RAMÓN SUÁREZ PICALLO COMO ORADOR: COMO ORADOR EXTRAORDINARIO (UNHAS CANTAS NOTAS)

Xesús Alonso Montero
Suárez Picallo falando na cátedra de cultura galega do Centro Lucense. Fotografías cedidas por R. Tenreiro Suárez.

Non é a primeira vez que falo das virtudes oratorias de quen, moi novo aínda, deslumbraba, a tirios e troianos, desde unha tribuna. Antes dos trinta anos a súa sona de orador, nos ámbitos esquerdistas de Buenos Aires, era moi grande, case proverbial. Por iso os comunistas e os sindicalistas radicais lle encomendaron a misión –e o privilexio- de pronunciar a oración fúnebre en honra de Lenin, que morrera o 21 de xaneiro de 1924. Por certo, nun momento do discurso, cando a multitude aplaudía, fervorosa, un parágrafo vibrante, o orador, suoroso, limpou o rostro, instante no que os oíntes escacharon nunha inmensa gargallada. Suárez Picallo, que xa era un pouco desleixado no vestir, sacara do peto non un pano senón un par de calcetíns, o que repetiu varias veces na súa alocución, coa pertinente resposta por parte do público. Aínda así, algunhas das secuencias eran tan conmovedoras que aquela multitude non lle regateou aplausos a aquel orador tan despistado. A anécdota, tal como a contou no seu día o escritor Ricardo Palmás, recóllea Lois
Pérez Leira, biógrafo do noso ilustre orador.


Ricardo Carballo Calero, que o tratou e coñeceu ben, dixo de Suárez Picallo: “Era orador nato, dotado dunha poderosa garganta”. Así o percibiron os camaradas seus que asistiron o 6 de decembro de 1931 á clausura, en Pontevedra, da Fundación do Partido Galeguista, acto no que as súas palabras impresionaron, incluso aquelas nas que fixo referencia ás “súas convicións marxistas, compatíbeis coas reivindicacións autonomistas” (El Pueblo Gallego, 8 de decembro de 1931).

Xa no Congreso dos Deputados (1931-1933), o seu castelán parlamentario, que admiraba a moitos, suscitou unha gabanza excepcional, a do filósofo e brillantísimo escritor José Ortega y Gasset, que, a primeira vez que o oíu, dándolle co cóbado ó seu compañeiro de escano, preguntoulle: “Quien es esta voz pegada a un hombre”. No Congreso houbo un parlamentario, non menos ilustre, que foi crítico cun recurso oratorio do noso deputado. De don Miguel de Unamuno é esta observación:

Es intolerable este Picallo; se queda ahí en
el salón empleando una vez tras otra la palabra
“rus”, como si no existiese la verdadera
palabra castellana. Yo no transijo con
estos atentados a nuestro idioma.

En efecto, Suárez Picallo sabía, como outros oradores, que a utilización de voces “nobres” (un latinismo, neste caso) era un recurso eficaz en certas ocasións. Sorprende en Unamuno, profesor de Filoloxía Clásica, a xenreira que lle producía este vocábulo latino, que todos, por outra parte, entendían cando do campo, do mundo rural, se falaba. 

Suárez Picallo, como todos os grandes comunicadores, botaba man de recursos moi distintos sempre cun gran sentido literario da peza parlamentaria. Nunha interpelación do 12 de xaneiro de 1932, referíndose á situación das xentes humildes de Galicia, profire estas palabras:

[…] falta de América el giro habitual, que
viene a enjugar el humilde presupuesto familiar;
falta la pequeña letra de cambio, que
es siempre un poema de esfuerzo y un poema
de ternura […]

En data próxima, sorprendía ó Congreso con esta formulación:

En esta hora de renovaciones, los utópicos y
los líricos hacen de precursores.
Ou estoutra:

[…] si hay una grande escuela de libertad,
si hay una escuela de altos, generosos y
grandes ideales, es el mar, que presenta ante
nuestros ojos horizontes infinitos […]

Tratando do “rus” galego, Suárez Picallo, que milita nun partido non marxista, ten a pericia oratoria axeitada para facer ver, a propios e alleos, que Carlos Marx, dalgún xeito, está presente na súa concepción das cousas:

Decía el señor Díaz Alonso que el maíz no
se utiliza como pan… Se come el pan de
borona, y todos los días y en todas las casas
labriegas de Galicia hay el desayuno típico
que se llama “papas de maíz”, que es algo así
como la polenta italiana, que Marx señala
como la alimentación de los pueblos más
desesperados […]

Eduardo Blanco Amor, que foi fraternal amigo de Suárez Picallo, afirmou, referíndose ós seus discursos, que constituían pezas “de oratoria única”, e Luís Seoane, que trazou unha conmovida nota necrolóxica, caracterizou a súa linguaxe como a mellor comprendida “por los labriegos, obreros y marineros en los actos que se organizaban en los que participaban las más ilustres personalidades intelectuales de Galicia”.

No ano 1990, despois dunha conferencia miña en Buenos Aires, na que falaba dos nosos exiliados, unha señora saudoume e felicitoume, e felicitoume porque me referín a Suárez Picallo, como orador, con palabras moi gabanciosas. Na conversa, esta muller, duns setenta anos, arxentina, comunicoume que coñecera a “don Ramón” no Centro Lucense onde pronunciaba conferencias sobre temas de cultura galega. Tamén me comunicou, con emoción, que cada 14 de outubro (data do pasamento de “don Ramón”) visitaba a súa tumba e lle escribía un soneto. Algúns eran sonetos de amor
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará