Untitled Post

Editorial da Redacción    

Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo                    14 de outubro de 2014 nº 9 – Sada


Tes, prezado lector, nas túas mans o número 9 de Areal, dedicado de xeito especial a lembrar o 50 aniversario do pasamento de Ramón Suárez Picallo (Beloi, 1894-Bos Aires, 1964). Despois de 44 anos soterrado na Chacarita, temos desde o 14 de outubro de 2008 as súas cinzas no Fiunchedo, feito que motivou o nacemento da nosa Asociación, hai xa seis anos, e, xa que logo, a aparición da presente revista en 2010.

Nestes tempos de crise, non corren momentos fáciles para a cultura e menos para nosa lingua, pois é case unha utopía manter unha publicación en galego. Comezamos esta ilusionante aventura semestral multidisciplinar coa sa intención de aprender o que descoñecemos e gozar, mellorar e conservar no posible o que temos para legalo aos que nos sucedan.

De ben nacidos é ser agradecidos. Areal é froito de moitas colaboracións e aportacións. Nesta lista de agradecementos, ti, lector, ocupas un lugar preferente, pois fas posible, coa túa demanda, que esta publicación teña vida. De feito, dos primeiros números fixemos unhas tiradas de 600 exemplares; dos dous últimos 700 e agora neste chegamos aos 800.

Dúas veces ao ano cumprimos co compromiso de saír de balde á rúa, grazas á xenerosa colaboración de empresarios sadenses e da comarca así como do Concello de Sada. Non podemos esquecer aos que enchen de amplo e variado contido Areal ofrecéndonos as súas investigacións e traballos dun xeito altruísta. E temos que salientar o incondicional apoio dos 70 socios que, coas súas cotas, están aí para axudar a sufragar os custos doutras publicacións e actividades que de xeito gratuíto promovemos.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *