REFLEXIÓNS LOGO DO REFERENDO ESCOCÉS

Manuel Lugrís Rodríguez
O tantas veces visualizado acto de asinar o acordo de celebración do referendo sobre a independencia da vella e céltica Alba, entre o Premier británico e o presidente de Escocia, quizais sorprendía polo sorriso do inglés; como se denotara un momento de profunda compracencia por aquel feito, que era proxectado ao mundo mediático como exemplo dun clima de “fair play” deportivo, levado ao ámbito político dentro da máis prodixiosa e aberta formulación de xogo democrático libre de trasteiras ideolóxicas e de segundas intencións. Mais todo semella que era, realmente, un arteiro e intencionado artificio do británico que pretendía matar dous paxaros dun tiro con aquel acordo: por unha banda deixaba sen argumentos negativos ao crecente nacionalismo escocés e, pola outra, un trunfo do “non” amplo, contundente e por unha folgada marxe de votos, pechaba definitivamente a cuestión independentista e lle concedía unha aureola de grande estadista, necesaria para manter, internamente, o xogo político no seu propio partido. Mais, as cousas non foron como estaban programadas. A medida que transcorría a campaña de propaganda da consulta, a opción do “Yes” medraba en detrimento do voto negativo. O medo asentábase en todos os estamentos, tanto ingleses coma europeos. O tinglado poderíase vir abaixo. Esquecido aquel axioma dos fundadores do Mercado Común, aló pola década dos cincuenta do pasado século: de que non xuntaban países senón que xuntaban persoas, fora substituído polo de unir estados. A pavoría estaba instalada de súpeto nos dirixentes dos diversos membros da UE. Os agoiros máis negros eran amosados a diario nos medios de comunicación ao servizo dos seus intereses, as ameazas de graves problemas para a cidadanía, o terror como forma de mensaxe para os votantes… E chegou o día e, o resultado do referendo foi moito mais axustado do previsto e deixou partida a cidadanía escocesa en dous sectores liderados polo si e polo non, así como una obrigada promesa de “máis autonomía” e unhas ascendentes tensións que se derivan no interior do Reino Unido, como consecuencias que non eran as esperadas. Mais, como é a análise posterior desde o noso pais? Cómo resulta a afectación dos acontecementos de Escocia de cara á Galicia?” E necesario facer unha simple reflexión, lonxe de paralelismos e de consideracións espurias e de especulacións introspectivas.

Hai unha escena no film de Joshua Logan “Paint your wagon” que nos nosos cines traduciron, como de costume en bárbara resolución, como “La leyenda de la ciudad sin nombre”, na que o actor Lee Marvin, cun fardelo ao lombo, camiña a rentes dunha multidume de xentes, buscadores de ouro, que abandonan a cidade logo de esgotárense as vetas e os dourados filóns e, polo tanto, de esvaecérense os seus soños de fortuna. Un amigo dille que está a pensar de que existen dúas clases de xentes: as que marchan e as que quedan. Ao que o personaxe interpretado por Marvin, retruca que el non está de acordo, e que hai dúas clases de xentes, as que saben onde van e as que non o saben. Como o seu interlocutor di non entender, engade: “Porque non sabes de que demos estou a falar” E remata: “Son un excidadán de ningures.”

Interesante diálogo cinematográfico que fago meu no intre de analizar certos aspectos da vida cotiá do noso contorno e das nosas xentes. Galicia é un país de “Ningures”. Un país no que os seus cidadáns fan acto de fe patriótica a cada paso, no que proclaman o seu orgullo de seren o que son, é dicir galegos, e do que fan continua presenza de amor, dilección, mais dun xeito absolutamente folclórico, superficial, mesmo frívolo e que non suxire, xamais, un plantexamento serio de futuro. Como o protagonista da nosa introdución, semellan ser habitantes dun país de ningunha parte, un país anónimo, sen nome como a cidade da lenda, territorio amorfo, afónico, vacuo ou mesmo ocluído no tempo e no espazo. En resumo, un pobo con febles compromisos e con escaso sentido das responsabilidades.

Con este panorama, o lento proceso de concienciación nacional que xa vai para case dous séculos, está practicamente paralizado. O corpo político do nacionalismo, crebado por absurdas liortas internas, atópase en constante estado de confusión, a cabalo de ilóxicas e disparatadas alianzas con forzas antagónicas, de personalismos incomprensibles e de saturacións doutrinarias
e teorizantes, alleas as máis das veces, ao propio cerne da cuestión nacional que nos atinxe. Con este cadro clínico, o enfermo, é dicir a sucesión causal identitaria da que estamos a falar, fai gala do seu padecemento crónico que podemos resumir en dúas situacións: enquistamento nun isolado corpo de elite política e discurso foráneo, ao común popular, que fica estantío nesa especie de aristocracia nacionalista que non é quen de integrarse na linguaxe da xente corrente.
Ramón Suárez Picallo falando nun mitin a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia, en xuño de 1936. Fotografía cedida por Lois Pérez Leira.

Galicia, os galegos, namentres, seguen o seu camiño identificados nese excidadán de ningures que, seguramente, está entre os que non saben onde van. Como aqueles buscadores de ouro que marchan sen rumbo e sen ouro, baldeiros de metas tanxibles, orfos de referencias, de propósitos, ideas e ilusións. Sen saber que eles tamén existen e que poden acadar, o mesmo cos demais, con soamente propoñelo; que teñen dentro de seu a forza activa do home coma proxección temporal de arelas, ansias ou, mesmo, de obxectivos nacionais, tan lexítimos como os de calquera outro pobo. Neste contexto nos chega a nova do referendo escocés. Este referendo que trastoca a política territorial da Unión Europea e que é, consciente ou inconscientemente, facho de sinal para todos os países sen estado. O resultado é o de menos. Axustado, nun 55% a 45%, será en calquera caso mención permanente de posibilismo, de verosimilitude na mente colectiva destas nacións. Córcega, Flandes, Galicia, e outros máis son retos de futuro que xa non ocultarán en Bruxelas. Desde este 18 de setembro, hai unha nova interpretación da problemática rexional dos estados europeos e nada, nin ninguén, poderán frear as razoables aspiracións destes territorios que, desde hai séculos están inseridos nunha división xeográfica que eles non escolleron e froito de históricos procesos alleos, sempre, ao seu sentir. A división estatal da Europa de hoxe é consecuencia directa de antigas articulacións dinásticas e guerras entre reinos. E dicir: Europa está estruturada baixo unha orixe de segmentación semifeudal que non se corresponde, en absoluto, coa realidade presente e que é, no mais profundo do sentimento e pensar de moitos europeos, o que provoca esta colisión de intereses e de aspiracións. Por todo isto os galegos non podemos seguir a ser excidadáns. Temos que acadar niveis de competencia humana homologada á de cataláns, escoceses e bascos, por nomear algúns destes colectivos que cuestionan a su pertenza oficial e que constitúen un valor de futuro para a verdadeira revolución da nova estrutura de Europa, a Europa dos Pobos e non dos Estados artificiais do pasado que aínda están a concerta-la Unión. E necesario un largacío investimento ideolóxico, profundo, que afecte todo o espectro humano da poboación. Ese investimento ten de articularse a traveso de expresións políticas propias en compromiso de alegato, con prantexamentos serios do tempo vindeiro e de implicación no proceso de cambio que debe ser de fondo discurso europeísta, pondo en valor a nosa identidade de pobo e a sinonimia de nación cos outros países do noso contorno cultural e xeográfico. Esa especie de transformación da cultura política do común das xentes é, quizais, o traballo mais salientable que deberán asumir esas expresións políticas propias, no tempo próximo que nos tocará vivir dentro do, tantas veces nomeado, proceso identitario e de manumisión.

O futuro é este. Estamos xa nun certo futuro e non podemos perder o seu tren de novo. E temos de interpretar a nosa obriga en termos de responsabilidade colectiva que non podemos nin debemos obviar. Estamos a xogármonos unha forma de vida e un estado de virtude política ao que non é posible renunciar e debemos levar o camiño iniciado hai dous séculos ao seu remate final.

Termos de responsabilidade que implican unha mobilización cívica e unha entrega, individual e colectiva, á construción de futuro que nos atinxe como compromiso de comprender obrigas e tarefas irrenunciables. Posicións de defensa das prioridades propias como praxe de labor analítico en todos os eidos da vida, dende o benestar xeral até os aspectos mais precisos como a educación, a sanidade, a vida laboral, o estado pasivo…, todo o conxunto da convivencia cívica coma un preciso acervo imbricado nesa construción de futuro da que estamos a considerar e da que non podemos mais que afacernos partícipes dun curso que desembocará, ineludiblemente, nun trato de igual a igual cos demais pobos do mundo.

O noso meirande aval será a nosa mesma teima. Teima da que non podemos claudicar por que a única formulación de consistencia que posuímos, é esa precisamente: a tenacidade firme de continuar e que nada nin ninguén, sexa o adversario exterior ou o inimigo interno nos faga tirar a toalla. E facer nosa aquela estrofa de Sementeira, coma himno de gloria á nosa vontade de non desmaiar: Sementar, sementarei, loguiño de crarear, en tanto no pobo  medre un meniño, un vello e un cantar.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *