Vanesa Santiago Vázquez
Marchaches, como outros tantos,
esperanzado, de morriña ateigado,
das costas deste mar que ondea estraño
por perderte a ti, e a outros tantos.
Non cansaches de levar mundo adiante
a túa palabra que foi fermentando
sabedoría que en falta imos botando
ancorados a esta terra, emigrante.
Soportamos acotío as burlas deles,
os que nunca marchan forzosamente
desta terra nosa que é súa ano tras ano
dado que a abandonamos mainamente,
con títulos e sen cartos, tan abraiados…
Como ferida aberta, novamente
desangrándonos neste pasado presente.
Onde vas? Regresa! Este é o teu fogar!
Dende a punta do faro agardo o abrente
e sei que un día, Ramón, has de voltar.