A FEIRA DE ED‐MUNDO SAGRADA MEMORIA

Edmundo Moure Rojas
“Mientras aquí en América comienza a declinar el otoño dorado…
en el Viejo Continente agroman, para florecer, las madreselvas, las
albahacas, las zarzas silvestres y los jugosos abedules…¡Dulce primavera,
vieja y remota amiga de la juventud esperanzada!…”
(Ramón Suárez Picallo, abril de1944)
É venres pola tarde, neste temperado agosto invernal. Traballo na casa coas crónicas que Ramón Suárez Picallo escribira en Santiago de Chile, entre 1941 e 1957, primeiro no xornal La Opinión, logo no diario La Hora, onde a súa constante labor xornalística estenderíase por máis dunha década… Desde a sala chéganme os acordes da gaita que toca o meu fillo Xosé María, novato gaiteiro de trece anos, secundado polo seu profesor de música, o asturiano Andrés Soberón… Son agora as seis da tarde – medianoche en Galicia– e aproveito para escoitar o noticiario de Radio Galega –milagre virtual, sen dúbida, oír aquí as voces que atravesan, intactas, trece mil quilómetros que nos separan (Confeso que suspendo a transmisión cando comezan eses interminables “programas deportivos”, cacofonías sobre o “vicio futboleiro”, abafante epidemia planetaria).

Ao redor de tres mil cariñas integran a colosal tarefa xornalística desenvolvida en Chile por Ramón Suárez Picallo, un dos máis fecundos galeguistas transterrados en Sudamérica. Nacido en Sada, A Coruña, o 4 de novembro de 1889, pescador, vendedor de doces, peón de farmacia, cobrador e repartidor de artigos de goma, poeta, xornalista, maduro estudante de leis no exilio, orador, conferenciante, conversador notable, deputado pola II República Española, organizador de entidades como Galeuzca, que unía os soños libertarios de Galicia, Euzkadi e Cataluña cando só era posible articulalos en terras americanas…

Os máis diversos temas entrelázanse en “La Feira do Mundo”, nome da súa columna diaria baixo o pseudónimo de Pick Up… Algúns títulos: El Presidente de las Cortes Republicanas Españolas”, “Los jueves, pescado”, “Potaje de bacalao”, “García Sanchiz en Compostela”, “Churchill en Niágara Falls”, “De Madrid a La Coruña”, “Coruñeses y británicos”, “Basilio Alvarez, el sacerdote agitador”, “Don Antonio Maura y Montaner”, “La casa de la Troya”, “Meus neniños”… O estilo de Suárez Picallo é coloquial: escribe como conversa, segundo quen lle coñeceron en Chile, entre eles Eduardo Blanco Amor e Manuel Celso Garrido. A súa prosa flúe, torrencial, matizada por constante ironía; a miúdo denuncia, satiriza, apostila como un especialista de variados tópicos; así mesmo, asume con notable perspicacia a realidade chilena, usos, teimas e costumes dos seus habitantes, proveñan de raíz popular, da “clase media” ou de sectores acomodados. Coñecedor do mundo cultural, Pick Up falaranos de escritores e pintores chilenos de nota, entre os que destaca Augusto D’Halmar, un namorado de Compostela, amigo entrañable de Blanco Amor…

Edmundo Moure dedicándolle exemplares do volume La feria del mundo a Xosé Neira Vilas e Avelino Pousa Antelo. Sada, 2008.

Debo ler coidadosamente, para corrixir fallas de grafía atribuíbles ao xornal, e erros de dixitación, culpa de inadvertidas secretarias…
Tamén é preciso escribir notas ao pé de páxina, porque hai palabras, modismos, ditos e terminoloxías que o lector contemporáneo, sexa chileno, arxentino ou galego, dificilmente asumirá nunha primeira lectura… Se non existen escritos seus en lingua nai, nada máis galego que o seu discurso fiado aquí, no sur do mundo, coa alma orientada á súa pequena Sada natal e as esenciais motivacións da súa patria atlántica…

En conversacións co poeta Luis Tosar, con Manuel Suárez e Luís Menéndez; en cartas con Carlos Penelas e Xavier Alcalá, coincidimos na necesidade imperiosa de estruturar a memoria da emigración, cuxa tarefa emprenderon e abordado “sectorialmente” autores como Xosé Neira Vilas –separadamente dos xa mencionados–, Isaac Otero e outros que non recordo agora…
Parte de tal labor é a próxima edición do libro Chile a la vista, que reúne as crónicas de Blanco Amor escritas nesta fisterra. Pero falta engarzar un traballo conxunto de maior alcance e proxección. Para iso, sería preciso contar con apoios institucionais máis amplos e decididos… Fai uns meses dinme á tarefa de escribir a diversas entidades de Galicia, propoñendo a publicación das crónicas de Suárez Picallo, cuxo conxunto comprendería uns tres volumes similares aos que se editaron coa obra de dona Emilia Pardo Bazán. Escribín ao Consello da Cultura Galega, ao Consello de Emigración e Cooperación Exterior, á Deputación da Coruña… Fóra dun par de sucintas notas de “boa crianza”, nada concreto…

Mentres tanto, sigo co meu traballo… A recompilación íntegra das crónicas, impulsada e dirixida pola doutora Carmen Norambuena, levou preto de cinco anos de procura en arquivos da hemeroteca –Biblioteca Nacional de Chile– e outras fontes. Só falta concluír a revisión final e ordenar comentarios e glosas. Non perdo as esperanzas de ver esta labor dignamente impresa, como o merece o esquecido fillo pródigo de Sada… Unha vella porfía aliméntame, feita doutras voces antigas, como ese lume petrucial que os nosos antepasados non deixaban apagarse na lareira, porque no seu ígneo corazón vivía a alma da tribo, a sagrada memoria da estirpe.

(Artigo escrito en Santiago de Chile
hai unha década, vixente hoxe)
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *