedade Sada y sus Contornos de New York8. 
Por último, en Buenos Aires fundaríase no 1919 a sociedade Unidos de Sada9, que mantería unha importante actividade de tipo recreativo e cultural, vinculada en diferentes etapas ao sadense Ramón Suárez Picallo, que era socio fundador e actuou como directivo. Nos anos 40 participará na creación da Comisión pro-Relaciones entre Sociedades del Partido de Betanzos, da que formará parte10. Décadas despois, xa no 1974, con Unidos de Sada inactiva, os residentes do concello e dalgunhas parroquias limítrofes como Lubre e Ouces (Bergondo), decidiron crear o Centro Español Sada y sus Contornos, en homenaxe á sociedade homónima neoiorquina. Baixo a presidencia de Manuel Couzo Bermúdez chegou a aglutinar a 2500 socios11. Hoxe é a única asociación activa de sadenses na diáspora. 
ACTIVIDADE RECREATIVA, MUTUAL E BENÉFICA 
Todas estas asociacións mantiñan un programa de actividades destinado a manter os lazos da comunidade local de procedencia proxectada no lugar de destino e a facilitar a integración dos que ían chegando. 
Será frecuente a organización de festivais, normalmente cun programa musical no que se podían intercalar monólogos cómicos, recitacións de poemas, etc., e que adoitaba concluír cun baile ata altas horas da madrugada. A bonaerense Unidos de Sada adoitaba realizar este tipo de eventos, habitualmente no salón do colectivo italiano Unione e Benevolenza: 
En los salones de la “Unione e Benevolenza”, Cangallo 1362, celebrará esta Sociedad, el 15 del actual su IX concierto, cuyo programa publicamos a continuación: 
1 Orquesta: “Maruxa”, fantasía de Vives. 
2 “O Parvo” (diálogo), de Rogelio R. Díaz. 
3 “Aires Bohemios”, de Sarasate, “Danzas Ciganas”, de Nachz, por el violinista Sr. B. Likman, del Conservatorio de Casa de Galicia. 
4 “A Nenita”, de Lens Viera, “Canción del Olvido”, de Serrano, romanzas por el señor Américo Lozano. 
5 “Audición de Guitarra”, por el profesor Jesús González, de la Academia Escuela “Tárrega”. 
6 “O galo negro”, de Cabanillas, “A Virxen do cristal”, de C. Enríquez, por el excelente recitador Emilio Estévez. 
7 “Te quiero”, (jota) de J. Arista, “Granada mía”, de J. Moreno, “Doña Francisquita”, de Vives, por el notable tenor Abelardo Ferreyra Casariego, acompañado por la señorita E. Ferreyra Casariego. 
8 “Pastoril”, de J. Dicenta, “Fiesta Gallega”, de S. Dreu, recitados por la señorita Zulema Sánchez. 
9 “Canciones Españolas”, por la celebrada coupletista “La Sevillita” del Teatro de la Comedia. 
10 “Concierto” por la rondalla “Bretón” que forma parte de la compañía del Teatro Argentino, dirigida por el profesor señor José Rodas. 
Gran baile familiar, orquesta Majestic.12 
Noutras ocasións reproducíanse celebracións locais adaptadas ao contexto urbano da emigración. Unidos de Sada celebraba cada agosto as festas patronais, como reflicte esta nota de 1921: 
[…] la sociedad Unidos de Sada celebró el sábado 30 de julio una velada artística seguida de baile, interesante fiesta con que la comisión directiva de esta joven sociedad ha querido adherirse al júbilo con que la villa natal celebra las fiestas patronales de agosto. El interesante y nutrido programa fue ejecutado con una corrección encomiable, gracias a la diligente atención de los miembros de la junta mencionada, que han dado a sus convecinos en la emigración una noche que reeditaba la franca alegría con que celebra sus fiestas la inolvidada villa de la ría […].13 
O 16 de agosto do 1930 celebrábase unha velada semellante, contando coa participación do sadense Ramón Suárez Picallo, que deleitaba ao auditorio cunha “Evocación emocional de las fiestas de agosto en la villa de Sada”14. O xenial orador relataba, punto por punto, os diferentes elementos do programa festivo na vila natal, recalcando a amargura que se agocha baixo tanta ledicia, a causa do drama omnipresente da emigración; a mágoa dos que están por todos os que faltan: 

20º aniversario da sociedade Sada y sus Contornos en New York (1934). Fotografía cedida por Jesús Castro

Alrededor de la mesa patriarcal, cubierta como un altar por el mantel de blancura eucarística, toman asiento todos. ¿Todos? No. Por cada uno de nosotros hay un lugar que nadie ocupa. Sobre él caen todas las miradas y los pensamientos. Y casi siempre la exquisitez de los manjares halla la boca amargada por una lágrima. Ingente lágrima, salobre como el mar que nos separa…

Conclúe despois a súa disertación cunha dedicatoria emocionada que incide novamente no drama da separación:

A Sada y a las Mariñas. A sus labriegos y a sus pescadores, y a cuantos, en esta noche, den albergue a nuestro espíritu en el rincón de los recuerdos queridos.
As sociedades de New York tamén realizaban festivais desta índole, se cabe con maior motivo, dado que moitos socios non falaban inglés e, polo tanto, só podían participar das actividades de ocio da colectividade, como único medio de sociabilización. De cotío, Sada y sus Contornos sumaba unha segunda finalidade á do mero entretemento: a realización de colectas destinadas a sumar fondos para diferentes fins benéficos. No 1925 Sada y sus Contornos e o club Coruña organizaban unha festa en beneficio do Sanatorio de Oza (Coruña) e das escolas de Sada, recadando a cantidade de 1.120 $ e no 1929 a asociación sadense e a Unión Cultural Bueu, Beluso y sus Contornos organizaban un festival no New York Palm Garden “a beneficio da infancia, pro-instrución e protección”15.

Tanto nos EEUU como na Arxentina, realizábanse tamén festivais con motivo de diferentes conmemoracións (o 25 de xullo, o 12 de outubro…) xa organizando actos particulares, xa participando dos programados por outras asociacións de maior entidade. Era común a celebración da data de fundación das sociedades, cun festival ou un banquete16. Noutra liña, tamén era frecuente a realización doutras actividades lúdicas, como picnics, romarías, etc. Non faltaban as actividades deportivas, e a sociedade Sada y sus Contornos mesmo tivo varios equipos de fútbol vinculados a ela: o xuvenil El Sada, o Sada y sus Contornos, que existía nos anos 20, e o Sada F. C., a finais dos 30 17.

Un dos fins máis importantes destas asociacións era o mutual, facendo fincapé na unión dos integrantes para acadar determinados fins e para a protección dos emigrados, dotándoos de medios para manexarse con máis facilidade nos difíciles contextos das grandes urbes americanas. Unidos de Sada, no seu programa de actuación, confeccionado por Ramón Suárez Picallo no ano 1925, inclúe a intención de “proteger al inmigrante, orientándolo y apoyándolo”18, e pola súa parte, Sada y sus Contornos, nun manifesto ao pobo de Sada no 1927, comentaba a súa actuación, afirmando “que miró por los emigrados sadenses y que los repatrió cuando fue necesario”19.

1. Datos de N. Pérez Rey e C. García-Rodeja: “Mulleres galegas na emigración: das Mariñas a Nova York”, en H. González e Mª. X. Lama: Actas do VII Congreso In-ternacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da peninsula. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003, Ed. de, Ediciós do Castro, AIEG, Sada, 2007.

2.. Castelao, propagandista da República en Norteamérica, Ediciós do Castro, Sada, 2000.

3. Conforme avance o século incrementarase o número de mulleres emigradas.

4. Sobre esta sociedade existe un amplo traballo, obra do actual director das escolas de “Sada y sus Contornos”, Miguel Gayoso: 1928-2008. Sada y sus Contornos. 80 aniversario da escola, Deputación Provincial da Coruña, A Coruña, 2008.

5. Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. La impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia, 2 vols., Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.

6. Ibid. Peña Saavedra denomínaa simplemente Naturales de Sada.

7. Arévalo, J.: “Sada y sus Contornos. La obre educativa de los emigrados”, Eco de Galicia, La Habana, 02/1931.

8. El Eco de Galicia, La Habana, 04/07/1920.

9. Nun comezo denominábase Conterráneos de Sada (El Correo de Galicia, Buenos Aires, 19/10/1919).

10. Integraban esta comisión, aparte de Unidos de Sada, as sociedades Oza dos Ríos, Casa de Coirós, Hijos de Ois, Residentes de Cesuras e o Centro Betanzos, compartindo, ademais, un mesmo local no 1660 da rúa México (X. Torres Regueiro: “O Centro Betanzos de Bos Aires: Cen anos de vida 1905-2005”, Anuario Brigantino, nº 27, Betanzos, 2004).

11. M. Pérez Lorenzo: Entrevista con Manuel Couzo, Mariñán, Sada, 08/2011.

12. El Heraldo de Galicia, Buenos Aires, 09/08/1925.

13. El Correo de Galicia, Buenos Aires, 07/08/1921.

14. A transcrición mecanografada está depositada no Fondo Ramón Suárez Picallo do Arquivo da RAG.

15. Gayoso Barreiro, op. cit.

16. Sada y sus Contornos celebrou o seu vixésimo aniversario o 14 de outubro do 1933 cun gran banquete presidido polas bandeiras estadounidense e da República española.

17. González López, op. cit.

18. Mariñana, Sada, 01/06/1925.

19. Sociedad de Instrucción y Recreo Naturales de Sada y sus Contornos: “Manifiesto. Al pueblo de Sada”, New York, 04/1927 (Fondo documental de Jesús Castro Vidal)

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará