SUÁREZ PICALLO NO 1º CONGRESO DA EMIGRACIÓN GALEGA

Antón Santamarina
O 2 de xaneiro de 1956, en sesión especial, acorda o Consello de Galiza de Buenos Aires darlle vida ao sentir manifestado por Castelao de, no momento propicio, solemnizar o centenario do banquete patriótico levado a cabo nunha carballeira de Conxo (2-III-1856) por estudantes e mais obreiros do rego e do ladrillo; conxunto humano fundamental para o rexurdimento da conciencia política dunha Galiza que non daba espertado do seu sono.

A evocación de tal evento tivo lugar en Buenos Aires do 24 ao 31 de Xullo de 1956 no “1º Congreso da emigración Galega”. A el asiste, convocado, dende o exilio galego en Chile, o “irmán Ramón Suárez Picallo”, quen participa na «Comisión E, punto C, inciso b» co relatorio “Posición e significado espiritual e cultural do mutualismo galego na emigración».

Escoitemos o que del nos di Alberte Vilanova Rodríguez, exiliado en Buenos Aires, na biografía múltiple «Los Gallegos en la Argentina, tomo II, páxinas 1354 a 1359», que traduzo e limito a parágrafos ilustrativos da personalidade sobresaínte do nosoadmirado don…

RAMÓN SUÁREZ PICALLO
(A voz da emigración galega da Arxentina)

Ningún título nos parece máis exacto para configurarmos a estampa de Suárez Picallo. Orador por antonomasia e coñecedor, como poucos, do vivir humilde da emigración galega, e tamén da dramática existencia do labrego e mais do mariñeiro, a constituíren o maior continxente da interminábel diáspora da nosa xente… puña na súa palabra acendida e vehemente como relato vívido, colosalmente realista, os estragos morais e materiais que consumiron o mellor da rapazada nosa, pero tamén sabedor das súas causas, situaba sempre a carón delas os grandes remedios que podían atallar aquela enfermidade social. Por todo iso, doenza, coñecemento, maila clara expresión para manifestalo, explican a súa meteórica carreira política, e mesmo universitaria, ao pouco de chegar a Galiza en 1931.

Dúas imaxes de Suárez Picallo no Congreso da Emigración. Arriba: Ramón lendo o poema de Paz Andrade “Cando ti volvas polo mare”. Fotografías cedidas por Antón Santamarina.

Sorprendido en Madrid pola guerra [in] civil, actuou no corpo xurídico militar republicano. Terminada a contenda, pasou a Francia, de aí a Estados Unidos, Santo Domingo, de novo Estados Unidos para fixar definitivamente a súa residencia en Santiago de Chile onde exerceu o xornalismo durante 16 anos seguidos.

En 1954 vén a Buenos Aires a participar nun gran acto dedicado a conmemorar o aniversario do plebiscito estatuario galego, sendo acollida a presenza del con extraordinario agarimo polos seus vellos amigos e compatriotas. Volto a Chile, retorna a Buenos Aires en 1956 para asistir como delegado ao congreso antes mencionado tomando parte en varios actos e radícase definitivamente na Capital arxentina.  Intégrase dende a súa fundación no “Consello de Galiza”, tomando parte en infinidade de actos patrióticos.

En 1959 o “Centro Lucense” encárgalle a dirección da “Cátedra de Cultura Galega”, na cal traballa activamente á vez que desempeña a secretaría de redacción do periódico “Lugo” e actúa como asesor cultural de tan importante sociedade.

Non se limitou a súa actividade a Buenos Aires, pois era solicitado en diferentes puntos da República Arxentina, así como en Montevideo, converténdose máis de unha vez en orador obrigado de actos culturais ou patrióticos exclusivos programados en ámbalas beiras do Río da Prata.

Suárez Picallo no Congreso da Emigración. Homenaxeando a Castelao e a Bernardino Rivadavia, e asistindo a unha das sesións. Fotografías cedidas por Antón Santamarina e Ramón Tenreiro Suárez
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *