A Terraza nos anos 20. Fondo fotográfico Memoria de Sada (CeMIT Sada)
Unha das páxinas máis interesantes da historia da arquitectura moderna en Galicia, é aquela que corresponde á construción de quioscos e pavillóns levantados nas dúas primeiras décadas do século XX e que se situaban en zonas de recheo gañadas ao mar nas cidades costeiras como A Coruña nos Xardíns de Méndez Núñez, onde van xurdir este tipo de instalacións.
É aquí, nos Xardíns de Méndez Núñez onde se instala A Terraza no ano 1912, obra do arquitecto Antonio López Hernández, que durante anos foi cafetería e café cantante. No ano 1922, A Terraza é trasladada desde A Coruña a Sada. A persoa que fixo isto posible foi o Sr. Manuel Zapata Montero, importante empresario sadense naquela época. Logo de anos, A Terraza pasou do Sr. Zapata á familia Fariña, primeiro con Francisco Fariña, logo os seus fillos e hoxe en día os seus netos.
A Terraza foi instalada no centro de Sada na Avenida da Mariña. Para acceder a ela había unhas escaleiras á fronte en forma de media lúa, que eran famosas e onde todos querían facerse a foto. As reixas eran bonitas e o mesmo o peche. Houbo un tempo que había mesas e cadeiras baixo a parra. Hoxe en día ten dúas escaleiras laterais. Unha vez dentro do edificio, á esquerda está a cafetería e á dereita o Restaurante. As dúas plantas do edificio comunícanse a través dunha escaleira interior e centrada fronte á entrada principal, que se divide en dúas escaleiras laterais a partir dun descanso. Na parte superior organizábanse bailes e tamén banquetes. Como restaurante, é o máis antigo de Sada e o único que podía acoller banquetes de voda. Foi famoso na súa época e ten máis de 90 anos de antigüidade. A súa carta era variada e a súa especialidade era a “tortilla a la Terraza”.
memoriadesada.com