María do Carme Ríos Panisse
Publicado orixinalmente en Verba, nº 1, 1974: 181-232.
e) Para a raia sobre todo, aínda que tamén se utiliza para o rodaballo, frillo e langosta, úsase a raeira, rede rectangular con tralla de plomo e corcho. Nos cabeceiros leva calóns e arinque, corda que vai atada por un chicote, ou estremo, a un bourel, especie de boia de corcho que leva derriba algo indicador (un trapo de cor forte, un ramallo de loureiro, etc.). O arinque vai amarrado polo chicote inferior a un morto. Téndese preto da costa e déixase hasta que enmalle o peixe, logo cóbrase ou recóllese, depéscase e vólvese a largar. Lévase en lanchas, pois as veces alcanza un gran tamaño por amecerse varias raeiras. Pode levar pandullos no lugar dos chombos.
Se a raeira é pequena, chámase esmillo.
f) Para a pescada, besugo, cazón, badeixo e semellantes, emprégase unha rede rectangular de 40 a 50 m. de largo por 6 m. de alto con malla de 12 cm. chamada volanta. Normalmente utilízanse varias volantas amecidas. Todo o aparello xunto chega a alcanzar 2000m.
Leva tralla de corcho e pedreira. Téndese coma o xeito pero é de fondo. Leva uns cantos boureles para que se vexa a posición da rede. Ten cabeceiro recto. Lévase este aparello en barcos a motor, coma os bous e as vacas, que se chaman volanteiras, probablemente por traballar na volanta.
Lárgase a volanta en fondo profundo, pano por pano e para que non derrame, é dicir non se esparrame nin se rompa, lárgase e hálase cun carrete que está na popa.
g) Para o cóngaro, besugo, faneca e outros, utilízase o trasmallo, rede rectangular de tres panos chamados mallotes, colocados cada un sobre dos outros. Ten uns 40 m. de largo por 2 de alto. Leva tralla de corcho e plomo que as veces pode ser pandulleira. Leva tamén pés de jallo e arinques nos cabeceiros.
Lárgase e déixase soa durante certo tempo, pois o peixe queda nas bolsas que fai a auga nos tres panos. Cóbrase despois, quítaselle o peixe e téndese de novo.
h) Para o lenguado utilízase sobre todo o millo, rede rectangular con tres panos coma o trasmallo, pero coa malla máis clara. Úsase coma o trasmallo.
Dentro dos oficios de pesca fan un grupo especial os que se practican con aparellos de cerco:
i) Un destes aparellos de cerco moi empregado é a traíña. A rede remata nos cabeceiros tamén chamados enxajes, roedoiros ou raedoiros. Na tralla de plomo leva pés de jallo con arandelas polas que pasa a xareta. A traíña é un aparello duns 125 m. por 18 m. cunha malla de 8 a 12 mm. Leva tres panos rematados con rapé. Úsase desde hai moito tempo. Os mariñeiros van ao mar con dúas ou tres lanchas chamadas traineras (dunhas doce bancadas, vinte remos e corenta homes) ou en barcos da traíña de tamaño meirande.
Úsase sobre todo para a pesca da sardiña. Para pescar con traíña descóbrese o peixe pola ardoría, polo mansío ou ben polo jaldeo. O jaldeo é un enjado ou enjoado (isco) especial para as sardiñas que consiste en raba, ovos de pescada ou bacalao moídos con salvado, que se bota ao redor dunha boia. Tamén se usa como enjado o mazacote ou mazajote, sardiñas desfeitas, usadas tamén para o ollomol.
Despois de chegar ao banco de sardiñas lárgase o aparello. Nun cabeceiro vai un bourel con algo rechamante para que se vexa de lonxe. O barco navega ao redor do banco de sardiñas facendo o cerco ata chegar ao bourel de novo. Non fondea senón que vai fiando, é dicir utilizando o remo de xeito que faga dar volta rápida a embarcación. Logo tírase da xareta, cerrando a rede por baixo, operación que se chama chavear. A rede queda coma unha bolsa formando o copo ou envase onde vai parar o peixe despois de embalado cunha chumbada para que non fuxa pola quilla. Hálase a rede a bordo e sácase dela o peixe con troeiros para envasalo na pana da lancha.
Fig. 19: traíña
j) Unha arte de pesca desaparecida ao remate do século pasado foi o cedazo, aínda recordado polos mariñeiros máis vellos que entón estaban na infancia. Semellábase á traíña pero era meirande e necesitaba de moitos homes para ser largado. Ía en lanchas grandes, que levaban a bordo algunha chalana para axudar a facer o cerco. Ademais acompañaban á lancha outras embarcacións de tamaño intermedio, unhas para localizar o banco, outras para axudar a largar, etc. Por iso os cedazos eran poucos e equivalían a sociedades. Na ría da Coruña recordan os cedazos chamados ferro e marisán. Hoxe desapareceu polo gran número de homes e de embarcacións que precisaba.
O aparello largábase facendo un cerco completo e amarrábase ao fondo con rizóns e patexas. Deixábase así durante varios días. Baleirábase diariamente con troeiros desde barquiñas pequenas.
k) Unha das redes máis usadas en Sada é a tarrafa. Emprégase sobre todo para a pesca de sardiña. É un aparello de cerco que vai amarrado de pezas chamadas coarteladas ou copes dunhas 400 mallas e 100 m. de largo, unidas entre si polo liñó. Unha tarrafa pequena ten unhas corenta pezas, chegando a alcanzar as normais setenta.
De arriba a abaixo ten: a tralla de corcho, un rapé, despois un pano, logo unha raíña, un novo rapé e a tralla de plomo. Na tralla de plomo cada cinco brazas leva uns ventos ou pés de jallo cunhas argolas polas que pasa a chave. Nos cabeceiros do aparello van normalmente as cúas e as pancillas. A tralla leva unhas culebras para halar o aparello.
A tarrafa vai en barcos grandes a motor, e segundo o tamaño do barco pódese chamar tarrafeiras ou barcos de tarrafa e tarrafillas. Lévase tamén unha barquiña pequena para axudar
o cerco.
Búscase a pesca, faise o cerco e cópase a rede por baixo tirando da xareta que fai pechar e formar o copo, onde está a pesca. Entón quítase esta con troeiro.
Cando era o tempo da costeira da sardiña, é dicir, cando a sardiña viña cerca da costa, era entes esta a única época do ano na que o mariñeiro traballaba a xornal. Hoxe con este aparello vaise o xornal todo o ano.
l) Outro aparello semellante á tarrafa pero con malla máis ficheira é a mocarteira ou bocarteira. Úsase para o mocarte.
m) Entre as redes de cerco usadas para pescar sardiñas fáltanos por citar o racú, aparello con dúas seccións horizontais coma a tarrafa, á que se asemella moito, aínda que é de menor tamaño pois só ten de 25 a 30 brazas de altura mentres que a tarrafa ten de 40 a 70. Lévase en barcas pequenas como son as chalanas, botes ou bucetas. Polo demais é igual que a tarrafa.
Muy interesante