A MAN QUE NOS ALIMENTA: AS PRADERÍAS MARIÑAS

Sociedade Galega de Historia Natural-Delegación de As Mariñas.
As agrupacións de plantas mariñas con aspecto herbáceo como as de Zostera, son coñecidas, pola súa similitude, como praderías mariñas. Están formadas por plantas mariñas atopadas nas zonas costeiras abrigadas, crecendo en area ou substratos lamacentos onde lle proporcionan hábitat, recursos e refuxio a moitos invertebrados mariños e peixes. Como tal, as praderías mariñas ou zosterais son considerados hábitats de gran importancia para as etapas xuvenil e larvaria de moitos peixes, cun gran número deles de importancia comercial (abadexo, solla, merlán, linguado, bacallau, coruxo, faneca, arenque…) ademais de outros organismos de especial interese como o cabaliño de mar. Por outra banda, contribúen á estabilización do sedimento, filtración de nutrientes, clarificación da auga, aporte de osíxeno e sumidoiro de dióxido de carbono.

Estes zosterais, son compoñentes moi importantes dos ecosistemas costeiros e están actualmente experimentando un gran descenso en todo o mundo. Nos últimos anos, estas zonas, están resultando seriamente afectadas, vendo reducida a súa extensión, como un resultado de rápidos cambios ambientais e alteracións ocasionadas pola man do home (residuos procedentes da agricultura, sobrepesca, dragados, eutrofizazón, acuicultura, construción costeira…). Están clasificados entre os ecosistemas máis valiosos do mundo, superando os valores económicos dos arrecifes de coral ou mesmo dos bosques tropicais. Os zosterais están así incluídos no convenio OSPAR (Convención para la Protección del Medio Ambiente Marino del Atlántico del Nordeste), que recolle especies ameazadas e/ou en declive.

Estes pastos mariños son uns auténticos enxeñeiros do ecosistema, no sentido de que eles modifican significativamente as condición ambientais do seu ecosistema. Por exemplo, alivian o estres hidrodinámico atenuando as correntes e ondas, reducen os niveis de sedimentos en suspensión e como consecuencia melloran as condicións de luz e, por último, aumentan a concentración de nutrientes dispoñibles para as especies que alí se alimentan.

Representación esquemática dun zosteral

Para atender ás necesidades da poboación humana prevista para o 2050, considérase necesario un aumento do 50% de peixes e invertebrados (FAO, 2010); isto requirirá apoiarse nos ecosistemas mariños e costeiros que incrementarán a produtividade da pesca. No caso da ría de Sada, a súa importancia é tal, que unha redución destes hábitats levaría cara a unha importante redución da súa capacidade produtiva e por conseguinte un duro golpe ao noso fráxil sector pesqueiro.

No concello de Sada podemos atopar praderías compostas por dúas especies; Zostera marina, na súa zona máis profunda, e Zostera noltii, nas zonas máis someras e lamacentas e unicamente emerxidas durante as baixamares. Trátase de plantas perennes e a súa época de reprodución vai dende o final da primavera aos meses do verán.

Representación da distribución das dúas especies de Zostera na praia de Sada: en cor escura, Z. noltii e en cor clara, Z. marina.

Aparecen en arribazóns moi frecuentemente e o seu aspecto é como o dunha herba. No caso das dúas especies que podemos atopar en Sada, ambas son moi semellantes entre si, e comparten o espazo en moitas ocasións. Unha pequena diferenza é que Zostera noltii é un pouco máis estreita. En Galicia ten varios nomes comúns, entre os máis usados estaría “cebado”, “xebra” ou “xebre” e “argazo” ou “algazo”. Podemos atopala facilmente na praia de Sada, o que lle confire en parte ese tan característico cor verde nas horas de marea baixa, e noutros recunchos da nosa ría.

Vai coller o gasto
c’ un sacho e c’ un cesto,
o gasto das bestas,
dos homes e cerdos,
e mais para estrume
o golfe mareiro,
a xebra e argazo,
o bocho e verdello.

P. SARMIENTO
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *