A TI CHE FALO

Vanesa Santiago Vázquez
A ti che falo, muller atormentada,
malia que non sei o teu nome de pía;
a ti, que fuches maltratada e malferida,
e en arrastrado verme convertida;
onde fuxiches, esmagada e vencida?

Oculta estás, nas capas constrinxida
dunha crisálide pequena, e protexida
dos rumores esperpénticos, falaces,
das voces das pantasmas reprimidas.
Ese refuxio teu abre ao fin, ninfa,
e estende as ás flexibles e brillantes
que en ti nacen, que veñen de agromarche,
capaces de elevarte sobre o mundo
poboado de inimigos iracundos
e cruzar por riba descoñecido océano
de augas turbias e veleiros quedos.
Alza o voo, sacude todo medo,
descubre terras antes nunca vistas
polos teus propios ollos antes nenos.
Baixo o lucente sol, ondulan pradarías
de bolboretas cheas, onde o arco da vella
tende a arqueada luz, e treme a herba;
pois do vento, tenro alento a paisaxe
suca, e pulsa coidadoso as estreadas ás
da túa recuperada e ansiosa liberdade,
tocando músicas que os parvos non escoitan
porque están demasiado ocupados
esmagando ás eirugas.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *