RAMÓN SUÁREZ PICALLO EN 1954‐56

Xosé Neira Vilas
Suárez Picallo, Alonso Ríos e Fernández del Riego con mozos galeguistas en Buenos Aires. Entre eles, no centro, Xosé Neira Vilas. Fotografía cedida por Lois Pérez Leira.
Eu vivía en Buenos Aires. Era secretario das Mocedades Galeguistas. Convidamos a Suárez Picallo en 1954, para celebrar un aniversario máis do plebiscito de Autonomía de 1936. Pronunciou un extraordinario discurso no Teatro Argentino. Era un gran orador. Un dos mellores oradores galegos de todos os tempos. Escribiu unha “Soflama”para a nosa asociación, texto que publicamos no periódico Adiante. Tivemos varios encontros con el. Sabía das nosas actividades e ata nos “reprendeu” amablemente criticando a nosa radicalidade nacionalista, os nosos actos, os
nosos pronunciamentos. Na derradeira, sorrindo, dixo: “ Pero, tamén, se ós vinte anos non está un máis alá das cousas, ¿cando o vai estar?” ou sexa que aprobaba o noso fervor xuvenil, o noso comportamento ante a causa galega.

Voltou a Chile, onde traballaba como redactor do diario El Mercurio. Cruzou os Andes de novo e en 1956 voltou para quedarse definitivamente en Buenos Aires. Esta vez foi para tomar parte no Primeiro Congreso da Emigración. A súa participación foi moi importante. Ademais de tomar parte nos debates, falou nun homenaxe a Bernardino Rivadavia e nas homenaxes a Castelao e a Rosalía. Na de Castelao, no cemiterio da Chacarita, leu o poema de Paz Andrade “Cando ti volvas polo mar”. Interveu no Acto Académico da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade cunha conferencia titulada: “O idioma galego no fogar, na canción e no traballo”.
Foi el quen a nome de nós todos, na Casa de Goberno, lle expuxo ó presidente arxentino Pedro Aramburo, o contido e o propósito do noso congreso. Xa non voltou a Chile. Ficou de por vida na capital arxentina. Era membro do Consello de Galiza, escribía algo e ditaba conferencias. Nos seus últimos anos atendeu a Cátedra de Cultura Galega que patrocinaba o Centro Lucense e dirixiu o periódico Lugo. Estaba triste. Era un home vencido pola vida. Por iso non escribiu o libro que lle encargamos sobre “Castelao político”. Escribiu dous ou tres folios que logo me entregou e nada máis.

Son inesquecibles as súas palabras no Centro Ourensán cando en 1959 despedimos a Ramón Otero Pedrayo que fora a Buenos Aires invitado polo Centro Galego. O gran orador de
Sada falou a nome de todos os emigrantes con palabra rexa e emocionada ó mesmo tempo. era un home singular. Un galego que debemos ter sempre presente. As novas xeracións case non saben del. É moi importante que os sadenses e todos os galegos o recorden, que evoquen a súa memoria, que o teñan presente. Foi unha figura galega importantísima no devir do nosa país no século XX; na exaltación da nosa lingua e da nosa identidade nacional.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *